Arquivos da etiqueta: Ubú Teatro
Galaxia promove dúas obras teatrais sobre novelas de María Victoria Moreno e outra sobre a súa vida
Desde a Real Academia Galega:
“Ubú Teatro, tras adaptar o pasado ano A galiña azul de Carlos Casares, volver levar aos escenarios da man de Galaxia unha obra da figura á que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio. Desta volta será a historia do can Leonardo, Antón e os seus compañeiros de curso, os fontaneiros, galardoada en 1985 co 3º Premio Barco de Vapor. Limiar Teatro asume o reto de adaptar a novela máis recoñecida de María Victoria Moreno, Anagnórise, que narra a fuxida de Nicolau, un adolescente que escapa da casa, acompañado da muller que o recolle facendo autostop.
Limiar Teatro representará ademais unha segunda obra baseada na vida de María Victoria Moreno, unha traxectoria que tamén poderá percorrerse a través das páxinas da biografía que preparou para Galaxia a profesora Montse Pena Presas. O libro sairá do prelo a finais de xaneiro baixo o título A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Máis adiante, en colaboración co Consorcio de Santiago, a editorial publicará nunha edición especial É a lúa que baila, un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas de Federico García Lorca prologado polo académico Xesús Alonso Montero.
Galaxia está a reeditar desde 2017 títulos de María Victoria Moreno que son parte do seu catálogo. É o caso das novelas xa mencionadas, A festa no faiado (1983), ¿E haberá tirón de orellas? (1997) ou Guedellas de seda e liño (1999), así como Onde o aire non era brisa, novela escrita nos anos 60 en castelán e traducida ao galego en 2009.”
Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do venres 1
Do 1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”
As actividades literarias destacadas do programa para o venres 1 son:
– 18:00 h. Espazo infantil Deleite. A galiña azul. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Programa FalaRedes 2017. Actividade teatral de dinamización da lingua galega inspirada na obra homónima de Carlos Casares, a cargo de Ubú Teatro.
– 19:30 h. Espazo Libro. Mesa redonda «Teatro nas escolas». Edicións Fervenza. Con Raquel Castro, Carlos Labraña, Xosé Lois García e José Luis Graña.
– 19:30 h. Espazo Infantil Deleite. O branco non pinta!. Apiario. Con Antía Otero, autora, que contará o conto que María Brenn, ilustradora, debuxará en directo.
– 20:00 h. Sinatura de Xabier P. DoCampo (stand Xerais).
– 20:30 h. Manuel Bragado conversa con Xabier P. DoCampo sobre A nena do abrigo de astracán, publicado en Xerais.