O
mércores 29 de maio, ás 19:00 horas, no Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, preséntase Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, de Antón Cortizas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Valentín García Gómez e Manuel Bragado.
Arquivos da etiqueta: Valentín García Gómez
Ferrín di que informará “ao seu debido tempo” sobre se repensa a súa dimisión
Desde
La Voz de Galicia:
“Xosé Luís Méndez Ferrín asistiu este mediodía na sede da Real Academia Galega ao primeiro acto público desde que o pasado luns anunciou a súa dimisión como presidente da centenaria institución.
Ás insistentes preguntas dos xornalistas sobre a súa decisión de abandonar a Academia, Ferrín respondeu unha e outra vez cun rotundo «non hai comentarios». Só se limitou a responder que informará «ao seu debido tempo» sobre a posibilidade de repensar a súa dimisión ante as mostras de apoio de destacados académicos, como Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana, e de entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Centro PEN Galicia, que pediron expresamente que continúe no seu cargo ata esgotar o seu mandado en xaneiro do 2014. Ante a pregunta de como estaba dixerindo o conflito na Real Academia Galega sinalou: «Moi enxeñoso. Ben, grazas».
Méndez Ferrín fixo estas declaracións tras presidir, na sede da Real Academia Galega, a presentación do Dicionario de alimentación e restauración, acto no que interviron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Manuel González, tesoureiro da Academia e coordinador desta publicación.”
A Rosalía da patria e a xustiza social festéxase en Bonaval
Desde
Sermos Galiza:
“Os poemas de Rosalía vibraron na Igrexa de San Domingos de Bonaval, o lugar que cada ano a AELG visita para honrar á escritora, soterrada no Panteón de Galeg@s Ilustres. Desde Non che teño medo moucho até Quen non xime, os versos de Rosalía tornaron a súa propia homenaxe nun acto no que a xustiza social e o dereito a un futuro digno foron protagonistas. Aconteceu da man das escritoras Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro que leron poemas nun recital no que quedaba á vista o compromiso da escritora co país e as persoas desfavorecidas.
“Escribir é actuar contra o medo” comezou Marilar Aleixandre. “A obra de Rosalía trasluce o seu compromiso coa realidade” dixo o presidente da AELG no inicio do acto e agradeceulle que teña aberto as portas ao “campo inmenso da literatura e a cultura galega. Nunha Igrexa de San Domingos de Bonaval no que o frío aterecía ás máis de dúascentas persoas asistentes, Cesáreo Sánchez reivindicou portas abertas para honrar á escritora diante do “secuestro” dun espazo pechado ao que só se pode acceder, baixo autorización do arcebispado. “Triste situación da nosa poeta nacional que agardamos mudar de hoxe no futuro” lamentou Cesáreo Sánchez, quen fixo votos para que nalgún momento a porta principal estea aberta e non sexa preciso empregar, nun acto de homenaxe a unha das figuras máis relevantes da nosa historia, a porta lateral.
Rosalía nas colas do paro
Cesáreo Sánchez e Rexina Vega leron o manifesto da AELG para a conmemoración no que afondaban na forza reivindicativa da escritora. “Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio” recollíase no escrito.
“Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe” defende a AELG no documento que se leu íntegro en Bonaval mais tamén na morea de actos que na víspera se desenvolveron polo país enteiro. Tamén dela recollen a forza para “axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna”.
Reivindicar tamén co Rosalía a normalidade para lingua a través dos seus versos: “soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”. A ofrenda floral co himno galego puxeron fin ao acto antes de que o Panteón de Galeg@s Ilustres botara de novo o fecho.
Centos de gaitas nunha alborada conmemorativa
Desde primeira hora da mañá, o día amenceu con centos de gaitas a tocar a Alborada polo país enteiro nunha acción expansiva na que a Asociación de Gaiteiros Galegos participou de maneira activa e que, segundo destacan, chegou a todos os concellos galegos.
Na Praza de Vigo, ás dez da mañá, a Fundación Rosalía xunto coa Academia Galega e a Universidade de Vigo desenvolvían o primeiro dos actos institucionais coa presenza do Alcalde de Santiago, Ángel Currás. A alborada soou tamén diante do monumento a Rosalía, ben perto do lugar onde se localiza o espazo no que naceu. A media mañá, a Casa da Matanza, sede da Fundación, abriuse para acoller o acto central no que estiveron ademais presentes o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez e o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García ademais dos responsábeis máximos das tres entidades organizadoras, Anxo Angueira, Xosé Luís Méndez Ferrín e o vicerrector de Vigo Henrique Costas ademais de representantes de distintas entidades e asociacións.”
A Estrada: Transcendencia do Himno Galego, conferencia de Xosé Neira Vilas
Gondomar: presentación de Saibas cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961)
O
venres 5 de outubro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10) de Gondomar, preséntase o Caderno Ramón Piñeiro nº XXIII, baixo o título Saiban cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961), editado polo Centro Ramón Piñeiro, e coordinado por Luís Cochón. No acto, conducido por Rexina Vega, participan o propio Alberto Casal, César Cunqueiro, Luís Cochón, Luís Alonso Girgado e Valentín García Gómez. Pechará o acto o grupo musical Cordas Novas.
María López Sández gaña o VI Premio de Narrativa Breve Repsol
“María López Sández
(profesora no IES Xulián Magariños de Negreira e na Facultade de Ciencias da Educación da USC) é a gañadora da sexta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, que se deu a coñecer onte nun acto na refinería coruñesa. A forma das nubes é a obra que resultou gañadora no que foi a edición máis participativa, xa que o xurado tivo que escoller entre 41 orixinais. Xavier Alcalá, como portavoz do xurado gabou a calidade da novela, e indicou sobre ela que: «É unha novela que gaña ritmo, forza e calidade segundo avanza a historia, é moi suxestiva e está chea de referencia ao cine e á literatura». A obra será editada por Galaxia en novembro. María López Sandez xa conta no seu currículo con outro galardón, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2007 pola obra Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. (…) Ao acto tamén asistiron César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que se referiu ao Premio de Narrativa Breve Repsol como «unha mostra de responsabilidade social co ámbito territorial no que a empresa está radicada que conta cunha importante acollida tanto por parte de escritores noveis como dos xa consolidados dentro do sistema literario galego».” Desde Galaxia.
Santiago: presentación de Por aquí chégase a Galicia, de Xosé Chao Rego
Santiago: presentación de Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure
O
mércores 20 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Víctor F. Freixanes, Valentín García Gómez, Amalia Baltar e Carlos Callón. Reportaxe posterior en Galaxia.
Culturgal celebrarase en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro
“A
Feira Galega das Industrias Culturais terá unha nova edición endre os días 30 de novembro e 2 de decembro de 2012. Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal, Sergio Lago, director do evento, e mais os tres principais patrocinadores do mesmo, Juan Carlos Fernández Fasero, director de Agadic; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, presentaron en Pontevedra a nova edición do evento. Está xa aberto o prazo para a solicitude. Segundo sinalou Amigo, os ingresos propios da feira medraron un 70% en 2011 a respecto da anterior edición. Nese sentido, asegurou que o evento “camiña cara ao autofinanciamento, co apoio dos seus tres patrocinadores principais”, aínda que recoñece unha diminución nas achegas dos patrocinadores para a xeira deste ano. Do mesmo xeito, tamén serán menos as achegas públicas ao evento.” Vía Cultura Galega.
Santiago: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas
O
martes 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase a nova novela de Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Valentín García Gómez e Dolores Vilavedra.

