‘Celso Emilio Ferreiro
foi coñecido como moi poucos escritores, segundo apunta Ramón Nicolás, que está preparando unha biografía sobre o escritor que ten previsto publicar Xerais, despois de ter realizado numerosos estudos sobre a obra do escritor de Celanova. Nicolás sinala que o Día das Letras Galegas “marcou un punto de inflexión na celebración: a cantidade e intensidade de actos que se celebraron, non só a nivel académico, senón e sobre todo popular”. Por isto, considera o biógrafo que desde o ano 1989 non hai grandes novidades na recepción da obra de Celso Emilio “fóra dalgunhas achegas interpretativas illadas e puntuais; non hai aínda un estudo que cualificaría como definitivo sobre a súa obra”. Para Ramón Nicolás, aínda con todo o coñecemento que hai da obra de Ferreiro, quedan algunhas sombras sobre algunhas facetas e xéneros que o escritor practicou. Neste sentido explica que “sobre todo a narrativa, por non estar tan popularizada como a poética”. “E son da opinión que hai aí un narrador de altura. Tamén recibe unha escasa atención o labor xornalístico e aqueloutro de carácter político derivado das súas responsabilidades políticas desenvoltas tanto na Federación das Mocedades Galeguistas como no seo dos primeiros anos da Unión do Povo Galego e na súa militancia no PSG”. Sinala que tamén sería desexable desbotar “algúns tópicos evitables ao pouco que un se informe e contraste datos. O máis molesto son afirmacións acusatorias un tanto infamantes e que nunca se acompañan de documentos”. (…)” Vía La Voz de Galicia.
Arquivos da etiqueta: Ramón Nicolás
Entrevista a Francisco Castro en Qué leer
Entrevista
a Francisco Castro en Qué leer, traducida ao galego por Ramón Nicolás no seu blogue Caderno da Crítica:
“(…) – Qué leer (QL): Dende a túa atalaia como editor en Galaxia, como enfrontas os desafíos destes tempos?
– Francisco Castro (FC): O futuro é dixital, e témolo moi claro. Galaxia non é unha empresa, é un proxecto, é unha idea de país e sempre quixo que a literatura galega estivese na modernidade. Hoxe estamos encantados de recibir galardóns, algúns recoñecendo o noso traballo nas novas tecnoloxías. A isto engadimos a nosa presenza nas redes sociais, na blogosfera… Ou a lingua galega está aí ou cómennos.
– QL: Noutra orde de cousas, que cambiou en ti despois do multipremiado e reeditado Chamádeme Simbad, hai pouco traducido o castelán e catalán?
– FC: En min hai algo antes e despois deste libro. Non a nivel estilístico porque ese narrador que eu utilizo está sempre, pero si cambiou a nivel de percepción social da miña obra: as alegrías que me deu este libro son moitas, aínda que nacese dunha ferida. Decátome de que con el cheguei a obter recoñecemento da crítica e de lectores; ao tempo permitiume valorar a importancia da literatura. Noto a sensibilidade dos lectores máis novos sobre o tema que trato na novela, que é o Alzhéimer.
– QL: Consideras necesaria a proxección cara a fóra da nosa literatura?
– FC: Absolutamente. Eu sempre digo que escribo non só para que me lean en Galicia senón para que me lean en todo o mundo, e escribo dende a miña lingua. A miña novela Xeración perdida está tamén a punto de saír en castelán no selo Pulp Books: é unha das miñas novelas máis queridas, se pode chegar a outras latitudes será unha grande alegría. (…)”
VENTO LOIS o 12 de maio
A
seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 20:00 h.: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro… Se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición: “quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (por exemplo)”.
Na web de Lois Pereiro habilítase un espazo para anotar as iniciativas de cada localidade, e así organizar xente, propostas e esforzos. As dúbidas ao enderezo oficial loispereiro2011@gmail.com.
PROPOSTA DE ESCALETA VENTO LOIS (12 de maio de 2011)
1. LECTURA DO MANIFESTO LOISISTA:
Loita, furia, humor… Amén!
Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio zombie de Microsoft mental.
¿E de que parte estaba eu? Da parte dos que intenten dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita (unha historia da infamia que xa non nos permite ser inxenuos) continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós.
Se alguén non o sabía xa é que estaba cego: non queremos ter amos.
Pode que xa nos atopemos a poucos metros da nosa extinción, pero o sentido do humor pervivirá sempre, e o sentido crítico deixa un rastro detrás, con mans, sen elas, cos miolos no cranio ou espallados polo chan. Volveremos á terra, e aos outros elementos primordiais. Como dicía Zeca Afonso: “Camaradas de armas dos catro elementos!…”
Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, “porque me peta e quero e dáme a gaña…”. Moitas culturas crúzanse no meu espírito e no meu corazón non hai fronteiras. Ninguén me impediu nunca ser máis crítico e sarcástico co que eu sinto máis meu, propio e herdado.
Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo… e nada máis.
Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis.
Sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos, como a estratexia humilde e provocadora de Bartleby, o gris e lúcido escribente de Melville, que para non someterse sen máis ás ordes arbitrarias, dicía simplemente, sen ira, pero teimosamente: “Preferiría non facelo”.
A reflexión, as ideas, a creación ou as palabras. A arte e a cultura é sempre o que me salva da tentación da morte e me anima a reiniciar.
A verdadeira poesía nunca minte, por ferinte que sexa. Quen crea algo sen intencións perversas é inocente da súa posible perversión. Bernhard, Beckett, Cioran, Genet, Celan, Valente, Shopenhauer, Pound, Carver, Poe… tiñan razón, temos razón. E tiñan razón Yeats, Dylan Thomas, Eliot, Joyce, Homero, Dante… temos razón tamén a un tempo, como todos os atormentados ou felices pintores da Beleza e das tebras que cohabitan comigo o meu cerebro, discutindo sen pausa dentro da miña alma…
E a verdade é que “na miña vida nunca vin máis que tolos e enfermos” (Bernhard); que “Morrer é ben doado; vivir é o difícil” (Maiakowski) e tamén que “Vivir é fácil. Arduo sobrevivir ao vivido” (Valente).
O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande.
A dor, a escuridade, o mal tamén existen por nós e contra nós, pero axudan a que a beleza e o pracer sexan aínda máis brillantes. Por iso non debemos evitar, para aforrarnos sufrimento, a parte máis escura en cada cousa, porque produce a lucidez e o horror de seu coñecemento.
Aprender é unha vitoria. Dubidar é unha loita continua, e a Crítica nunca hai que desterrala.
Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco e ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa.
Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Amén.
(Escolma de Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Lois Pereiro)
2. RECITAL: lectura participativa de poemas de Lois.
3. INTERVENCIÓNS: lectura de textos e mensaxes a/sobre Lois.
4. MÚSICA & OUTROS: cancións en directo ou gravadas, escenificacións, performances…
VENTOS CONFIRMADOS
- LIMOGES: No Instituto Léonard Limosin, ás 10:00 horas, os alumnos de último ano lerán poemas diante unha pequena exposición con fotos, poemas e debuxos no hall do recreo. E, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Municipal Jean Moulin, actuación do grupo VACARM (Voyager avec les cheminots amoureux de la résonance des mots = Viaxar cos ferroviarios namorados da resonancia das palabras).
- MONFORTE: O xoves 12 ás 12:00 h. todos os centros de ensino da vila pararán para realizar lecturas de Lois Pereiro. Ás 20:00 h. no Salón de actos do Centro do Viño terá lugar un recital aberto sobre textos de Lois.
- NOIA: Os dous institutos da vila sacarán un grupo de alumnos/as á rúa e con xices irán pintando os versos de Lois por toda a vila, para que todo o mundo o poida ler, entre as 12:45 e as 14:35 horas. Trátase dunha iniciativa do EDLG do IES Campo de San Alberto a quen se une o IES Virxe do Mar e que realizaremos coa colaboración do Concello de Noia. Os versos permanecerán nas rúas de Noia ata que as inclemencias do tempo e as pegadas dos transeúntes os vaian levando.
- MADRID: Galego en Madrid-Espazo das Linguas Ibéricas (proxecto da Xunta de Galicia, Universidad de Alcalá, Instituto Cervantes …) organiza un acto que terá lugar entre as 18:00 e as 21:00 h. no Instituto Homeopático y Hospital San José (Rúa Eloy Gonzalo 3-5). Comezará coa lectura do Manifesto Loisista, seguirá co coloquio Lois Pereiro entre Galicia e Madrid, con María Xesús Nogueira e Luis Luna, continuará cun recital dos estudantes do curso de galego e poetas convidados, e finalizará con arte, música e comida dos propios alumnos.
- SANTIAGO: A partir das 19:00 h. no Local Sociocultural da Caramoniña, na cima do parque de Bonaval, terá lugar a acción sentimental Aclamación a Pereiro, concerto do Leo, lectura do Manifesto Loisista por Paco Macías, organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
- SADA: Ás 19:00 h., no Centro Municipal da Xuventude de Sada: lectura dun guión biográfico sobre Lois intercalado con poemas do mesmo (as lecturas serán realizadas por integrantes da Asociación, alumnos dos centros de ensino e todo aquel que esta interesado) e posterior lectura de textos de autores locais en galego e/ou sobre a lingua. Organizado polo Concello e a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.
- SARRIA: Ás 20:00 h. na Casa da Cultura lectura de poemas de Lois Pereiro.
- FENE: A partir das 20:00 h. no Casino de Perlío haberá un recital VENTO LOIS a cargo dos e das participantes do obradoiro literario que se desenvolve cada venres, desde hai 10 anos, na Biblioteca Municipal (Museo do Humor). Leranse poemas de lois e mais poemas propios na súa homenaxe.
- BERGONDO: Ás 20:00 h. no Edificio da Senra, o grupo Eolo Teatro estrea Recitalois, baixo a dirección de Willy Eter.
- GONDOMAR: A partir das 20:00 h. a Asociación Espazo Lectura celebrará unha lectura de poemas de Lois Pereiro na Cafetaría Rañolas (Rúa Otero Pedrayo, 3), precedida por Gonzalo Navaza, quen lerá o Manifesto Loisista.
- CARBALLO: Ás 20:00 h., no Pazo da Cultura, lectura do Manifesto Loisista; presentación do libro Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas, coa participación da autora e de Francisco Pillado; e lectura compartida de textos e poemas de Lois Pereiro. Organizado pola A. C. Lumieira e a colaboración da Editorial Laiovento e o Concello de Carballo.
- VIGO: Ás 12:00, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, o grupo de investigación GAELT (Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía) do Departamento de Filoloxía Galega e Latina organiza un recital de poemas de Lois Pereiro e traducións ao inglés, alemán, francés e catalán, proxección de vídeos e música sobre Lois e unha conferencia de Manuel Forcadela, xunto á presentación do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, monográfico Lois Pereiro publicado en Xerais, e elaborado polo GAELT baixo a coordinación de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez. Ás 17:00 h., no Conservatorio Superior de Música (Monte do Castro, s/n.), acto de homenaxe con poemas de Lois e música de David Bellas, por profesores e alumnado da Escola Superior de Arte Dramática e do Conservatorio. A partir das 20:00 h., inauguración da exposición Lois Pereiro. Lírica Punk, no Verbum (Avenida de Samil, 17), onde Ramón Nicolás lerá o Manifesto Loisista e Marcos Calveiro recitará poemas de Lois.
- RIBEIRA: Ás 20:00 horas, organizado polo Grupo Pinche en colaboración co IES Leliadoura e o Departamento de EF dese centro, o VENTO LOIS zoará desde diversos bares e tabernas baixo o principio “Se mahoma nom vem a montanha, imos levar a montanha a mahoma ainda que seja a caldeiros!”. Os locais serán: Capitán Morgan, A Caverna, Albatros, Ateneo Valle Inclán (Bar Plaza) e A Taberna do Riaso.
- FERROL: A partir das 20:00 horas, organizado polo Ateneo Ferrolán, en colaboración co Concello, no Cantón de Molíns (Praza da Constitución): letras colgadas en globos simbolizando o Manifesto Loisista, e que serán botadas ao VENTO, Lectura do Manifesto polo presidente do Ateneo, reparto do mesmo o público asistente na rúa e lectura de poemas.
- LALÍN: Ás 20:30 h. no IES Ramón Aller, lectura do Manifesto e despois conferencia de Antón Losada, co título: Que foi da Galicia de Lois?. Organizados por A. C. O Naranxo e Queremos Galego Deza.
- OURENSE: A partir das 20:30 horas, representación de Mundo Lois na Sala Principal do Auditorio Municipal. Ás 12:00 horas funcións escolares para o segundo ciclo da ESO e Bacharelato. Ás 18:00 h., na Livraria Torga, presentación do libro-cd-dvd Oito cancións para oito poemas de Lois Pereiro, coa lectura do Manifesto Loisista e dos oito poemas que forman o traballo, a cargo de Alexandro González, Lino Braxe e Roi Maceda, iniciando a exposición de 9 ilustracións de Pedro Villarejo na mesma libraría até o 10 de xuño. Ás 20:00 horas, a veciñanza da Ponte Canedo (Ourense) súmase cun acto no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), consistente na lectura do Manifesto Loisista, a proxección do vídeo Declaración, a lectura de poemas do autor a cargo de veciñas e veciños do barrio, xunto á interpretación dunha peza de Bach en directo. Tamén haberá actividades infantís que gardan relación con Lois Pereiro.
- A CORUÑA: Ás 21:00 h. no Antigo Cárcere Provincial, concerto en homenaxe a Lois de Ulträqäns e Loretta Martin, e recital de Cesáreo Sánchez Iglesias, Xulio López Valcárcel e Antía Otero, nun acto presentado por Manuel Rivas e Xurxo Souto. Ás 19:30 h., no FNAC, Chelo Suárez aproveitará a presentación do seu libro As horas rotas para ler poemas seus en homenaxe a Lois, mentres que, a esa mesma hora, 20:00, no salón de actos da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ‘Fantoches Baj’ representará o espectáculo Poesía última de Lois Pereiro; e no Museo de Belas Artes lerase o Manifesto Loisista, proxectaranse varios videopoemas de Pedro Ramos sobre a obra de Lois, e haberá un recital coa participación de Andrés Ibáñez, Olga Patiño, Tiago Acosta, Juan García e Uxía Vázquez. Previamente, a partir das 12:30 horas, o Centro de F. P. Tomás Barros (rúa Ramón María Aller, 10 entrechán), nun acto aberto á participación de quen se queira achegar, lerase o Manifesto Loisista, seguido dunha lectura de poemas de Lois a cargo do alumnado, unha breve brisa biográfica do autor e un furacán musical de melodías domésticas.
- BETANZOS: Ás 20:30 horas, a A. C. Eira Vella desenvolverá a homenaxe a Lois coa participación de alumnado do IES Francisco Aguiar lendo poemas de Lois (percorrerán o propio día 12, de 10:30 a 12:30 h., o casco histórico de Betanzos para capturaren imaxes baixo a inspiración duns poucos textos escollidos da obra de Lois, vinculando a imaxe coa letra) e a proxección dun vídeo do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Vales Villamarín coas voces dos nenos e nenas contando a vida e obra de Lois. A xente de Eira Vella tamén lerá o manifesto e recitará algún poema ou texto.
- BUEU: Ás 20:30 horas, recital con poesía e música de e sobre Lois no Bar Aturuxo (Rúa Pazos Fontenla, 59).
- TUI: A partir das 20:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal, lectura do Manifesto Loisista, recital de poemas e música ao vivo.
- ARTEIXO: Ás 20:30 horas, no Café Concerto Bata de Guata (Rúa Xeneral Mosquera Palleiro, 2, xunto ao paseo fluvial), lectura de poemas e música a cargo de Cántigas da Terra, Tati Mancebo e Antón Borrazás.
- CANGAS: A partir das 22:00 horas, no Pub Canis Lupus (Rúa Ferrol, 22), lectura do manifiesto Loisista e a continuación audición colectiva do CD dos poemas de Lois. Recita O Leo, con música de Alfonso Camarero.
- PARÍS: O VENTO LOIS chegará o venres 13 de maio de 18:00 a 20:00 h. na sala 1.3 do Instituto Cervantes de París, xa que non foi posible organizalo o día 12. Lerase Manifesto Loisista, recitaranse e comentaranse poemas del, e visionaranse vídeos e imaxes súas, escoitando a súa autobiografía e poemas musicados. Os actos están organizados polo Centro de Estudos Galegos.
Premios AELG 2011
Estes
son
os gañadores/as dos Premios AELG 2011, fallados na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que premian as mellores obras editadas en 2010 nas modalidades de:
Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
Recollido en Xornal, Galicia Hoxe, Faro de Vigo, La Opinión, A Nosa Terra, Xerais, Cultura Galega e Fervenzas Literarias.
Vigo: presentación de En defensa do poleiro
O
xoves 24 de febreiro, ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Alfonso Eiré, Anxo Angueira, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Vilanova, Rafael Laso, Ramón Nicolás, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador).
Top 10 – narrativa galega 2010, segundo Ramón Nicolás
(Xerais, Cadernos da Crítica -blog do autor-)
Diego Ameixeiras: “Non son analista político. Só escribo novelas”
Entrevista de Ramón Nicolás a Diego Ameixeiras. (La Voz de Galicia, a través de Xerais)
Ourense: Auria, actividades dos días 16 e 17
Dentro das
actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o sábado 16 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
19:00 h. Mesa redonda sobre A novela histórica, fenómeno de masas, coa participación de Almudena de Arteaga, Xosé María Paz Gago e Manuel Pimentel, moderada por Ramón Nicolás, tras o encontro e sinatura de libros de César Vidal.
O domingo 17 finaliza Auria, mantendo os mesmos horarios que o sábado a Feira do Libro (de 12:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 22:00).
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.
Vigo: Vinte anos de literatura galega, coloquio na Fundación Caixa Galicia
A Fundación Caixa Galicia prosegue co ciclo de coloquios sobre o estado da arte e a cultura galega. Este sábado xunta en Vigo a cinco dos principais piares do sector do libro: os escritores Chus Pato, Suso de Toro e Agustín Fernández Paz, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, e o crítico literario Ramón Nicolás. Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, modera o debate no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia da cidade olívica. O acto comeza ás 12 horas e a entrada é libre.
Ramón Nicolás: “O bilingüismo activo nunca é posible en relacións de igualdade”
“Defender o bilingüismo activo é unha entelequia que non é posible, nunca, en relacións de igualdade; afirmar que o castelán está en perigo en Galicia é non querer ver a realidade…, só tres situacións: cantas películas podemos ver en lingua galega nos cines comerciais?, cantos xuíces ou notarios, aínda hoxe, se negan a usar o idioma en actos xudiciais ou notariais?, cantas canles de televisión podemos ver e oír na nosa lingua hoxe en día? Se non hai outras iniciativas sociais que impidan unha desgaleguización do ensino, o perigo de potenciar a diglosia é unha realidade ás portas”.
Entrevista a Ramón Nicolás en Galicia Hoxe.