Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As historias no espello

O Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As historias no espello é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Concello de Rianxo e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.

As historias no espello

Impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Víctor F. Freixanes.

10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, a celebrar os sábados:
8, 15, 22 e 29 de setembro
6, 13, 20 e 27 de outubro
10 e 17 de novembro

Terá lugar nas aulas do Auditorio de Rianxo (como chegar).
20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude no teléfono
981 100 688

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Antón Riveiro Coello fálanos do Obradoiro de creación literaria da AELG en Rianxo

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“As historias no espello. Antón Riveiro Coello fálanos do Obradoiro de creación literaria da AELG que impartirá en Rianxo. A entrevista pode escoitarse aquí.”

A Sega celebra a vida de Marica Campo

Desde Sermos Galiza:
“O parque da Milagrosa, en Lugo, converteuse no epicentro da actividade da plataforma de crítica literaria A Sega para homenaxear Marica Campo (O Incio, 1948) no V Día das Galegas nas Letras. Un acto lúdico e reivindicativo do papel da muller na literatura.
Pasadas as 12 horas, o parque da Milagrosa, en Lugo, acollía perto dun cento de mulleres que, convocadas por A Sega, celebraban o 15 de agosto como “Día da Nosa Señora (das letras Galegas)”. Encetábano cun divertido roteiro imaxinario pola obra da quinta muller recoñecida co Día das Galegas nas Letras, Marica Campo.
Susana Sánchez Arins foi a condutora dunha actividade na que o maxín cumpriu un papel principal. A integrante da Sega ía contando anécdotas da vida de Marica Campo acompañada das lecturas do público, que tiraba de fragmentos da obra da homenaxeada. Andrea Barreira, unha das organizadoras da xornada, sinala, en declaracións a Sermos Galiza que as persoas participantes “ían lendo pasaxes de libros relacionados co momento vital de Marica Campo que narraba Susana Sánchez Arins”. “Foi todo imaxinario, percorremos o parque buscando semellanzas co que contaba Susana”, acrecenta.
Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coa lectura do manifesto, “centrámolo en explicar que Marica Campo, como autora, abriu o camiño ás que vimos detrás”, explica Andrea Barreira. “Marica vai removendo a terra para que poidamos medrar como autoras. Precisamente, por ser ela unha escritora que tira polas demais, pode ficar na profundidade da terra e non se recoñece o seu traballo tanto como se debería recoñecer”, engade.
“Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti”, salienta o manifesto Os ollos das patacas. “Nosoutras, que somos segadoras, agardamos as patacas. Queremos ser patacas con ollos. Que fillen tantas outras cálidas, profundas e combativas coma ela. Coma a Nosa Señora das Letras Marica Campo”, conclúe.
A resposta de Marica Campo ás palabras que falaban de abrir camiños ás escritoras máis novas foi o agradecemento, “agradeceu todas as homenaxes que se lle están facendo en recoñecemento da súa obra, sobre todo as que son desinteresadas”. “Tamén deu as grazas pola presenza de todas as que participamos, entre elas, a súa familia, que no día de hoxe sempre celebraba a onomástica da súa nai”, afirma Andrea Barreira, que destaca o labor de Marica Campo na defensa e impulso da lingua e da cultura galega e da igualdade.
O groso da celebración chegou após o xantar, con contos a cargo de Vero Ríos; música de Raiceira, Xaora, Paloma Suances e Mercedes Peón; lectura de fragmentos da obra da homenaxeada por Ana Torres, Tereixa Campo e Belén López; o obradoiro Traer a lenda ao presente, da man de Andrea Barreira, e a lectura dramatizada de O Premexentes non pode cos paxaros rebezos, coordinada por Lorena Conde.”

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 6 de agosto

O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

11:30 h. Contacontos de Mar Guerra na Libraría Azeta.
18:00 h. Coloquio Editar poesía hoxe. Conversan Dores Tembrás, (ed. Apiario), Antón Lopo (ed. Chan da Pólvora) e Miguel Anxo Fernán-Vello (ed. Espiral Maior).
18:00 h. Presentación do libro Ring, ring…! Quen rima?. Lectura de poemas e obradoiro de ilustración con Ana María Fernández e Enrique López.
19:00 h. Estefanía Padullés asina Max e Lea e outros libros na caseta de Hércules Edicións.
19:45 h. Presentación de Fálame do silencio, de Pablo L. Orosa, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Manuel Rodríguez e Fran Alonso.
21:15 h. Presentación de A simetría das bestas, de Alberto Ramos, XVIII premio Risco de Creación Literaria. A continuación o autor asinará exemplares na caseta de secretaría. Participan: Alberto Ramos e David Cortizo.

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 4 e 5 de agosto

O 4 e 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 4
18:00 h. Estefanía Padullés presenta Max e Lea. Obradoiro para debuxar un dinosaurio.
18:00 h. Bea Lema asina exemplares de O corpo de Cristo, XII Premio Castelao de Banda Deseñada, publicado pola Deputación da Coruña. Na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Marcelino Fernández Mallo asina O bolseiro de Ingatex, na caseta de Lume.
19:00 h. Xoán Babarro asina O baúl de Domingo Quintas na caseta de Hércules Edicións.
19:00 h. Presentación de Mael. Máis alá da Fraga de Cornanda, de Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.
19:45 h. Presentación de O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado (na carpa de infantil).
20:00 h. Sinatura de Yolanda Castaño na Libraría Azeta.

Domingo 5
13:00 h. Presentación de Patacas e máis patacas. O misterio da Casa Grande, de María Acosta.
19:00 h. Héctor Cajaraville asina Nova Nursia, na caseta de Lume.
19:00 h. Presentación do libro Lingua de Eva e Adán. Sobre poesía e poetas, de Xavier Seoane, publicado por Espiral Maior. Participan Eva Veiga, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai!, na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Negro sobre negro. Conversa de Diego Ameixeiras, autor de A crueldade de abril, publicado por Xerais, e Nieves Abarca, autora de El beso de Tosca.
20:00 h. Xurxo Souto asina na caseta de Lume.
20:30 h. Presentación dos novos títulos da colección Mulleres Bravas da nosa historia, con María Reimóndez, Eli Ríos, Andrea Jamardo e Andrea Barreira.

A Pobra do Caramiñal: I Xornadas de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Ribadeo: V Feira do Libro