Taboleiro do libro galego (I), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A desinteresada e entusiasta colaboración destas doce librarías de toda Galicia, que arriba se citan (Casa do Libro, A lus do candil, Librouro, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, Paz, Libros para soñar e Sisargas) e a cuxos responsables lles agradezo tanto a información como as matizacións que realizaron á iniciativa, son as que fan posible que naza hoxe unha sección [Taboleiro do libro galego] que ten como obxectivo, en esencia, contribuír na medida das súas posibilidades á difusión do libro galego, facendo valer un recurso como é o das listaxes dos libros máis vendidos, obtidas do cruzamento de datos que todas elas ofrecen e atendendo maioritariamente á presenza das novidades editoriais. Velaí os primeiros resultados dos libros galegos máis vendidos nesta última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros.

NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. A noite branca, de F. X. Fernández Naval, Edicións Xerais de Galicia.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais de Galicia.
4º-. Hora zulú, de Santiago Lopo, Editorial Galaxia.
5º-. Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, de Sechu Sende, autoedición.

POESÍA
1º-. Emily on the road, de Ramón Blanco, Acha Escrava.
2º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, PEN Clube.
3º-.  Inflamable, Samuel L. París, Positivas.
4º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
5º-. Fase de trema, Lorena Souto, Espiral Maior.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco, Laiovento.
2º-. Banqueiros, de Francisco Pillado Maior (coord.), Laiovento.
3º-. Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, de Camilo Franco, Biblos.
4º-. Prestige. Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro, 2.0 Editora.
5º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Dragal III, de Helena Gallego, Xerais.
3º-. Malos tempos para os fantasmas, de Agustín Fernández Paz, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-.  María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
3º-. O cullarapo croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Cousas de mortos, Manel Cráneo, Demo Editorial.
3º-. Persépole, de Marjane Satrapi (tradución de Eva Carrión del Pozo), Rinoceronte Editora.

Vila Nova de Cerveira: presentación da colección DiVersos de Positivas

O sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas locais, na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerveira, terá lugar a presentación conxunta da colección DiVersos de Edicións Positivas. No acto participarán Paula Carballeira, Estevo Creus, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Serxio Iglesias, Samuel L. París e o editor Paco Macías, acompañados pola música do grupo De outra margem.

Samuel L. París: “O humor é mellor que a coherencia, o compromiso, a evasión e o lambeconismo”

Entrevista a Samuel L. París en Letra en Obras:
“Fago un esforzo para imaxinar como puido parir Samuel L. Paris (Muros, 1984) este seu libro de poemas que leva por título Inflamable (Edicións Positivas, 2012). Venme á mente a imaxe dun poeta pechado nun piso de corenta metros cadrados que en vez dunha pluma, unha máquina de escribir ou un computador emprega unha thermomix para compoñer os versos. Tamén vexo ciscado polo chan da cociña a Gran Enciclopedia Galega, coleccións enteiras de poesía, os xornais de maior tiraxe do país e gasolina, moitas latas de gasolina. Da banda sonora ben pode encargarse Sepultura ou mesmo Terbutalina. (…)”

O primeiro libro de relatos de Letra en Obras supera as 1.000 descargas

“En Letra en Obras esta semana temos algo que celebrar. O libro homónimo, que recolle 17 relatos doutros tantos autores novos, superou xa o milleiro de descargas na rede. Os escritores Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga Rilo, Andrés Carrasco, Raquel Boo Anderson, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández Armesto, Brais Zas, Alberto Rodríguez Díaz, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda son os protagonistas desta obra que pode ser descargada na nosa páxina.” Vía Letra en Obras.

Samuel L. París: “Mensaxe a todas e todos os creadores: deixade o das videocreacións, non funcionan”

“Samuel L. París nace no 1984 en Muros. Publica Manual da destrución no 2008 no netlabel A Regueifa. Licenciado con deshonra en Filoloxía Galega e Filoloxía Hispánica pola sacrosanta UDC, unha vez rematada a súa etapa académica, pasa dous anos en Langangen (Noruega) traballando nunha pequena libraría-mercería e escribindo para dous xornais dos que nunca veu un peso. Hoxe en día reside en Compostela, aínda que iso non importe en termos evolutivos. Membro do proxecto Tinta de Lura, blogueiro desde tempos inmemoriais, baixista da Terbutalina e defensa central sachador en paro biolóxico.” Entrevista en Letra en Obras.

Nace Letra en Obras, unha web para promocionar autores novos

“O colectivo Letra en Obras pon a funcionar hoxe un proxecto web homónimo para promocionar os escritores novos. O primeiro proxecto é o libro 17 letras sen día (en formato pdf e epub e con licenza Creative Commons), con 17 relatos de autores novos, que se presentou o 17 de maio na Libraría Couceiro de Compostela. A autoría dos dezasete textos correspóndelles a Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga, Andrés Carrasco, Raquel Boo, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández, Brais Zas, Alberto Rodríguez, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda.” Vía Galicia Hoxe, Galicia Confidencial e Culturagalega.