Fallo do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba

Desde Culturalia GZ:
“O escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario Hora de penumbra na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceiras Segovia, coa obra Unha fraga de laios, na de menores de 18, son os gañadores do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa de San Martiño de Pino coa colaboración de Culturalia GZ.
O xurado do concurso, integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo, quixo destacar a “solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso” da composición de Alonso para facelo merecedor dos 1.500 euros do premio.
Pola súa banda, foi a “delicada inxeleza” dos versos de Maceiras, así coma “o realismo e a emotividade” destes, xunto coa súa “chamada ao espertar das conciencias” o que o fixo decantarse pola obra desta moza de 14 anos que recibirá libros e unha tablet.
O segundo premio na categoría de adultos recaeu en De casa queimada, de Iria Collazo (Moaña), quen puxo a súa “voz poética ao servizo da intensión dos sentimentos”, mentres que o “acerto do seu marcado ton intimista” nos versos de E sigo pensando en ti lle reportou á monfortina Sandra Rodríguez o segundo premio entre os menores de 18 anos, dotado con libros e un ebook.
O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, agradeceu unha vez máis a boa resposta a esta convocatoria, á que concorreron máis de 30 orixinais, e adiantou que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.
Previamente, o 5, terá lugar en Cospeito a presentación dos libros gañadores na categoría de adultos da primeira edición do certame, que edita Alvarellos: Caldaloba en terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes, que se fixo co primeiro premio, e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña.”

Acta do XLIII Certame de poesía sobre o Nadal

Desde O Belén de Begonte:
“Reunido o xurado do XLIII Certame de poesía sobre o Nadal, convocado polo Centro cultural José Domínguez Guizán, formado por: Jesús Domínguez Guizán, Presidente do Centro cultural convocante; Xavier Rodríguez Barrio, escritor e Xulio Xiz Ramil, xornalista, acorda emitir o seguinte fallo:
Conceder o Premio Begonte de poesía, dotado con 600€ e estatuíña de Sargadelos ao poema “Lenda do Boedo e do non nado”, presentado co lema “Incognitus”, por Xosé Otero Canto, de Lugo.
O segundo premio, dotado con 300€ e estatuíña de Sargadelos concedeuse ao poema “Pavana de Nadal”, presentado co lema “Clara Campoamor”, por Laura López Esteban, de Lugo.
Pola calidade do poema, concédese unha mención de honra dotada con estatuíña de Sargadelos a “Un belén que nunca pecha”, presentado co lema “Gaiferos de Mormaltán”, por Carlos López Fernández, residente en Vilalba.
Os premios serán entregados o próximo 26 de xaneiro, ás 5 da tarde, no salón de actos do Belén de Begonte.”