Entrevista
a Ramón Caride na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Ramón Caride (RC): A literatura como actividade é unha parte inseparábel da miña vida. O acto físico de ler ou escribir ocúpame sempre un bo anaco do día. Non é tampouco a miña actividade esencial, en canto que non lle podo adicar todas as horas que ás veces quixera, pero mesmo cando non leo nin escribo, non deixo de pensar no que vou ler ou redactar máis adiante, ou de lembrar o xa feito. Digo como actividade cotiá que un fai, repara. Por contra, a visibilidade desta actividade, o feito de verse como escritor, ou de que a un o miren como escritor, varía moito coas épocas e as situacións da vida. Segundo cadre, un é valorado ou feito de menos. E moitas veces pola mesma xente… Cada vez, a medida que pasan os anos, lle concedo menos importancia a esta segunda faciana. Alén do dito, esta non é unha sociedade particularmente xenerosa cos artistas, pero tampouco cos obreiros nin cos dependentes de comercio. Quero dicir que non hai que andar chorando, ninguén nos obriga a crear, de feito creo que era o meu amigo Cid Cabido quen dicía: “se escribir fose tan malo coma fumar, deixariamos de escribir igual que deixamos o tabaco”. Ou sexa, para min a arte é algo curioso, ou divertido, ou absurdo, pero non me deixa indiferente nunca: sempre teño unha reacción sobre un libro, unha película, un cadro, unha canción ou unha banda deseñada, en cambio o fútbol ou as novas de política só me despertan cansazo ou fastío. Cada un é como é.
– P: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– RC: Como lle cadra. Nin o entendo, nin tampouco quero entendelo. É algo irracional, na súa orixe non ten nada que ver co entendemento ou a razón, é algo máis primario, máis instintivo, que nos sobrepasa mesmo aos autores. Un non escribe, ou pinta, porque quere senón porque non o pode evitar. Parece un tópico, pero é así. (…)
– P: Que visão tens sobre a literatura galega a dia de hoje?
– RC: A literatura galega a día de hoxe, en canto ao seu aspecto editorial, non falo do criativo, ten un moi serio problema: o seu público obxectivo está en claro devalo demográfico. Ou gaña base lectora, sexa dentro ou fóra de Galiza, ou seguirá a irse reducindo, cada paso máis, a pequenos círculos de autores e críticos que se retroalimentan en bucle, pero con escasísimos lectores. Seguramente isto vai parello coa perda do libro como referente social, ou as transformacións da comunicación impostas polas novas tecnoloxías. Os desafíos do momento presente son apaixonantes, pero se cadra tamén son críticos, e non sei se como sociedade estaremos á altura de darlle unha nova dimensión ao noso patrimonio polo que dicía antes: para manter e anovar algo primeiro debemos crer na súa propia valía, e non estou certo de que este sexa o caso. (…)”
Arquivos da etiqueta: Ramón Caride
Cambados: presentación de Liquidación de existencias e Xeografías do deserto, de Ramón Caride
O
venres 13 de maio, ás 20:00 horas, no Pazo Torrado, en Cambados, terá lugar a presentación dos libros Liquidación de existencias, publicado en Xerais, e Xeografías do deserto (libro CD), de Ramón Caride. No acto participan, xunto ao autor, Domingo Tabuyo, María Leyra e Manuel Bragado, e tamén contará coa actuación musical dos participantes en Xeografías do deserto: Ramón Núñez, Sito Suárez e Sara Caride.
Compostela: actos destacados do mércores 4 na Feira do Libro
O
mércores 4 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 18:00 h. Presentación do libro O soño das cores, de Ramón Caride e Jaime Asensi, publicado por Urco Editora.
– 20:00 h. Presentación de Quen dá a quenda?, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
Caride en Pontevedra, por Manuel Bragado
Desde
Brétemas, o blogue de Manuel Bragado:
“Presentamos na Feira do Libro de Pontevedra Liquidación de existencias de Ramón Caride. O presentador do libro, o escritor Xesús Constela, comezou referíndose ao centro comercial e o polígono outlet como metáforas da sociedade actual, onde todo está rebaixado, onde todo está descatalogado ou de saldo. “Ao polígono outlet van parar todas as excrecencias da sociedade, os seres humanos convértense alí en mercadorías, xente que está de rebaixas como prostitutas, mulleres maltratadas, desempregadas, estafadas ou desafiuzadas”. “Ese é o espazo onde Caride localiza os seus relatos, todos eles cheos de realidade, en boa parte tirados das noticias dos xornais”. Seguiu Constela referíndose a “Dous de copas”, a micronovela fragmentada ao longo da obra, “onde Caride manexa a intriga, a retranca e a linguaxe dunha maneira perfecta, creando unha atmosfera envolvente para dous rapaces que pretenden dar un golpe que lles solucione a vida”.
Ramón Caride confesou que boa parte dos relatos naceran de noticias do xornal. “O arranque de “Dous de copas” foi un titular que lin na Voz de Galicia referido a dous mozos simpáticos e de boa familia que sufriran un accidente de tráfico”. “Todos os relatos do libros comparten unha atmosfera apocalíptica, onde todo está en venda, tanto mercadorías como persoas”. “Liquidación de existencias é unha tentativa de escribir despois da cicloxénese low cost da crise que nos afectou en todos os ámbitos das nosas vidas, nos culturais e nos outros. Mudaron os séculos, pero seguimos cos mesmos distribuidores. Sei que todo non cabe nos contos, pero as novelas acaban como acaban. Liquidación de existencias supón un berro neste deserto emocional”.
Pontevedra: actos destacados do xoves 7 na Feira do Libro
O
xoves 7 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados:
– 18:00 h. Presentación dos libros infantís O Mago de Oz e Drácula, traducidos por Tamara Aymerich, publicados por Baía Edicións.
– 19:00 h. Presentación do libro A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, publicado por Baía Edicións.
– 19:00 h. Tamara Andrés asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Paz.
– 20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. Acompañarán ao autor Xesús Constela e Manuel Bragado.
Faladoiro literario con Chus Nogueira e Armando Requeixo (marzo 2016)
Desde
o
Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Faladoiro coa presenza de Chus Nogueira e Armando Requeixo. Pode verse aquí.”
Ramón Caride: “Liquidación de existencias é reflexo deste mundo convulso”
Ramón Caride: “Se podes contar unha historia nunha páxina, para que vas escribir catro?”
Ramón Caride fala de Liquidación de existencias
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Ramón Caride fala de Liquidación de existencias, un libro sobre a actualidade en modo “apocalipse selfie”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Liquidación de existencias, de Ramón Caride
Desde o
Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Ramón Caride arredor de Liquidación de existencias, publicado en Xerais. A entrevista completa pode verse aquí.”

