A Estrada: acto de entrega do I Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Acompañando a autora, estarán José López Campos, alcalde do Concello da Estrada, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e Sara Valcárcel, editora do libro.

Medulia trae ao galego os vinte poemas de amor de Neruda

Desde Nós Diario:
“O pazo de San Roque, en Compostela, acolleu a presentación de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, o poemario de Pablo Neruda que vén de editar Medulia Editorial, nunha coidada tradución realizada polos profesores Amancio Liñares e María Rey.
Trátase da primeira vez que este clásico da poesía se verte ao galego e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.
Nós Diario quixo conversar con María Rey sobre este traballo para contar que aos dous tradutores “esta obra emblemática nos gustaba e nos parecía que tiña peso suficiente, e ese carácter universal, que a converte en digna de estar tamén en galego”.
Compañeiros desde os anos de instituto e amigos, “a idea primixenia” foi de Amancio Liñares, pois a María Rey “a poesía de primeiras dábame medo, mais coidamos que entre os dous poderiamos contrastar achegas e aproveitamos o confinamento para facelo”, explica.
Un traballo no que “quixemos traducir tentando ser o máis fieis posíbel ao que cada poema dicía e transmitía, tratando de conservar a rima, o verso alexandrino, o ritmo…”, explica Rey.
“A dificultade que teñen este tipo de textos coido que está moi ben expresada nunha cita e Umberto Eco”, que a parella incluíu neste Vinte poemas de amor e unha canción desesperada e que di que “nas traducións hai que entender que non se expresa o mesmo senón case o mesmo, a elasticidade dese ‘case’ é fundamental” porque, di Eco, “só quen traduce con mestría sabe como se pode explicar nunha tradución esa elasticidade”.
Para María Rey, se algún libro amosa de modo que todas entendamos “as situacións propias do amor” é este que vén de traer ao galego. Unha experiencia que os tradutores “defensores do idioma e comprometidos” non descartan repetir no futuro.”

Os Premios Follas Novas terán formato presencial sen público e serán transmitidos pola rede

Os Premios do Libro Galego, que este ano pasaron a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego, recuperarán nesta edición a gala de entrega mentres reclaman atención para o sector do libro en Galicia, un sector que, a pesar da pandemia, resiste e busca a visibilidade dos públicos. En rolda de prensa foi presentada esta edición dos premios que estrea denominación e que recupera o formato presencial de entrega. A cerimonia será celebrada o 15 de maio, en directo, no Teatro Principal, sen público, e transmitida a través de You Tube.
Desde as tres asociacións que representan ao sector do libro galego, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia consideran que a recuperación da cerimonia de entrega dos premios Follas Novas significa que estamos a avanzar no camiño da recuperación da normalidade. O recentemente elixido presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, sinalou nunha das súas primeiras intervencións como presidente que o sector do libro suma actividades moi diferentes pero que “todas elas queren incrementar a visibilidade do libro como método para saír dunha situación de dificultades para todas as empresas e persoas relacionadas coa cultura”. Domínguez explicou os pormenores da entrega de premios do vindeiro sábado sinalando que se recuperaba a “presencialidade dos finalistas, agardando que para a próxima edición poidamos recuperar tamén o público”.
rolda prensa premios follas novas 21
Domínguez estivo acompañando polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e polo presidente da AGE, Henrique Alvarellos. Os tres coincidiron en sinalar que o libro leva demostrado desde o inicio da pandemia “a súa utilidade para a sociedade”. Engadiron que a xente segue a precisar do libro como vehículo cultural e que o mundo do libro necesita de apoio, como outros sectores, para superar a situación de crise xerada pola pandemia.
A cerimonia de entrega dos premios Follas Novas do Libro Galego celebrarase o vindeiro sábado, 15 de maio, a partir das 19:00. Será presencial pero non terá público debido as restricións de aforo. Os premios serán emitidos desde a canle de You Tube dos premios Follas Novas e terá como presentador a Quico Cadaval. Tamén participarán na cerimonia o Cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.

Premios de honra
Ademais das categorías 15 categorías nas que se premian os mellores títulos e autoría da produción editorial de 2020, os Follas Novas tamén recoñecen os premios honoríficos de cada unha das tres asociacións organizadoras. A Federación de Librerías de Galicia recoñecerá o traballo do libreiro Manuel Arenas, da libraria Arenas da Coruña; a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega honrará ao escritor angolano José Luandino Vieira e a Asociación de Editoras de Galicia renderá tributo ao desaparecido Xulio Amigo, director comercial da Editorial Galaxia.
Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, sinalou na súa intervención a mellora da situación xeral e como se reflicte nos premios, “estamos contentas desde o Concello de Santiago de ir recuperando as actividades que supoñen volver á normalidade cultural”. Rosón apuntou tamén na rolda de prensa que o libro galego “é un sector con grande excelencia e a cerimonia dos premios Follas Novas vai ser especial e importante porque nos vai devolvendo a situación que todos desexamos”.
Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, considerou estas actividades como un síntoma de mellora, “os premios son imprescindibles para a visualización dos libros e aínda que o ano foi malo para a cultura, o libro demostrou que estivo presente no acompañamento da xente e por iso é necesario que saia con forza da situación actual”.
Xurxo Couto, Deputado de Cultura na Deputación da Coruña, reparou nos tempos recentes do mundo cultural: “están a ser anos duros para a cultura e por iso son necesarias todas as actividades que como estes premios melloren a presenza da cultura na sociedade”.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, sinalou que a a cultura “é sanadora e os libros son sanadores e por iso mesmo en situación tan límite os escritores e escritoras queremos crer que estivemos a altura do que a sociedade precisa”.
Henrique Alvarellos, o libro foi a “vacina antes da vacina”, “o libro é o que nos move a todos os que estamos aquí”. “Esta gala vai premiar a excelencia dos libros e sabemos que quedan sempre libros fóra e estamos traballando para conseguir que a vindeira edición poidamos recuperar toda a presencialidade”. O presidente da Asociación Galega de Editoras, avanzou que de cara a futuras edicións dos Follas Novas “estamos a preparar un novo sistema de selección, somos conscientes de que publicando 1.200 títulos por ano, chegar a sinalar 15 gañadores é un traballo difícil e buscamos o xeito de melloralo”.
rolda prensa premios follas novas 21 (2)
Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundo dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos.
Os premios Follas Novas do Libro Galego terán a súa resolución nunha gala que se celebrará o vindeiro 15 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta gala será transmitida e, en función da situación pandémica do momento, poderá ter formato presencial se fose posible.
A elección dos títulos e autoría que forman parte da listaxe de finalistas pecha a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia achegaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a listaxe definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son as obras gañadoras en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

Para ver a emisión da gala só tedes que premer esta ligazón:
https://i.gal/follasnovas

FINALISTAS

PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2020

Ensaio e investigación
Irmandiñas (Edicións Laiovento), Aurora Marco.
Nós xs inadaptadxs. Representações, desejos e historias LGTBIQ na Galiza (Através Editora), VV. AA. Daniel Amarelo (coord.).
Zona a Defender (Edicións Xerais de Galicia), Manuel Rivas.

Divulgación
Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), Henrique Alvarellos.
Guía definitiva dos peixes da Galiza (Soriaourensana de Libros), Pancho Lapeña e Nacho Munilla.
Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño.

Narrativa
Entre donas (Baía Edicións), varias autoras.
Para toda a vida (Aira Editorial), Eva Moreda.
Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro.

Infantil
Mar de mazá (Editorial Galaxia), Elvira Ribeiro.
Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

Xuvenil
A nena do vestido de flores (Aira Editorial), Manuel Fontemoura.
O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou.
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

Libro ilustrado
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez (ilus.).
Extra! (Kalandraka Editora), Paco Nogueiras e Marc Taeger (ilus.).

Banda deseñada
O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia), Berta Dávila e Pablo Prado.
Pequena historia da Coruña (Edicións Embora), Xosé Alfeirán e Xosé Tomás.

Iniciativa bibliográfica
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Carta xeométrica de Galicia-Facsimilar (Cerne), Domingo Fontán.
Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939 (Editorial Galaxia), Miguel Anxo Seixas Seoane.

Tradución
A nosa Negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, traducido por María Reimóndez.
Aramados (Alvarellos Editora), Manuel García Gerpe, traducido por Miro Villar.
Unha noite no tren da Vía Láctea (Aira Editorial), Kenji Miyazawa, Miguel Robledo (ilus.), traducido por Gabriel Álvarez Martínez.

Poesía
A desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní.
A ganancia e a perda (Kalandraka Editora), de Martín Veiga.
Ninguén morreu de ler poesía (Edicións Xerais de Galicia), Aldaolado.

Teatro
Melancoholemia (Kalandraka Editora), Antón Reixa.
O charco de Ulises (Edicións Positivas-Xunta de Galicia), Santiago Cortegoso.
Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans.

Libro mellor editado
Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
O bolero de Ravel (Kalandraka Editora), José Antonio Abad e Federico Delicado (ilus.).
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

PREMIOS A TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Poemagosto. Festival Internacional de Poesía en Allariz.
– Poetas Di(n)versos.
– Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra.

Proxecto literario na rede
Galicia Encantada, coordinador: Antonio Reigosa.
Nee Barros. Canle de Youtube de promoción de libros en galego.
O bosque dos cromosomas, de Olga Novo.

Xornalismo cultural
– Montse Dopico.
Ramón Nicolás.
– Ramón Rozas.

A Estrada: presentación de Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento, de Carlos Loureiro Rodríguez, e Contiños da Terra, de Manuel García Barros

II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para os 27 e 28 de marzo

II Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV 21): programa previsto para o 26 de marzo

Arredor de 70 persoas debaterán sobre libros, cultura e pandemia na segunda edición da FLIV

Compostela: Xornadas Literatura nas marxes. A creación alén do canon, do 16 ao 18 de marzo

A segunda edición do Festival Virtual do Libro de Galicia centrarase en repasar o 2020 literario

“O Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) ten ultimada a súa segunda edición a celebrar entre os días 26 e 28 de marzo e que terá dous focos principais de atención. Dunha banda, revisar como foi o ano 2020 para a literatura en Galicia, como afectou a situación de pandemia que se vive á vida literaria; e doutra banda, lembrar algunhas das conmemoracións que serán protagonistas durante o presente ano 2021, de Pardo Bazán a Xela Arias, pasando por Álvaro Cunqueiro. Ademais, o FLIV 21 ofrecerá unha sección de contidos dedicados as artes escénicas para celebrar o Día Internacional do Teatro, que se celebra o 27 de marzo. Esta segunda edición da FLIV conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O FLIV21 manterá un sistema operativo similar ao da primeira edición, celebrada en xuño de 2020. Desde este enderezo web, fliv.gal, poderán seguirse todas as actividades da programación do festival en cada un dos espazos de encontro virtual. Neses espazos terán lugar as intervencións que terán formato charla, mesa redonda, conversa ou debate, as presentacións de libros e tamén as intervencións teatrais.
Entre os argumentos que se debateran nesta segunda edición da FLIV poderán verse e escoitarse aqueles relacionados coa situación mundial e como afecta ao sector cultural, como a mesa redonda que abordará a resiliencia cultural. Tamén haberá debate sobre as características da novela construída desde a memoria persoal e comunitaria, un debate sobre as novas maneiras de creación poética e un encontro de tres actores galegos que falan sobre os roles masculinos na súa profesión.
Continuando co percorrido aberto na primeira edición, formará parte da programación Teatro Interruptus, una sección escénica que este ano contará coa colaboración da revista Erregueté. Tamén se manterá a sección de escaparate para libros que se poderá ver na web do festival a partir do vindeiro 15 de marzo.
Entre os autores que xa teñen confirmada a súa participación figuran Marilar Aleixandre para falar de Emilia Pardo Bazán; Chus Nogueira, que o fará sobre Xela Arias; e as autores que debaterán sobre literatura infantil e xuvenil como unha literatura afoutada e arriscada, Nee Barros, Irene Fernández, Antía Yáñez e Eva Mejuto. No encontro dedicado a narrativa tamén están confirmados, Xesús Fraga, Suso de Toro e Berta Dávila, moderados por Esther Gómez.”