Arquivos da etiqueta: Xosé de Cora
Lugo: Letra das Festas. MAL@S E PEORES. Lembranza de sucesos criminais e de mentes facinorosas de Lugo e provincia, o xoves 6 de outubro
O xoves 6 de outubro, ás 18:00 horas, no Círculo de las Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar unha nova edición de Letra das Festas: MAL@S E PEORES. Lembranza de sucesos criminais e de mentes facinorosas de Lugo e provincia, unha actividade promovida pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Círculo de las Artes, no marco do San Froilán 2016, e con entrada de balde.
O medo tamén fai gozar!
Esta sexta edición de Letra das Festas (a revista oral do San Froilán) vai de MAL@S E PEORES, lembranza de sucesos criminais e de mentes facinorosas de Lugo e provincia.
Contamos coas intervencións de catro expertos na materia que nos lembrarán algunhas proezas de bandas urbanas, como a do Moco Verde ou a do Alicate, e faremos memoria de crimes horrendos, violencia moitas veces inexplicable.
Algunhas brutalidades xa esquecidas e outras aínda frescas na memoria da maioría de nós.
Contarán Xosé de Cora, Sabela Corbelle, Manuel López Castro (MALOCA) e Xosé Miranda.
A música está a cargo dun cego auténtico, Francisco do Romualdo, que nos cantará romances e historias arrepiantes e sucedidos incribles, acompañado da zanfona.
Coordinan e presentan:
Antonio Reigosa / Isidro Novo (Sección de Literatura oral da AELG).
Unha biografía sobre Almoina recibe o Premio Ánxel Fole de ensaio
“Cumpríanse cincuenta anos do pasamento de exiliado e controvertido personaxe Xosé Almoina Mateos. Por iso, tanto El Progreso como Novacaixagalicia decidiron dedicarlle á súa figura esta edición do Premio Ánxel Fole de Ensaio. Isabel Gómez Rivas (Lugo, 1971) propuxo en Almoina, unha exhaustiva biografía buscando desentrañar a contradición que aparentemente dominou a vida de Almoina, a dun exiliado socialista en México convertido no secretario de Estado do ditador Trujillo e que, á vez, foi autor dunha incisiva denuncia do propio réxime trujillista. A súa investigación, que a levou por numerosos arquivos, acaba de valerlle o premio Ánxel Fole en ensaio. O xurado da XXV edición estaba integrado por Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela; Juan Ramón Díaz García, xornalista e director de El Ideal Gallego; José de Cora Paradela, director de El Progreso; e M.ª Teresa Cores Fernández, directora de contidos socioculturais de Novacaixagalicia, que actuou como secretaria do xurado, con voz, pero sen voto, decidiu outorgar, por unanimidade, o XXV Premio Ánxel Fole de Ensaio a Isabel Gómez Rivas polo seu traballo Almoina.” Desde Cultura Galega.
Armando Requeixo gaña o XXIV premio Ánxel Fole co seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista
O xurado do premio literario Ánxel Fole, organizado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, declarou como vencedor da súa XXIV edición a Armando Requeixo polo seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista. Xosé de Cora, salientou en nome do xurado que “este traballo é unha completa biografía de Díaz Jácome referida a dúas vertentes: a de poeta e a de xornalista”. Engadiu que o texto trata “os aspectos máis salientables dunha vida intensa, que se desenvolveu, a maiores de no seu Mondoñedo natal, en Vigo e en Oviedo, tanto no Faro de Vigo como en La Voz de Asturias, que foron plataforma privilexiada da vida política e social”. Outro integrante do xurado, o escritor Paco Martín, loubou o traballo de documentación realizado por Requeixo antes de detallar que “fai unha biografía completa do autor sobre o que trata, ocúpase tamén da súa obra, para rematar con documentos, fotografías e unha estensa bibliografía de Díaz Jácome e sobre el”. Interesante é, na súa opinión, que se ocupa da parte literaria, “quizais a menos coñecida del, cando forma parte do que Méndez Ferrín chama A Xeración do 36, que son os escritores do seminario de Mondoñedo”. O fillo da figura estudada, Juan Ramón Díaz —que completa o xurado co director en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez— reiterou ese vencello do autor estudado coa cidade mariñá e con autores que pasaron por ela, como Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro ou Trapero Pardo, “que fundou Vallibria, onde estiveron todos”. Todos eles coincidiron na calidade e a amenidade da escrita de Requeixo, “que pode interesar non soamente aos estudosos da literatura”, apuntou José de Cora. O gañador é un investigador “que ten unha traxectoria contrastada e cumprida de traballo literario”, concluíu.
O profesor e filólogo Armando Requeixo incardinou a Díaz Jácome como “un dos membros da miña tribo”, en referencia a que Díaz Jácome é un dos autores que se moven no seu campo de investigación predilecto: a literatura de Mondoñedo. “Foi un autor ao que tratei en Escritores mindonienses (1998) cunha ficha biográfica e bibliográfica que era a máis ampla ata ese momento, e sobre o que quería volver, polo que a convocatoria deste premio foi unha motivación estupenda”, indicou. Considera básico recuperar a figura de Díaz Jácome, porque foi un autor que “non tivo unha proxección maior porque sempre foi moi humilde e porque lle tocaron unhas circunstancias de época, de coincidir con moitos grandes que non o favoreceron”. Con todo, o premiado co Ánxel Fole reitera que “merecía unha maior atención, e non soamente como xornalista, senón tamén porque foi un poeta notable”. (De El Progreso, onde se pode consultar máis información).
Ourense: Auria, actividades do día 15
Dentro das actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o venres 15 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
18:00 h. Sinatura de libros de Xosé de Cora e Marcos Calveiro.
19:00 h. Mesa redonda sobre Os mitos na novela histórica, coa participación de Xosé de Cora, Marcos Calveiro, Ramón Loureiro e Víctor F. Freixanes, moderada por Camilo Franco.
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.