A Coruña: Ferrados de Letras 2018. Festival de poesía, baile e música

Ferrados de Letras 2018 é unha actividade organizada pola Asociación Veciñal da Agra do Orzán, coa que colabora a AELG, xunto á Sociedade Cultural Medulio, co patrocinio do Concello da Coruña.
Mercedes Queixas, en representación da AELG, participa neste acto aberto ao público ás 21:20 horas, falando sobre a figura de María Victoria Moreno. A actividade comezará ás 20:30 horas no Centro Ágora (Lugar da Agramela, 17), na Coruña.

Rosalía, toda unha patria

Artigo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Durante o ano 2013, e no contexto do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, Sermos Galiza deu a luz, como parte do proxecto Análise e divulgación de Cantares Gallegos, promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña, un total de 23 páxinas, unha cada semana, recollendo diferentes aspectos da presenza pública de Rosalía e algunhas das iniciativas levadas a cabo durante aquel ano. Tamén, e como complemento daquelas páxinas, publicamos un caderno A Fondo titulado Rosalía de Castro, a liberación das tebras.
Agora, en febreiro de 2017, no 180 aniversario do nacemento de Rosalía, ofrecemos novamente aquela publicación, indexada e en formato pdf para descargar libremente desde as páxinas de Sermos ou para ler directamente desde a tenda da AS-PG. É a pequena contribución de Sermos Galiza para seguirmos avanzando no coñecemento de Rosalía.
A meniña morena
O primeiro dos textos, da autoría de Francisco Rodríguez, transcribe, e contextualiza, un poema de Rosalía publicado en La Soberanía Nacional. A partir de aquí veñen outros mais relacionados coa efeméride dos 150 anos de Cantares. Tal é o caso da crítica que Carlos Serantes fai ao disco producido pola AS-PG  en que Tempo Catro musica 11 poemas de Cantares Gallegos, sen esquecer, como fai Carlos Arias, que Amancio Prada representou un “paso incrible para un recoñecemento masivo da nosa capacidade expresiva”
Pilar García Negro analiza a presenza da “meniña morena” e como Cantares representa a vitalidade do pobo e as súas capacidades organizativas.
Un libro, unha patria.
É esta a tese de X. L. Axeitos que, nun artigo titulado Un libro unha patria, afirma, en referencia a Cantares, que “un libro é a nosa esencia fundacional como nación”. Chegan logo outros artigos, como de Kathleen March, para quen “Rosalía soubo escreber como ninguén a Terra”, en referencia ao poema Campanas de Bastavales; ou o recuperado texto de Carvalho Calero, publicado en 1973,  que fala da necesidade de desmitificar Rosalía sen por iso deixar de ser símbolo colectivo.
Segue un texto que retoma as palabras de Carvalho para mostrar a necesidade de pormos gravacións das obras de Rosalía, como teñen outras literaturas, a disposición do público. Quer dicir, ademais de podermos ler Rosalía, temos que poder escoitala, como, por exemplo, sucede con El Quijote. Neste sentido, valóranse, noutro artigo, os traballos que a AS-PG ten feito para achegar Rosalía a todos os públicos, quer a través da música, do cinema ou do ensaio, nunha liña moi próxima á expresada por Mercedes Queixas e a necesidade de aproveitar, escolarmente falando, Rosalía.
Novamente Francisco Rodríguez nos aproxima á Rosalía que realiza a defensa máis afervoada do pobo galego fronte a quen pretendía “reducilo a un fato de bárbaros selvaxes”
A descuberta individual
A nosa curiosidade humana pode romper moitas barreiras. Iso é o que exprime Marta Dacosta ao lembrar como foi a súa curiosidade infantil a que a aproximou a un pacote no fondo dun armario. Alí algúns títulos, entre eles Cantares. E a partir de aquí todo normal, unha nena castelán falante le Cantares sen se decatar que está escrito en galego.
Chegan agora unha serie de artigos de caracter máis formal. Celia Armas céntrase no contexto literario e político en que aparece Cantares Gallegos; a problemática da restauración do galego escrito no século XIX é o tema do traballo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
A escrita oportunista
Neste amplo traballo non podía ficar fóra o oportunismo, a utilización de Rosalía como mercadoría. Isto é o que analisa Xurxo Borrazás ao comentar os prólogos que Alberto Núñez Feijóo, Pilar Rojo e Ramón Villares fan á edición facsimilar de Cantares.
Veñen a seguir outras colaboracións de carácter máis lingüístico. Para Goretti Sanmartín a maneira que Rosalía ten de defender a patria é, desde a primeira obra, a través da lingua mentres César Morán reclama a necesidade de ler Rosalía nas aulas, cuestión que, sen a negar, valora de maneira algo diferente Marga do Val: “Cantares agarda para ser lida por puro gozo,sen pensar en aspectos pedagóxicos e didácticos. Suso de Toro e Francisco X. Barreiro afondan no papel de Rosalía e de Cantares no nacemento do sistema literario galego.
Finalmente son Laura Tato, ao falar da produción crítica sobre Rosalia no 150 aniversario de Cantares, e Aurora López e Andrés Pociña, que fechan a serie  de textos, ao referir como o 150 aniversario non pasou en silencio mais aínda así hai moitas luces e sombras, salientando especialmente o contributo de Carvalho Calero para dar luz sobre tanta sombra.
O PDF complétase cun estudo de 8 páxinas, un A Fondo na terminoloxía de Sermos, titulado Rosalía de Castro, a liberación das tebras.
Coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía, Sermos Galiza tamén ofrece 10 por cento de desconto para as compras dos seus libros en papel durante os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro
Podes descarregar o pdf desde este artigo, tamén o tes disponíbel na nosa loxa.

Isaac Lourido e Cris Pavón, gañadores do premio Carvalho Calero

DesdeCris Pavón Magazine Cultural Galego:
“O crítico literario Isaac Lourido gañou o premio de Investigación Carvalho Calero co ensaio Historia literaria e conflito cultural. Bases para unha historia sistémica da literatura na Galiza. A escritora María Cristina Pavón -Cris Pavón- obtivo, así mesmo, o Carvalho Calero de Creación Literaria con A busca da orixe perdida das especies.
Os premios Carvalho Calero, organizados pola Sociedade Cultural Medúlio e o concello de Ferrol, aumentarán o ano próximo un 25 por cento a súa dotación, de xeito que en cada modalidade repartiranse 5.000 euros fronte aos 3.700 euros deste ano.
O xurado estivo composto, desta volta, por Mercedes Queixas, Miguel Mato Fondo, Xesús Constela Doce e Luís García Soto, que subliñaron especialmente a calidade da obra de Lourido, que definiron como “intelixente e imaxinativa, orixinal e moi ben resolta”. Sobre A busca da orixe perdida das especies salientaron a actualidade da temática e a amplitude da documentación na que se apoia.”

Un A Fondo sobre Rosalía de Castro, a escritora que nos revela a nación que somos

Desde Sermos Galiza:
“Coordenado polo escritor e crítico literario Francisco Rodríguez, autor da imprescindíbel e monumental Rosalía de Castro, Estranxeira na súa Patria (AS-PG, 2010), con este A Fondo Sermos Galiza culmina o traballo de divulgación realizado este 2013 co gallo da conmemoración do 150 aniversario de Cantares gallegos.
Canda Francisco Rodríguez, escreben neste A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza que con este chega ao seu número 48, a profesora de Literatura galega Celia Armas García; a catedrática e o catedrático da Universidade de Granada, Aurora López e Andrés Pociña, respectivamente; a profesora da UDC e escritora, María Pilar García Negro; a profesora e investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e a catedrática da Universidade de Maine (EUA) e escritora, Kathleen March.
Luz contra os prexuízos deformadores
O caderno leva como título xenérico o de Rosalía de Castro, a liberación das tebras, e os seus textos son iso, luz esclarecedora contra os “prexuízos e lentes deformadores” que encubriron á poeta nacional galega e que, infelizmente, a continúan encubrindo aínda nos nosos tempos.
Este A Fondo especial, como as páxinas que durante 6 meses publicou Sermos Galiza no seu semanario en papel, fai parte do proxecto sobre Cantares gallegos promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña.
“Este A Fondo“, pódese ler na súa capa, “non é máis que outro mergullo no mundo rosaliano, un manancial de auga pura, onde saciar a nosa sede de coñecemento, de fermosura, esperanza e orientación como galegos e galegas de nación nunha situación crítica”.
As e os colaboradoras/es deste traballo, todos eles rosalianas e rosalianos, deitan luz sobre distintos aspectos dunha figura -muller, escritora e galega consciente- sen a cal é imposíbel entender xa non a literatura da Galiza, senón a súa historia.
Como afirma no seu artigo Kathleen March, Rosalía “defendía e dignificaba o país galego porque sen Galiza ela non tería identidade, posto que española non era…”.”