Arquivos da etiqueta: Teatro do Atlántico
A Coruña: mesa redonda arredor de Libre coma os paxaros
Carral: entrega do Premio do Certame de poesía Concello de Carral a Xurxo Alonso, e presentación de As bicis, de Xabier Cid
Xurxo Alonso gaña o XXII Certame de poesía Concello de Carral
“Xurxo Alonso, coa súa obra En luz escrita resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta neste poemario a súa sólida arquitectura, a forza intensional do conxunto e a admirable estratificación conceptual do discurso, inzado de citas, homenaxes e intertextualidades que entroncan este texto coa mellor tradición galega e foránea. Tamén si, o xurado destacou a singular voz poética que espella nun léxico celmoso, o perfilado de visopoemas que recrean unha moi particular e xenuína atmosfera luminosa e a concepción xeral do poemario como un mecano de magnífica orquestración sinfónica.
No ano 2004, Xurxo Alonso xa gañara este premio co libro Breviario de Aldemunde.
O xurado do concurso estivo formado por Inma Otero, Armando Requeixo e Xabier Cid, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 44 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio Concello de Carral terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2019. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, As bicis, de Xabier Cid. Como remate a esta homenaxe á poesía, a compañía Teatro do Atlántico presentará o seu espectáculo poético De abrentes e ocasos.
Como vén sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.”
María Barcala: “Atopar modelos vivos de mulleres que non viviron as súas propias vidas é fácil, lamentablemente hai moitas”
Entrevista de Montse Dopico a María Barcala en Praza (foto de Tino Viz):
“Poderían ser dúas mulleres “amargadas”. Unhas malas mulleres que se dedican a destrozarse entre elas. Mais a cousa é máis complicada. Refuga os tópicos. A dúas están, si, atrapadas na dor. Mais tampouco teñen moita saída. Unha, porque se lle acaba o tempo despois de vivir unha vida que non foi a súa. A outra, porque a traxedia instalou, no seu camiño, a máis terrible das perdas. Mais, pese a todo, atopan lugar para o humor. Para o achegamento. Para o encontro e para a amizade. Aínda que sexa tarde.
Así pode entenderse Dúas donas que bailan, a nova montaxe de Teatro do Atlántico. María Barcala e María Ángeles Iglesias condúcennos, baixo a dirección de Xúlio Lago e Esther Carrodeguas, por unha historia -escrita por Josep Mª Benet i Jornet- de soidade, enfermidade, morte, desencontro xeracional, especulación inmobiliaria, violencia e, tamén, soños e ilusións compartidas. Tal como di Xúlio Lago, un bo texto. Bo teatro que fala da vida. Aínda que non sexa “moderno” na súa forma.
– Praza: A señora maior é unha personaxe moi recoñecible. Unha muller á que lle roubaron a vida. Sempre pendente da familia, para que o home a insultase, lle fose infiel… e, probablemente, outras formas de maltrato. María, como entendiches a personaxe, desde que que lugar a traballaches?
– María Barcala: Primeiro de nada, eu entendín a peza, e as personaxes, como tráxicas, no sentido de que teñen unha liña marcada e non poden evadirse dela. Non teñen a opción de cambiar a súa vida: o que acontece está predeterminado. E ambas levan, ademais, unha tremenda mochila. Sobre a señora maior -eu chámolle a señora Carmen- é certo que podemos ler entre liñas o que lle pasou. Non sei se se pode falar de que recibiu golpes, pero é que tampouco son necesarios para falar de malos tratos. Ela fala do marido e quédanos claro que non foi un compañeiro co que medrar xuntos. El tíñaa alí para usala segundo lle conviña, que é algo moi da época.
O que lle pasa á señora Carmen é, si, moi recoñecible. Porque é a vida de moitas mulleres, e non só maiores ca min. Mulleres que non tiveron a súa propia vida, que viviron en función da parella, da familia, do grupo social ao que pertencen. Ela é unha muller rabuda, con carácter, que no seu momento buscou unha saída, polo que foi berrar, coas demais, consignas feministas á rúa, pero tampouco acababa de recoñecerse niso: sentíase ridícula. Para min, despois de darlle moitas voltas ao texto, de ler entre liñas, non foi difícil atopar modelos reais, vivos, porque lamentablemente existen.
Teño que dicir que é unha personaxe que, ao principio, dábame un pouco de medo. Porque é maior do que son eu: é unha muller gobernada polos fillos, que lle impoñen que teña unha señora para limpiar dúas veces á semana, que tome a pastilla… E nós queriamos darlle un trato non naturalista, pero si realista. Houbo unha primeira aproximación á personaxe con moita maquillaxe, pero non me convencía. Ao final quedou só a perruca, porque o cabelo branco era importante e eu estou traballando tamén con outros personaxes, entón non era boa idea cortar o meu pelo e tinxilo de branco. Mais foi, sobre todo, un traballo interno. Tiña que vir todo de dentro… (…)”
María do Cebreiro, Blanca Roig, Uxía, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Gabriel Tizón, Teatro do Atlántico, Alberte Pagán e Artesáns da Pesca, Premios da Crítica Galicia 2016
No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun do xantar do sábado 19 de novembro o ditame da trixésima novena edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)
O Deserto de María do Cebreiro, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Acuña Trabazo, crítica, profesora UDV; Dolores Vilavedra, crítica, profesora USC; Teresa Seara, crítica, profesora UDC; Malores Villanueva, crítica; Marta Neira Rodríguez, crítica, profesora UDV; David Otero Rodríguez, escritor e Afonso Vázquez Monxardín que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo (Xerais), O Deserto de María do Cebreiro (Apiario) e O último día de Terranova de Manuel Rivas (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de María do Cebreiro O Deserto, editada por Apiario.
O xurado salientou que “a alta calidade do libro radica tanto na súa autenticidade, propia dunha voz tan persoal como é a da autora, como na integración de diversas referencias culturalistas que aínda así non impiden a intelixibilidade da mensaxe poética. Tamén se fixo referencia ao diálogo coas imaxes que conforman o libro, así como o coidado estético deste como produto artítico”.
Historia da literatura infantil e xuvenil galega de Blanca Roig, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Pena, escritor, gañador da edición anterior; Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía de Galicia, catedrático da UDC; Celia Vázquez, profesora da Facultade de Tradución da UDV; Marilar Jiménez Aleixandre, catedrática de Didáctica das Ciencias da USC; Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo; Ramón Lourenzo, catedrático da USC, e Modesto Hermida García, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ás obras Medo político e control social na retagarda franquista de Lucio Martínez Pereda (Xerais); Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais) e Juan Rof Codina, de Diego Conde Gómez (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais).
O xurado destacou que a obra gañadora “ten moito interese para a comunidade educativa e para novos investigadores sobre literatura infantil. Así mesmo que o equipo investigador realizou un grande esforzo na recompilación de materiais nunha área decisiva para o futuro das letras galegas, ao tempo que serve de base para outras investigacións e e exercicios críticos máis detallados”. Sigue lendo