Homenaxe a Ramiro Fonte

A sede viguesa da Fundación Caixa Galicia, na rúa Policarpo Sanz nº 21, acollerá mañá venres 17 de abril, a partir das 19,30 horas, un acto de homenaxe ao escritor Ramiro Fonte.

O acto iniciarase coa actuación musical do “Grupo Instrumental Siglo XX”. A continuación, celebrarase un recital poético con participación de X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, as recitacións proseguirán coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.

Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en prensa e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres. Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.

Entrega do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

«A entrega da 8ª edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que nesta edición gañou a poeta Olalla Cociña, terá lugar ás 20:00 horas o venres 18 de abril no hotel NH Alfonso IX de Sarria.
Na entrega do premio intervirán, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño e Martín Veiga (xurados desta edición), Eduardo Valiña (artista plástico que cede a obra desta edición), o concelleiro de Cultura do Concello de Sarria, Xermán Arias, e María Casar (presidenta da A.C. Ergueitos). O mantedor do acto será X. A. Neira Cruz.
Ao rematar o acto haberá unha cea no mesmo hotel (o prezo das tarxetas é 25€ – 667429225). Nesta ocasión tamén nos sería moi grato poder terte neste acto que anova en cada edición o noso labor de manter viva a memoria do Fiz e de facer medrar a árbore da poesía cun novo poemario anainado na casa da Espiral Maior.» (A. C. ERGUEITOS)

Poemas galegos en alemán

«O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará vai presentar hoxe no stand da Consellaría de Cultura na Feira do Libro de Frankfurt a obra ‘20 Gedichte aus galicien / 20 poemas galegos’. O representante da Consellaría de Cultura foi acompañado polos poetas Xosé Mª Álvarez Cácamo, Xavier Queipo e María Reimondez, ademais do coordinador da edición, Dieter Kremer, nunha presentación á que asistiron máis de cincuenta persoas.
Esta escolma dos poemas publicados nos diferentes números da revista Galicien Magazin, da Asociación Galego-Alemá acolle os poemas de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Queipo, Miguel Anxo Fernán Vello, Ana Romaní, Marga do Val, María Reimóndez, Yolanda Castaño e Mónica Góñez.» (Máis información na web da Consellaría de Cultura)

Viaxe literaria á Lóuzara de Fiz Vergara

A viaxe literaria á Lóuzara de Fiz Vergara, no día 16 de xuño, completarase coa actuación de musical de Uxía na Fonte da Cova, xunto ao vello muíño. Neste mesmo lugar terá lugar un recital de poemas do Fiz aos que poñerán voz, entre outros: Isidro Novo, Marica Campo, Xosé Manuel Beiras, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Valentín Arias, e Margarita Ledo.