Arquivos da etiqueta: Rómulo Sanjurjo
Artigo de Attilio Castellucci sobre a memoria de Lino Braxe
Desde Insula Europea (tradución de Inma Otero Varela):
“Nos últimos anos acendeuse en Lino unha paixón profunda, non só por Italia e máis concretamente por Roma, senón máis ben pola historia da Roma antiga. Os seus últimos textos recollían o pasado do Imperio romano e a súa decadencia, desde aquel Romano. I giorni della Puglia, texto bilingüe que publicamos aquí en Italia, ata o último traballo, “Itálica”, aínda sen completar, sobre o que estabamos traballando xuntos e no cal que pararei máis adiante. Por iso me permitín usar o latín no título desta lembranza, non por presumir de erudición, senón por honrar o seu amor pola vella lingua, aínda que deixei o nome de Lino sen declinar, e pido a venia aos amigos latinistas polo meu macarrónico atrevemento.
Coñezo a Lino desde hai tantos anos que o recordo do noso primeiro encontro xa está moi esluído. Confeso que cando decidimos convidalo ao Centro de Estudos Galegos de Roma a primeira vez sabía moi pouco del e da súa obra, pero tiña grande confianza en Inma Otero, lectora do Centro nese período e coñecedora profunda da cultura da súa Galicia. As poucas cousas que lle lin gustáronme e gustábame a idea de non facer a consabida conferencia académica, un tanto ríxida, polo que entre Inma, Carlo Pulsoni e eu organizámonos para facer unha sorte de libreto de produción propia cos textos –traducidos ao italiano por Roberta Maschi e ilustrados por Enrico Pulsoni- que Lino presentaría logo ao seu xeito, distinto e divertido. O propio Lino –para alén de autor foi un actor moi prezado e coñecido en toda España– leunos en público acompañado, coma sempre, de Rómulo Sanjurjo, cómplice excepcional en tantas angueiras.
A Lino e a Rómulo gustoulles a idea e a simpatía entre nós naceu de maneira inmediata e recíproca, sen dúbida coa axuda das enxurradas que escorregaban de Peroni, cervexa que inexplicablemente Lino adoraba cando aínda bebía. Inmediatamente a maxia xurdiu e Lino preguntoume se, á parte do espectáculo presentado no curso académico de Lingua e Literatura Galega, non sería posible sacar aquela pequena actuación fóra dos muros da universidade. Así era Lino, sempre fóra de rego, coa vontade de levar a cultura onde menos se esperaba por ela. E comigo esa porta sempre ía estar aberta. Aínda que a Inma e a min colleunos un pouco de sorpresa, non perdemos os folgos. Atopamos, aínda non sei moi ben como, un pub en San Lorenzo ao que adoitaban acudir moitos estudantes e onde estaban dispostos a darnos acubillo de balde e organizamos todo en poucas horas. Non podo dicir que houbese unha multitude oceánica, xa que obviamente non a había, pero o local estaba cheo e aínda se foi enchendo máis cando se correu a voz de que naquel pub había uns tolos, un deles recitando poemas nunha lingua estraña en compañía doutro que tocaba un acordeón rockeiro e un terceiro (eu mesmo) que traducía de maneira simultánea mentres bailaba cos outros dous. Todo isto ocorría na noite do oito de maio de 2007, ou mellor dito, entre o 8 e o 9, porque aproveitamos ben as horas que dividen dous días, para repetir en Perugia dous días despois e en Padova logo doutros dous máis. E eu decidín acompañar a Lino e Rómulo durante esta tournée pequena e improvisada, porque xa abrollara o vencello que nos tería unidos. Coido que estas escasas liñas son suficientes para bosquexar o home, ademais do poeta, o autor e o actor.
Divertímonos tanto naquela semana xuntos que vimos como ía nacendo unha amizade que nos uniría ata o final. Decidimos que tiñamos que repetir a experiencia canto cantes con textos novos e novos encontros. (…)”
Crónica videográfica da V Xornada de Literatura Dramática (I)
A V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias foi unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:
– Inauguración. Rómulo Sanjurjo, Director da Área de Cultura do Concello da Coruña, Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG:
A Coruña: último espectáculo de A caricia da serpe
Desde La Opinión (a foto é de Aitor Saavedra):
“O mércores 16 de outubro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro, terá lugar o último concerto de “A caricia da serpe”, o grupo formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luís Saqués e Rómulo Sanjurjo. Lonxe de ser unha ruptura, o poeta destaca que “hai que pasar páxina e facer novos encontros de cabeza xuntos”, polo que non descarta volver cruzar camiños cos seus compañeiros. (…)
A fusión de poesía e música que marcaron os últimos quince anos das súas vidas deron para falar sobre “cousas que andaban por aí, que podería falar calquera”, nas que o poeta rememora temas de actualidade como a da Pateira. Un tempo sen egolatrías, xa que Braxe di ter o seu ego “gardado no frigorífico”, pero que serviron para poñer palabras en baleiros sen ocupar, convertendo “as letras en caricias e a música en serpes”. Xogos malabares coa lingua e a melodía que mañá marcarán o principio de algo máis.”
Compostela: festa do 25 de abril con Luandino Vieira
A cuarta feira 24 de abril, ás 19:30 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7, baixo) de Santiago de Compostela, terá lugar unha festa do 25 de abril, que contará coa presenza do escritor angolano Luandino Vieira, quen presentará a editora Nossomos, especializada em literatura angolana (nomeadamente poesía) mais tamén de outros países africanos. Aliás, haberá a actuación musical da Banda Hospitaleira do Minho (Uxía, Víctor Coyote e Rómulo Sanjurjo).
A Coruña: actividades do mércores 3 na Feira do Libro
Estas son as actividades destacadas do mércores 3 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. Presentación do libro Todo é silencio, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto acompañará ao autor o músico Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación da novela negra Pegadas nun labirinto baleiro, de Xosé Manuel García López, publicada por Baía Edicións.
– 20:30 h. Miguel Anxo Fernán-Vello asina exemplares do poemario Territorio da desaparición (edición bilingüe castelán e galego), publicado por Huerga y Fierro Editores.
– 21:00 h. Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais, coa participación do autor, acompañado por Xabier P. DoCampo, Fran Rei e Manuel Bragado.
A Coruña: recital Cinco poetas con Cunqueiro
O domingo 10 de abril, a partir das 19:00 h., na Taberna de Cunqueiro (Rúa da Estrela, 22) da Coruña, e con entrada libre, finaliza o ciclo Cinco días con Cunqueiro, organizado pola Concellaría de Cultura da cidade en homenaxe ao autor mindoniense, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, co recital Cinco poetas con Cunqueiro, coa participación de Yolanda Castaño, Antón Reixa, Xavier Seoane, Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo, unindo poesía e música.
A Coruña: presentación de Todo é silencio, de Manuel Rivas
O sábado 5 de febreiro, a partir das 18:30 h., na Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase a novela “Todo é silencio“, de Manuel Rivas, publicada en Xerais, coa participación de Rómulo Sanjurjo.