Calros Solla: “Vivo Vigo, debullándome nel en cada latexo; a Vigo fun acomodando o ritmo da miña respiración. Estou resentido, pero hai que reflexionar”

Entrevista de Angelo Nero a Calros Solla en Nueva Revolución:
“(…) – Nueva Revolución (NR): “Este libro de poemas de Calros Solla é unha homenaxe poliédrica a esta amada e odiada cidade nosa que tatexa, latexa e se desangra cada serán en cada esquina e que ao outro día xa está en pé para ir ao choio. Pero tamén é un berro reivindicativo, unha reflexión intelixente e, ás veces, unha gargallada agridoce na noite, que se burla de todo aquilo que nos deshumaniza e nos ridiculiza como pobo”, di o acaído limiar de Xosé-Henrique Costas, de herba de vigo. Canto hai de homenaxe e de reivindicación neste orixinal artefacto poético, e que foi o que te levou a fiar este feixe de versos que comezas co provocativo “Vigo sen vivir en min” dos Resentidos?
– Calros Solla (CS): O poemario herba de vigo é xaora unha homenaxe reivindicativa. Que o nome da cidade lle dea título ao libro é significativo: trabar o nexo sentimental coa urbe; unir a miña sorte co seu destino. Amais, a escolla para o título da composición “herba de vigo” pretende identificar o medio no que nestora son e transito, pasto e remoio coa metáfora do seo nutricio; herba forraxeira; que alimenta –como animal bípedo e racional que son– o meu corpo e a miña alma, a miña andaina instintiva e a miña reflexividade.
Vigo é a cidade na que resido dende hai oito anos. Acolleume –a min e a moitos– como terra de promisión, sen facer preguntas; no meu caso, cos estigmas do pontevedresismo e da cerdedanía: o ser vilego e aldeán. Eu, en pago, sen abxurar das miñas eivas e dos meus atributos –da miña equipaxe–, entregueime libre á impúdica contemplación dos seus encantos e das súas miserias. Froito desta introversión xurdiu unha restra de versos onde a cidade ora me arrouba, ora me perturba, aleda ou atristura. Alédame, poño por caso, que moitos vigueses da cerna (v.g.: Quique Costas, autor do limiar; Manuel Bragado, Ramón Nicolás, Antonio G. Teijeiro, Manuel Esteban…) se sentisen representados polo poemario e manifestasen a súa agarimosa adhesión. Benia a eles.
Vigo é unha cidade industrial malia o galopante e ás veces groseiro proceso terciarizador. Neste contexto aínda son quen de advertir que “sous les pavés, la plage!”. A cidade monstro medrou e, a cada medra, a cada braceo ou espernexo, foi chimpando do andel algúns dos seus sinais de identidade. Así e todo, as vacas da soberanía alimentaria seguen pacendo nos comareiros de Martínez Garrido. No libro teñen cabida o proceso desgaleguizador, a desmemoria, as inxustizas, os desmandos contra a natureza e o patrimonio, as desigualdades sociais, o retroceso nos dereitos laborais…; e tamén, a resistencia. Vivo Vigo, debullándome nel en cada latexo; a Vigo fun acomodando o ritmo da miña respiración. Estou resentido, pero hai que reflexionar.
– NR: Boa parte da túa obra, en especial a adicada a etnografía, máis tamén o teu universo poético, está enraizado na túa terra, Cerdedo. Agora fas unha afirmación de viguismo, aínda que sen renunciar ás túas orixes: “en vigo, / o fin xustifica os medios. / en cerdedo, / os medos xustifican a fin”. Pensas que os vigueses, no entanto a meirande parte temos as raíces fora, estamos dalgún xeito obrigados a abrazar ese viguismo para que non se note que todos somos forasteiros?
– CS: “Toda a terra é dos homes. Aquel que non veu nunca máis que a propia, a iñorancia o consome”, alentou Rosalía. Dito isto, sexamos vigueses “de toda a vida” ou uns recén chegados, debemos abrazar con forza o que de galeguismo oceánico ten ese “viguismo”, sen renunciarmos á enriquecedora singularidade de cadaquén; sublimémolo como sentimento de pertenza a un pobo, a unha nación, a unha cultura, a unha lingua…, que turra por facerse oír con voz propia nun planeta globalizado. Freemos o etnocidio; arrepoñámonos ao negacionismo con encanto e persuasión; sumemos afectos e sinerxías para evitar sentírmonos estranxeiros na nosa propia terra.
Tamén digo que cada un fala da feira segundo lle vai nela. Neste senso –refírome agora ao TAV–, é evidente que se Vigo acaba facendo bo trato, Cerdedo quedará a velas vir, como a vaca que mira pasar o tren. (…)”

A Coruña: A memoria diversa

Bases 13º concurso micro-relatos OZOCOgz

BASES

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas (ILG-RAG ou AGAL). Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados a ningún outro concurso ou certame literario. As autoras ou autores serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos.

2. A temática leva como título xenérico FUTURO / CIENCIA FICCIÓN.
Na literatura e tamén, por suposto, no cinema ou en calquera outra faceta creativa, a CIENCIA FICCIÓN é un xénero que se basea no futuro e/ou en avances científicos e tecnolóxicos reais ou froito da imaxinación das autoras e autores e nos efectos que isto produce nos protagonistas e na sociedade onde se desenvolven estes hipotéticos acontecementos. Trátase pois dun xénero especulativo onde os únicos límites posíbeis son os da imaxinación e a verosimilitude que escritoras e escritores sexan quen de transmitir aos lectores e lectoras.
As posibilidades para crear unha historia de ciencia ficción son case infinitas, viaxes espaciais, batallas interestelares ou contra extraterrestres, mutacións por virus, escenarios post-nucleares, rebelións de androides, viaxes no tempo…
Esta temática leva espertando a creatividade literaria dende o século XVIII, deixándonos obras tan importantes como as pioneiras Frankenstein ou As aventuras do Barón de Munchhausen. Deste mesmo século é tamén Xulio Verne, un visionario para moitas e moitos, quen nos deixou obras mestras como Viaxe ao centro da Terra, Da Terra á Lúa ou Vinte mil leguas baixo dos mares.
É no século XX cando podemos falar de época dourada desta literatura con autores como Orwell, Clarke, Bradbury ou o mesmísimo Asimov, citando tan só unha ínfima parte das moitas e moitos escritores que se adentraron no tema.
Volver ler algunha obra deste ou de outros autores e autoras pode ser boa fonte de inspiración para que quen vaiades participar no concurso desenvolvades relatos marabillosos, desacougantes e sobre todo moi, moi, moi imaxinativos.
Ánimo e BOA ESCRITA!!!

3. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos de carácter obrigado. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:
– Ter cumpridos os 16 anos ou máis
– Ter un perfil en Facebook
Compartir o evento do concurso engadindo a etiqueta @ozocogz e os hastags #ConcursoMicro-relatosOZOCOgz e #ConcursoMicrorrelatosOZOCOgz
Premer (de non telo feito con anterioridade) no “Gústame” da páxina (FanPage) en Facebook e facerte Seareiro ou Seareira desta.

4. A extensión máxima dos micro-relatos será de 150 palabras.

5. Admitirase só un (1) micro-relato por perfil de Facebook.

6. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:
a. A través dunha mensaxe privada na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos a vosa achega na páxina de facebook e máis na web.
b. Por correo electrónico a micro-relatos@ozocogz.gal Neste caso figurará no asunto 13 CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Deberá indicarse o nome que se usa no perfil de facebook e, coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o texto na páxina de facebook e máis na web.
En ningún caso se poderá publicar directamente o micro-relato na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz, no evento que se creará para o concurso, nin en ningunha outra rede social, esa é unha angueira exclusiva de OZOCOgz.
Sexa cal for a maneira de facernos chegar o teu micro-relato, agradecemos que nos facilites un número de teléfono co que poder comunicarnos contigo no caso de resultares gañadora ou gañador.

7. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.

8. Os/as usuarios/as de Facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.

9. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 1 de febreiro até o 30 de abril de 2025, ámbalas dúas datas incluídas. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

10. O xurado está formado por Iria Morgade (escritora e profesora), Marta Villar (escritora e xornalista), Xosé-Henrique Costas (escritor e filólogo), Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Clube) e Fernando Miranda Estévez (libreiro e activista cultural), xunto co gañador da pasada edición do concurso Víctor Pérez Estévez.

11. Haberá dous micro-relatos gañadores aos que corresponderán os seguintes premios:
Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega de 1 lote cos xogos de historia GALIZA NO TEMPO e + (máis) GALIZA NO TEMPO de OZOCOgz e 1 vale, por unha noite para dúas persoas na Casa rural Fonte dos Pumares, nas Marabillas, no concello de Cartelle (Ourense).
Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega de 1 camisola, 1 caderno de OZOCOgz e 1 lote de libros (doados polas editoriais Xerais e Hércules de ediciones).

12. A decisión do xurado é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.

13. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizador do concurso.

14. As autoras e autores dos micro-relatos, ao participaren no concurso, permiten a OZOCOgz a súa divulgación pública por calquera medio coñecido ou por coñecer no futuro. OZOCOgz comprométese a respectar sempre os dereitos morais de autoras e autores, nomeadamente no que respecta aos dereitos de paternidade e integridade, polo que sempre se citará a autoras e autores dos micro-relatos presentados ao concurso, e non se alterará o contido dos mesmos.
As autoras e autores, ao participaren no concurso, ceden en exclusiva a OZOCOgz, e por un período de 10 anos, os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente).
Se a autora ou autor quixer publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOgz.

15. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.

O Carballiño, 27 de xaneiro de 2025
Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz”