Un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro en homenaxe a Manuel Antonio

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
A Manuel Antonio; sempre no mar é un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro. Non se trata dun inédito, dado que se publicou o 24 de agosto de 1960 en La Noche, mais si descoñecido. Non aparece recollido na Poesía Galega Completa (Xerais, 2004) nin nos máis antigos tres tomos da Obra completa (Akal, 1978-1981). Exhumouno o crítico e ensaísta Xesús González Gómez.
O poema que agora recupera Sermos Galiza fai parte do seguimento especial do xornal compostelán La Noche á “gran xornada literaria en homenaxe ao poeta Manuel Antonio celebrada en Asados (Rianxo) na tarde de onte”. En pleno franquismo e coa participación das autoridades.
A crónica central corresponde ao colaborador da publicación Piñeiro Ares e nela relata a misa en honra do poeta oficiada por Faustino Rey Romero e a lectura de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez, “o mozo literato de Asados Santos Sende” [Xesús Santos Suárez] e Baldomero Isorna. Tamén interveu o daquela alcalde Martín Gómez Rodríguez.
La Noche deixa espazo ademais para as composicións de Álvarez Blázquez (Manuel Antonio), Sende (Unha noite con Manuel Antonio) e Isorna (El poeta: Alfar de ensueños). Este tamén se encargou da “exaltación da obra literaria do poeta Manuel Antonio”.
Velaquí a transcrición do poema de Celso Emilo Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979):
A Manuel Antonio; sempre no martes

Meu capitán de ventos i-alboradas,
meu piloto de estranas travesías
por mares nunca d-outros navigados,
de illas non descubertas, misteriosas,
mais alá dos solsticios i-as mareas,
mais alá das escumas i-os solpores,
na pura libertá da noite pecha.
Eu preguntei por ti, calada sombra,
coa voz dos afogados que camiñan
-mudos e núos-
por vereas de peixes e sargazos,
sobre a luz das estrelas mergulladas.
Eu preguntei por ti, viñen de lonxe,
baixei da terra miña montesía
deica a alcendida proa do teu barco,
a babor das saudades i-as lembranzas.
Un longo acordeón de chuvia maina
rachaba o corazón en dous anacos
e puña despedidas e buxolas
nos meriadianos tristes dos ronseles
arados sobre o mar, rumbo a ningures,
meu capitán de roitas imposíveles
que izaches doces grímpolas de sonos
a veira do amencer de cada día
nas orelas de tódolos naufraxios.”

“Philip Marlowe e os demais”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
O longo adeus, de Raymond Chandler, posúe todos os estilismos, todas as teimas, da novela negra hoxe canónica. Pero porque, en boa medida, os inventou. Ou, polo menos, solidificounos. Publicada orixinalmente en 1953, polas súas páxinas pulula o detective Philip Marlowe, resacoso e melancólico, solitario e desencantado.
Este, un dos máis celebrados exemplos do noir estadounidense, carecía de versión galega. Até este mes de marzo, en que Hugin e Munin a publicou, da man do tamén escritor Diego Ameixeiras e do tradutor, e director da editorial, Alejandro Tobar. “A primeira vez que o vin, Terry Lennox estaba bébedo nun Rolls-Royce Silver Wraith, no exterior da terraza de The Dancers”, pon Chandler en situación.
O longo adeus narra a historia cruzada de Terry Lennox e Roger Wade, e aproveita para trazar un descarnado relato das clases altas californianas. Segundo Hugin e Munin, trátase da “obra máis ambiciosa” de Raymond Chandler, cincocentas páxinas e “unha demostración de forza”. En 1973, Robert Altman adaptouna memorabelmente ao cinema.
Malia se tratar dun clásico, o crítico Xesús González Gómez amosaba no seu feroz breviario A novela policial. Unha historia política (Laiovento, 2002) certas reservas respecto da escrita de Chandler. “Representa, no xénero, o momento da reconciliación e da beleza”, escribía, “o que non nos debe facer esquecer que este xénero, baixo pena de converterse nunha forma vacua, non pode reconciliarse”. Todo o contrario que Dashiell Hammett, sinalaba. A quen tamén traduciu Diego Ameixeiras para Hugin e Munin.
Colleita vermella, de 1929, é a única novela de Hammett en galego. Hai ademais contos na Antoloxía do relato policial (Vicens Vives) ao coidado de J. Santamaría e P. Alonso e na escolma Negras sombras (Galaxia, 1997). Do período clásico, que se divide talvez en dúas promocións, contou mellor fortuna o turbio, dostovieskano, Jim Thompson. Rinoceronte Editora publicou tres das súas pezas maiores: O asasino dentro de min (1953/2012), Pob. 1280 (1964/2012) e Os caloteiros (1963/2013). Eva Almazán encargouse das traducións. (…)”

“Tras a pista do Cunqueiro xornalista e dos seus pseudónimos”, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“(…) No primeiro volume, O mundo que teño de meu, faltan, que eu saiba, o que non quere dicir que non haxa máis, 16 artigos publicados antes do 18 de xullo do 1936 en El Pueblo Gallego, un en Universitarios e outro en La Voz de Galicia, así como dous escritos publicados despois de 1950. Velaí a súa relación:
El Pueblo Gallego
Souto: estampas, 2 de outubro de 1932.
Landín: fame de melodías, 2 de decembro de 1932.
O mundo i-outras vísperas. Retratos iluminados: H. Lutteroh, 7 de xullo de 1935.
Doce poetas, 28 de agosto de 1935.
Divagacións de vrán. Cousas que pasan, 4 de setembro de 1935
Notas e leituras. Poesia. Craridade, 10 de setembro de 1935.
Divagacións de vrán. Século dezanove. 20 de setembro de 1935.
Notas e leituras. Poesía. Craridade, 10 de novembro de 1935.
O mundo i-outras vísperas: a creazón. Continentes. 30 de novembro de 1935.
O mundo i-outras vísperas: diversos. Estampas, 14 de decembro de 1935.
Diversos. Versión de don Johan. 29 de decembro de 1935.
Notas diversas: historias, 23 de febreiro de 1936.
Escadas antigas. Versión da primaveira, 29 de marzo de 1936
Vos de fermosura, 30 de abril de 1936.
Por Galiza. II. Vocación pola lingua, 5 de xullo de 1936
Por Galiza. III. Notas a unhas notas, 8 de xullo de 1936
Universitarios
Centenarios extraños. Pedro Bernardo Díaz.
La Voz de Galicia
Homes do dazanove, 1 de outubro de 1930.
E de despois de 1950:
Galicia. Revista del Centro Gallego de Caracas
O forasteiro de duas capas, nº 7, xuño-xullo, 1953
Programa de festas de Santiago de Compostela
Os fogos do Apóstolo, 1980. (…)”

“Para que serven os premios literarios?”, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
Noutro lugar, facendo unha aproximación numérica aos premios de narrativa concedidos tanto en catalán como en galego durante unha ampla serie de anos, acho que quedou demostrado que canto máis premios menos gañadores. É dicir, había unha serie de autores que copaban a maioría dos premios. No entanto, tamén se demostra que é mediante os premios que se dan a coñecer, en literaturas minorizadas, e xa nas non tan minorizadas, novas voces, aínda que o substantivo “literatura” temos que pólo, en principio, entre aspas. Ora, non deixa de ser certo que os grandes premios literarios que se conceden en case todos os lugares do planeta son concedidos, nos últimos tempos, a voces xa consagradas. O que ten unha explicación.
Antes de continuar, digamos que de momento estamos a falar de premios concedidos por editoriais, premios que se poden denominar, sen caermos nin en erro nin en desprezo, como “premios comerciais”; pasaremos logo a falar de premios concedidos por institucións e a súa, digamos, “problemática”.
Unha editorial é unha empresa que publica libros para gañar cartos. Esta sería a definición sucinta, e atrévome a dicir que verdadeira e real, do que é unha editorial. Se non é así, non é unha editorial, é outra cousa. A editorial adoita ter uns responsábeis literarios e uns responsábeis económicos, sendo estes os que teñen o poder, a tixola nas mans. Os responsábeis literarios ás veces coan libros de gran calidade nos seus planos, algún descubrimento literario, mais estes libros, estes descubrimentos, son excepcións, porque a estes señores (ou señoras) –os responsábeis literarios– non lles pagan por descubriren boa literatura nin obteren a unanimidade da crítica, senón por venderen libros, e se non o fan… quedan sen emprego. Nos premios literarios acontece o mesmo: o premio trata de dar visibilidade, promoción, propaganda a un libro (e a un autor) para vender, porque os premios literarios son convocados polas editoriais para intentar vender máis libros, non para buscar a consagración literaria de tal ou cal autor, nin moito menos para acumular o denominado “capital cultural”: á editorial o que lle interesa é o de sempre: o capital económico. Resumindo, tanto unha editorial como un premio literario o que buscan é vender libros, non calidades literarias, e isto debemos todos (autores, lectores, críticos…) telo moi presente para non nos equivocar. (…)”

A Coruña: “A doután. Xornadas surrealistas”

O venres 27 e sábado 28, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terán lugar as Xornadas surrealistas A doután, co gallo da presentación da exposición “A vida dende o outro lado: O surrealismo galego-portugués”, prevista para febreiro-marzo do 2019, na Coruña. Organizan e coordinan: Tono Galán e Xoán Abeleira, co apoio da Concellería de Cultura da Coruña e a Fundación Luís Seoane.
Dentro das súas actividades destacamos as seguintes propostas literarias:

Venres 27
18:00 h. Relatorio de soños. Onilirismo, falando abertamente cos ollos pechados.
19:30 h. Creacións poético-musicais de João Sousa.
20:00 h. Posta en común do libro O pronunciábel dia da súa morte, de Xesús González Gómez (verbo da recepción na Península Ibérica da noticia do pasamento de André Breton) e outras diversas publicacións do Grupo Surrealista Galego.

Sábado 28
18:00 h. ¨A lingua das pedras¨, faladoiro verbo do amor tolo polas pedras no xamanismo, no celtismo, no romanticismo, no simbolismo e no surrealismo. Coios e coídos como plataformas cara ó outro lado. Mostra de pedras intervidas a doután por divers@s convidad@s.
19:30 h. Liberdade poética, liberdade de acción.

“Meditando sobre o chamado canon (II)”, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“Antes de continuarmos, vaiamos por outros canons. Vimos o dos editores, que é o canon das vendas. Existe tamén un canon dos clubs ou grupos de lecturas, que agora están a se pór de moda no noso país. As súas eleccións, que interesan moito a editores e xornais e que intentan guiar, son significativas: ficción, máis precisamente novelas, e máis precisamente aínda novelas “lexíbeis”; nada de “clásicos” (xa non estamos na escola), tampouco de vangarda (lectura demasiado difícil). Semellante canon é derivativo e dominado polo dos editores.
Existe outro grupo de canon que non pasa, ou non tan evidentemente, polos procesos de fetichización mercantil: os canons comunitarios. Non se negará a súa grande utilidade (en Galicia, en certa maneira, a colección, patrocinada no seu día pola Xunta, ‘As letras das mulleres’). Ora, tampouco se debe esquecer que este tipo de canons teñen unha serie de limitacións, sendo a principal, como veremos, que calquera reivindicación dunha identidade fetichiza e exclúe (fetichiza o que pertence á comunidade, o que porta reivindicación de identidade, e exclúe o que non pertence). Exemplos hai, mesmo dentro da nosa pequena literatura; e, hai un tempo, respondendo a un artigo de Manuel Veiga en BiosBardia, alguén escribiu cousas como: “A min fáiseme difícil entender como escritor galego aquel que, escribindo en galego, deámolo por sentado, na súa obra só fai referencias a outras culturas, mentres se esquece que na Galicia tamén houbo cultura, tamén houbo e hai literatura. Esta desinserción, esta deserción, é moi significativa”. Responder a estas palabras levaría moito tempo. Demasiado, e non estamos seguros de que convencésemos o máis mínimo a quen tales palabras escribiu ou aquel(es) outro(s) que concorda(n) con elas. Xa non se trata de afirmar, como escribía Otero Pedrayo hai, exactamente, cando eu estou a argallar este artigo, 89 anos e 11 días: “Pódese pensar e sentir en galego nun coarto de hotel de New York ou de París sin preciseón de que a fiestra se franquee sobre un tremelocer de ría nin a un saloucar de piñeirales. Aturúxase demasiado nas corredoiras dos libros galegos. A salvaceón virá cando os galegos podamos pornos diante a verdade ceibe do noso esprito” (“Arquivolta frolida”, El Pueblo Gallego 14-IV-29, recollido en Prosa miúda, Sada, Ediciós de Castro, 1988, edición de Aurora Marco). Otero escribiu, penso, o devandito artigo, cuxa visita recomendamos encarecidamente, contra aqueles outros escritores galegos, que tamén colaboraban en El Pueblo Gallego, que “cuestionaban” os que hoxe coñecemos como “homes de Nós”: Felipe Fernández Armesto, Otero Espasandín, Rafael Dieste, Xesús Bal e Gay e mesmo, naqueles anos, Johan Carballeira –que asinaba artigos contra a introdución do galego na escola–, etcétera. [Sería interesante facer un estudo comparado, ou, ao estilo de Plutarco, unhas “vidas paralelas” para sabermos os camiños que seguiron uns e outros. Mais estoume a afastar do tema.] Otero vía ben, como se di. E así poucos anos despois entregaría unha das súas mellores novelas onde Galicia, as referencias a Galicia, non aparecen: Fra Vernero. Como tampouco existen as referencias a unha posíbel tradición narrativa galega: inventouna el. Ora ben, nesta novela, como en Cara a Times Square, de Camilo Gonsar, ou Se o vello Sinbad…, e algunhas outras que non citarei, se ben non existen referencias a Galicia, nin á súa cultura, nin á súa literatura, nin á súa paisaxe, etc., o referente é Galicia, evidentemente. E iso é o que importa, o demais son bromas. Mais hoxe debemos ir alén, no que poidamos, de Otero. (…)”

“Meditando sobre o chamado canon (I)”, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“Desde que hai xa anos Harold Bloom (cóengo maior da crítica literaria occidental) deu ao prelo o seu malfadado O canon occidental, os libros sobre o canon ou os canons –en cuxa produción Bloom é un stakhanovista–, os comentarios sobre o canon, o uso da palabra canon, etc., nos “medios literarios” (académicos e/ou xornalísticos) disparouse (…)
En Galicia, como en todos os lugares, existen, evidente, diversos canons. Hai un canon dos editores, un canon dos críticos (?) –que dá a impresión que coincide co dos editores–, un canon dos profesores de instituto: as lecturas recomendadas e/ou obrigatorias: que coincide case punto por punto, é dicir, libro por libro, autor por autor, cos dos editores e os dos críticos, un canon dos escritores (que, en realidade, nunca o fan público), un canon da universidade, un canon da Real Academia Galega (o día das letras é o seu “índice”), etc. É dicir, canons para todos os gustos. [Como afirma Wendell V. Harris, non existe un único Canon (el escribe a palabra con maiúscula), senón que existen diversos tipos de canon que responden a diferentes propósitos: o potencial, o accesíbel, o selectivo, o oficial, etcétera.] E cada variedade, é dicir, cada editor, cada crítico, cada profesor, cada escritor, cada universitario, e mesmo cada lector, teñen diversos canons. Hai, claro, certos nomes que son máis ou menos indiscutíbeis en todos estes canons (estamos a falar de literatura galega): Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Otero, Risco (?), Blanco Amor, Manoel-Antonio, Cunqueiro, Cabanillas, Amado Carballo, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares (?), Novoneira e algún máis. Estes son os indiscutíbeis ou, mellor dito, os indiscutidos –agás os que engadimos un interrogante entre parénteses, que son discutidos máis por tomas de posición política do que por valor literario; e viceversa, algún dos nomes que anotamos son indiscutíbeis, e nada discutidos, polas súas posicións políticas. Logo, cada colectivo ten o seu libriño, é dicir, outros nomes que engade a conveniencia, táctica ou política, nunca estratéxica.
Podiamos comentar un a un estes canons, talvez sería un pouco aborrecido, así que fagamos un achegamento parcial a algúns dos libros que máis “influencia” tiveron nos últimos anos na conformación de obras e autores “canónicos”, ben que son consciente de que esquezo algunhas outras obras significativas e de ampla difusión, mais non se trata de analizarmos unha a unha estas obras, senón de dar unha, digamos, visión xeral. (…)”

Apuntamentos para un estudo da literatura subalterna galega (e II)

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“Polo que se dixo na anterior entrega, acho que o lector pode deducir doadamente que o apartado IV está por estudar, e mesmo por catalogar. Penso que desde 1975 até o 2015 se publicaron case un milleiro, ou máis, deste tipo de libros. É máis, hai autores que teñen publicados varios libros, como Ramón Antonio Pérez Poza (Silabario), S. Alcalde Xil “O Rinxeiro” (Contra vento e marea; Follas murchas e serodias, etc.) ou Xaimín Hermida (A miña sogra vai ao muíño a cabalo dun porquiño; Que risa!, coa xente do meu pobo), que nunca apareceron nin en historias nin en dicionarios de literatura galega. Pero hai moitos: Sarcos (Un garabelo de contos), David Garrido Castromán (Da terra, do mar e do ceo), Daniel Hortas (Lerias do Leiras), Brais de Castro (Nomearte), Xosé Rodríguez Ferrer (Amencidas de Valdeorras, etc), Leopoldo González Agis (Os contos do tío Ramón, e algúns máis), E. V. Calo (Latexos dun aurosán, leva, como mínimo, tres entregas), Salvador Rodríguez (Fins do mundo), Xoán García López (Abonda coas palabras), Javier Rodríguez Vergara (Suspiros de un ceiderés, versos en galego e castelán), Ricardo Timiraos (Se Deus se namorase), Xoán Neira (Memoria e soño), Ramón Fernández López (Lembranzas dun poeta), Manuel Arias Gómez (Monta. Unha vaca unha vocación), Rosa Cortiñas Bóvedas (O ceo é unha beleza), Manuel Anxo Rei Chao (Tempo no espello, novela), María Magdalena Domínguez (A quen lle dou unha estrela?, Retrancas, Sementeira de Soños, etc., até un total de case 15 libros), Filomena Fraga (A cancela, contos, poesías e pezas curtas; coñécese unha segunda edición), Xosé Carlos O’Framinor (Alma de aprendiz), Xoán Corral (De todo corazón), Xosé Rois Froján (Anaquiños de min), e cito só estes porque senón este pequeno artigo debería reducirse a unha lista de autores e obras que acabaría aborrecendo o lector. Ou, caso curioso: en 1987, en Vigo, Ramón Fernández Lorenzo publicou un libro de poemas, O mar do cerne, conxuntamente con Xesús Pena Fernández, que no mesmo volume entregaba dous poemarios: Seis meses en altamar e Malenconía de terra firme. Pois ben, o primeiro publicou nunha editorial seria (sic) ou “institucionalizada” un libro desa cousa denominada literatura infantil, o que lle valeu aparecer no volume dedicado aos autores do Diccionario da literatura galega dirixido por Dolores Vilavedra (Galaxia, 1995); o seu compañeiro, que comparte nome en portada, non aparece por parte ningunha.
[Estudando toda unha serie de libros, tanto poéticos como narrativos, do que denominamos literatura subalterna, talvez si se poderían tirar uns trazos diferenciais moi claros que os distinguirían da literatura “canónica” ou “institucionalizada”. Trazos estes dos que seguramente gozan moitos dos libros considerados como literatura “canónica” ou “institucionalizada”, xa que a literatura subalterna sería, ou é, en certa maneira, un pálido reflexo, ou unha mala imitación, das obras menores dos grandes nomes da literatura institucionalizada –por exemplo, de Rosalía imítase Cantares gallegos, nunca, ou raramente, Follas novas. Ora, os maiores trazos diferenciais que se dan na literatura subalterna son, serían sociolóxicos e, mesmo, psicolóxicos a “nivel” autorial. Explícome. Xa dixemos atrás que a literatura subalterna, os creadores desta literatura, aceptan, na súa máis ampla maioría, a dominación literaria. É dicir, non intentan introducirse no que un profesor de literatura bourdieniano –que ao mellor de socioloxía non ten a mínima idea– denominaría “campo literario”; noutras palabras, estes autores/as non intentan introducirse na institución literaria, conscientemente aceptan non pertencer a ela, aínda que nunca loiten contra ela e, por suposto, nunca a neguen, senón que, en verdade, a aceptan e perante ela se axeonllan: sería o seu escuro obxecto do desexo que nunca alcanzarán, e disto son plenamente conscientes. E aquí é onde entrarían os trazos psicolóxicos, trazos compensatorios. Trazos compensatorios porque ao seren conscientes do baixo nivel de aspiracións (literarias), este (o baixo nivel) axuda a reducir a frustración ou mesmo a superar a frustración que sufría como “poeta”, “narrador”, etc. É dicir, a simple publicación, aínda que sexa en autoedición, cumpre as súas expectativas. Todo o contrario que pode acontecer cun autor que quere institucionalizarse, ou mesmo se institucionaliza, máis non é “recoñecido”, non son recoñecidas as súas aspiracións: a frustración é grande e a publicación, aínda que sexa “institucionalizada” deixa de ser compensatoria, etc.] (…)”

Apuntamentos para un estudo da literatura subalterna galega (I), por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“A literatura galega só se diferencia das outras literaturas nun pequeno, ou grande, matiz: está escrita en galego. Todo o demais, son ganas de lle buscarmos cinco pés ao gato. Nin ten trazos diferentes das outras literaturas europeas (onde cabe inscribirnos), nin se define a nosa literatura por elementos determinados que a farían diferente ou distinta das outras literaturas europeas (ou occidentais): á parte da lingua, o único trazo diferenciador da nosa literatura é o cambio de escenario e a grandeza, ou pequeneza, dos actores. Diferente é, claro na súa historia, nos seus momentos socio-politico-económicos e, ás veces, culturais ou de civilización: nunha palabra, no seu desenvolvemento “integral”, que é o noso escenario. A pequeneza ou grandeza dos actores entra dentro duns, digamos, cálculos máis subxectivos. Mais este problema ten a ver máis co desenvolvemento histórico-político que coas características dos textos.
Clarificado (?) este primeiro punto, vaiamos polo segundo. A literatura galega foi “historizada” por diversos estudosos, foi “conxelada” en dicionarios de obras, autores, etc.: xa que logo, quen queira coñecer a súa “historia”, a grandes trazos, teno máis ou menos doado. Os nomes “canónicos” e menos “canónicos” están aí. E co paso dos días vanse incorporando novos nomes, mais é evidente que nunha historia da literatura dun país determinado, aínda que sexa de tamaño (físico) reducido –como acontece coa galega– non aparecen todos os nomes, todos os escritores/escritoras desa dada literatura. Sempre, en todas as literaturas, hai centos, ás veces miles, de nomes que nunca aparecerán nas historias “canónicas” da literatura, nin mesmo, infelizmente, nas máis ou menos sociolóxicas. Con sorte, en monográficos dedicados a unha póla ou outra desa literatura. Un exemplo, dunha literatura “normalizada”, da literatura francesa: en ningunha das grandes e pequenas historias da literatura francesa que eu coñezo aparecen os centos, os miles de nomes, que censou e comentou no seu día Michel Ragon na súa xa clásica, e que necesita urxentes revisións, Histoire de la litérature proletarienne en France (París, Albin Michel, 1974). E así podiamos ir país por país até chegarmos a Galicia. (…)”