Suso de Toro no ciclo “Cara a onde?”: “a nosa é unha literatura enferma de minorización”

ArtigoSuso de Toro de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Este pasado sábado celebrouse no CGAC a segunda sesión programada do ciclo Cara a onde? na que tiven a fortuna de participar. Foi, neste ocasión, Suso de Toro quen protagonizou este encontro que partiu, como é adoito, dun discurso da persoa convidada que se centrou, nesta ocasión e en esencia, en profundizar na “problemática existencial” dunha literatura como a nosa. Combinando claves de carácter persoal, que afondaban en experiencias particulares, con reflexións de índole máis xeneralista o certo é que deixou, ao longo da súa intervención,  un saibo acedo a abalar entre o pesimismo que se deriva da análise pragmática da  situación actual e a ausencia de perspectivas cara ao futuro, mais nun ton inequivocamente realista. O escritor, aseverou, “está nas mans da comunidade”, para continuar que “é un ente que, como ser vivo, quere permanecer, existir, expresar a súa existencia”. A devandita comunidade, isto é, o espectro posible do lectorado en galego determínase pola “ausencia de vontade de ser colectivo” e “pola carencia de apoio social” de onde nace un conflito pois a nosa é unha “literatura enferma de minorización, con todos os estigmas propios desta situación”.
Tratáronse, asemade, no diálogo co público e cos compañeiros Alfredo Conde, Quique Alvarellos e X. Antonio Silva, numerosos asuntos como foron os relativos á creación, e presenza literaria, en dúas -ou máis linguas-, a desaparición de espazos para o debate, o mundo editorial, a lingua galega no ensino e na sociedade, o proceso de institucionalización comercial,  a experiencia de subalternidade respecto doutras literaturas próximas, os métodos para exercer a censura ou o cambio de paradigmas que estamos a vivir na actualidade e que afectan á recepción das obras artísticas.
“Eu precisaba combate  e atopeino”, afirmou ao final da intervención en clave persoal. Oxalá que, como narrador, siga a buscalo, dea con novos retos e sinta a necesidade de envorcalos en palabras.”

Bertamiráns (Ames): presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

O martes 17 de xuño, ás 20:30 horas, no Café Ferlós (Praza da Mahía, 5), de Bertamiráns (Ames), a Libraría Lenda e Edicións Xerais presentan o libro Chovida do ceo, de Alfredo Conde. No acto, xunto ao autor, participan José A. López Silva e Manuel Bragado.

Radiocrítica, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Dou comezo hoxe a unha nova sección do Criticalia á que decidín chamar Radiocrítica. Nela irei recuperando as emisións que se inseriron no espazo de comentario de libros de Ames Radio (107.2 FM).
En conversa coa xornalista Nazaret López e baixo o control técnico de Juan Luis Silva, en luns alternos co bo amigo e investigador Xosé Antonio López Silva, trazo unha panorámica do máis salientable, para o meu gusto, entre os títulos recentes e, cando a actualidade así o demanda, comento tamén outro tipo de circunstancias literarias
Desta volta, na emisión do 11 de novembro, quixen determe en textos de Manuel Álvarez Torneiro, Berta Dávila (Parte I, 7’), Olalla Cociña (I, 8’15), Xavier Seoane (I, 9’20), Luís Rei Núñez (I, 9’50), Miguel Anxo Fernández (I, 12’30), Manuel Veiga (II, 0’45), Raúl Dans (II, 2’10), Xosé Ramón Pena (II, 3’25), Suso de Toro (II, 4’15), Valente (II, 5’), a revista Oink! (II, 6’15), Ramón Caride Ogando (II, 9’20) e Antonio García Teijeiro (II, 10’).”

Ames: actos conmemorativos do Día das Letras Galegas

Desde Galicia Hoxe:
“O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o xoves 16 de maio. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Tal e como se establecen nas bases hoxe publícanse os gañadores do Certame Literario Concello de Ames. Nesta edición o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto pola escritora amesá, Mariña Pérez Rei, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio López Silva, e o escritor e crítico literario, Armando Requeixo Cuba. (…)
Na terceira e última categoría de narrativa, dirixida ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para o compostelán Mario Caneiro Ameneiros coa peza Un bolso “chic”. (…)”