Cuestionario Proust: Modesto Fraga

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Modesto Fraga:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia, a perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sen dúbida, a lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Principalmente tres cousas: comprensión, lealdade e xenerosidade.
4.– A súa principal eiva?
– Son bastante testudo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar coa familia, escribir, ler, aprender cada día cousas novas…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pechar algún día a cuadratura do meu círculo vital. Seguindo os consellos do poeta cubano José Martí, xa escribín o libro, xa plantei a árbore…, así que agora ese ideal de felicidade está cada vez máis preto. Haberá que poñerse…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ser alguén que tivese o suficiente poder para lograr unha sociedade máis xusta e humanitaria, sen discriminacións nin abusos.
9.– En que país desexaría vivir?
– Vivo felizmente no país dos meus ancestros, Galicia, e síntome orgulloso de pertencer a unha resistente estirpe milenaria. “Eles somos nós”, que diría o poeta Anxo Angueira.
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O caravel, polo que representa simbolicamente para os dereitos e liberdades.
12.– O paxaro que prefire?
– De neno encantábanme os verderolos, os xirís de cabeza negra, os xílgaros. Hoxe en día gústanme todos.
13.– A súa devoción na prosa?
Xosé Neira Vilas, Manuel Rivas, Gabriel García Márquez, Agustín Fernández Paz e moitos máis….
14.– E na poesía?
– É imposible nomealos todos: Miguel Hernández, Pablo Neruda, Quevedo, Cabanillas, Méndez Ferrín, Manuel Álvarez Torneiro, Xavier Seoane, Rafa Villar, Olga Novo…
15.– Un libro?
– Vou dicir cinco: El rayo que no cesa, Cien años de soledad, Memorias dun neno labrego, Con pólvora e magnolias, Non hai noite tan longa.
16.– Un heroe de ficción?
– Asterix.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Berrogüetto, Luar na Lubre, ACadaCanto, Sés, Joaquín Sabina e os grandes da música clásica: Puccini, Bach…
19.– Na pintura?
– Velázquez, Miró, Picasso. Dos nosos, Urbano Lugrís, Isaac Díaz Pardo, Quessada, Nolo Suárez…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As mulleres deste país (labregas, viúvas de vivos e mortos…) que, contra vento e marea, foron quen de saír adiante, malia as adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Rosalía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A intolerancia, a soberbia.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia, o abuso de poder, as ditaduras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Stalin e Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter a capacidade de comprender todas as linguas do mundo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na casa, rodeado dos meus seres queridos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A felicidade. Son moi feliz e afortunado coa vida que teño.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– En ocasións, o mal xenio, o “pronto” dalgunhas persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– O esforzo sempre ten a súa recompensa.”

Ferrol: conferencia sobre Persoeiros de Galicia e recital poético

O sábado 23 de novembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, e con entrada de balde, terá lugar unha conferencia sobre Rosalía de Castro a cargo de Jesús Matesanz, seguida dun recital de poesía galega, por Xaime Marí (actor), con este programa:
– A Galicia, de Francisco Añón.
– O maio, A Rosalía e Cantiga, de Manuel Curros Enríquez.
– Dos celtas antigos, de Eduardo Pondal.
– Sobre o sol, de Ramón del Valle Inclán.
– Camiño longo e A rosa que sangra, de Ramón Cabanillas.
– O hórreo, Longa noite de pedra e A Castelao, de Celso Emilio Ferreiro.
– Negra sombra, Castellanos de Castilla e Adiós ríos, adiós fontes, de Rosalía de Castro.
– Himno galego, de Eduardo Pondal.

A Real Academia Galega recibe a doazón do manuscrito de Ramón Cabanillas A rosa de cen follas

“Un verso de Rosalía dá título á obra mais íntima, depurada e delicada de Ramón Cabanilas, A rosa de cen follas. Un poemario con composicións de amor que evidenciaron no seu momento (1927) a un escritor preocupado pola sinxeleza formal. O mecanoscrito orixinal deste texto, cunha dedicatoria do autor a Enrique Peinador Lines, repousará desde o xoves 10 de xaneiro nos fondos da Real Academia Galega. Isto é posible grazas á doazón que lle fará á institución Jorge Parga Peinador, fillo de Parga Pondal, e neto de Enrique Peinador. O acto de entrega, que terá lugar na sede da institución o xoves 10, inclúe tamén poemas orixinais e fotografías do poeta coa súa familia.” Desde Cultura Galega.

Pontevedra: Concerto do Día das Letras Galegas, o mércores 16 de maio

O mércores 16 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o Concerto do Día das Letras Galegas, no que a orquestra da Real Filharmonía de Galicia, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e o Coro Académico do Conservatorio Manuel Quiroga, baixo a dirección de Maximino Zumalave, interpretarán obras de Antón García Abril, Juan Durán e Rogelio Groba, partituras compostas sobre textos de Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz-Andrade e Ramón Cabanillas. Está organizado polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Pontevedra.

Unha coroa de loureiro para Ramón Cabanillas

Desde Cultura Galega:
“Foi a última homenaxe en vida ao poeta Ramón Cabanillas. No ano 1958, no Paseo do Espolón de Padrón, os intelectuais Paulino Pedret, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramón Otero Pedrayo glosaron a obra do poeta cambadés. O acto rematou coa entrega da coroa de loureiro a Cabanillas, xa moi maior. O Arquivo Sonoro de Galicia publicou no ano 1999 este documento sonoro, que fai o número 17 da colección As nosas voces que estamos a dixitalizar.”

Ramón Otero Pedrayo repasa a vida e obra de Ramón Cabanillas

Desde Cultura Galega:
“O Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1996 o noveno volume da colección As Nosas Voces. Trátase dunha maxistral conferencia de Ramón Otero Pedrayo sobre a vida e a obra do poeta Ramón Cabanillas pronunciada no Centro Galego de Madrid en 1964. A conferencia permite apreciar a impresionante oratoria de Otero Pedrayo. O intelectual foi presentado por Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Sey), aínda que a súa voz non foi gravada.”

Galicia Classics homenaxea a Álvaro Cunqueiro

“O ciclo Galicia Classics fará unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro durante os meses de setembro e outubro coa programación do espectáculo O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro, un recital poético-musical que forma parte das iniciativas programadas no Ano Cunqueiro, no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Este espectáculo rende homenaxe ás obras que inspiraron algunhas das páxinas máis logradas da literatura galega. A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto será o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20:00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento. O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra). Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán-Vello.” Vía Xornal.

Culleredo: presentación da Poesía galega completa de Ramón Cabanillas

O 5 de maio, ás 20:00 na Biblioteca “Uxío Novoneyra” (Pazo de Vila Melania – Vilaboa, Culleredo), terá lugar a presentación do libro Poesía galega completa, de Ramón Cabanillas. O acto, que contará coa participación de Celestino Poza Domínguez (concelleiro de Cultura de Culleredo), Manuel Bragado (director de Xerais), Xosé María Dobarro (coautor da edición) e Xosé Ramón Pena (coautor da edición).