“Videopoemas: nova vida para a lírica”

Reportaxe en La Voz de Galicia:
“Que terían feito Mendinho ou Martín Códax de ter nacido nos tempos da Internet? Se cadra virarían nunha sorte de youtubers na procura de facer chegar as súas historias máis lonxe do que as viaxes dos trobadores acadaron nunca.
É algo que ten claro a escritora Diana Varela Puñal que decidiu transformar varias das composicións da súa última obra poética, Non, amor, en pequenas pezas audiovisuais. «Este é un libro moi musical, concibido dende o principio para o recitado. Compuxen os poemas baseándome no ritmo que escoitaba na miña cabeza. Os videopoemas permítenlle á xente escoitar ese recitado e iso serve para achegar á xente á poesía. Lela pode parecer difícil pero ninguén recea de oíla. Hai que atraer lectores. O mundo necesita xente á que lle gusten as artes».
Un argumentario moi semellante ao do escritor lucense Xulio Valcárcel. Autor consagrado na tinta e o papel, non dubidou en recorrer a este actual xeito de expresión para lle dar nova vida a algúns dos seus poemas. «É a maneira de achegarse á xente que non acode a unha librería nin a unha biblioteca pero que si accede a Internet, xente que traballa máis coa imaxe que coa palabra. A poesía foi primeiro un fenómeno oral, logo pasou á escrita e agora estamos nun momento no que é necesario usar as novas tecnoloxías».
Tanto Varela como Valcárcel acudiron ao coruñés Cristian Rola para verter os seus textos ao mundo audiovisual. «É unha persoa cunha gran sensibilidade artística. Non se limitou a plasmar en imaxes a literalidade dos textos senón que vai cara unha interpretación abstracta dos mesmos» explica a autora de Non, amor. «Á dimensión puramente literaria engádeselle a plástica e os poemas ganan outro efecto» puntualiza Valcárcel. (…)”

Rocío Leira gaña o III Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro convocado polo concello de Negreira

DesdeRocio-Leira-acolle-con-gran-ilusion-este-premio-que-consiste-na-edicion-do-poemario Que pasa na Costa (fotografía recollida no mesmo medio de comunicación):
“(…) Rocío Leira Castro (Pereiriña – Cee), coa súa obra Obituario, presentada baixo o pseudónimo de Xanela, resultou a gañadora do III certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que tivo lugar no concello de Negreira.
Entre as tres obras finalistas están, aparte de Obituario, Versos de amor e norte, de Cristina Negreira Barcia, de Negreira, e Mexacáns do Tambre, de Xosé Antonio Grela, de Santiago de Compostela.
O premio consiste na edición do poemario gañador por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a entrega de 150 exemplares nun acto a desenvolverse na vindeira primavera en Negreira. “Este premio supón un paso importante na miña carreira, pois vai ser o meu primeiro libro de poesía para adultos que ve a luz”, asegura Rocío Leira.
O xurado –formado por José Antonio Ponte Far, Xulio López Valcárcel, María López Sández e María Rey– destacou da obra a forza das imaxes poéticas, así como a mirada poliédrica sobre un tema tan actual como a violencia de xénero. “A obra está baseada nun conxunto de poemas, e cada poema sobre a morte dunha muller que cita nun primeiro momento xunto coa data en que foi asasinada”, salientou José Antonio Ponte Far, presidente do xurado e amigo persoal de Ardeiro.
Obituario consta de 41 poemas, cada un deles encabezado polo nome dunha muller asasinada no 2015, e nos que se ofrecen, a través da linguaxe poética, distintas perspectivas dunha lacra social como son os feminicidios. (…)
Éste non é o único premio co que a ceense despide o seu ano literario; xa que recentemente lle comunicaron ser a gañadora do segundo premio da XXIX edición do Certame Rosalía de Castro de Cornellá, que dende hai case trinta anos convoca a comunidade galega de Cataluña.
O certame ó que se presentaron máis de 260 obras, tiña como membros do xurado a persoeiros coma Xurxo Souto ou Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía de Castro-.
O poema presentado por Rocío Leira baixo o título Lume no peito combina elementos culturais galegos e cataláns e versa sobre a dualidade de sentimentos que pode sufrir alguén na diáspora. Entremedias, numerosas referencias a Manuel Oreste Rodriguez López, poeta galego cunha relación moi estreita coa comunidade galega emigrada en Cataluña.”

A Coruña: presentación da edición bilingüe de Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello

O mércores 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase a edición bilingüe do poemario Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello, publicado por Pigmalión. No acto, xunto ao autor, participan Xulio L. Valcárcel, Luís G. Soto, Gustavo Pernas e Basilio Rodríguez Cañada.