Moaña: presentación de Obra poética completa, de Xosé Manuel Millán Otero

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do profesor, escritor e poeta Xosé Manuel Millán Otero, membro desta entidade

Xosé Manuel Millán Otero, profesor, escritor, poeta e ex alcalde nacionalista de Moaña, finou na tarde desta quinta feira, 29 de outubro, nun centro hospitalario de Vigo. Nado na parroquia de Beluso, Bueu, en 1964, foi profesor de Lingua e Literatura Galega en Moaña. Foi autor de diversos estudos e edicións críticas de escritores de preguerra (Ramón Cabanillas, Vicente Risco…) e actuais, como Bernardino Graña. Participou tamén en obras colectivas como a Historia da Literatura Galega (1996), editada por A Nosa Terra / AS-PG e Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001).
Como poeta publicou Este é o tempo do sal (Accésit do Premio Esquío, 1991), As palabras no espello (Ed. Do Castro, 1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio Lorenzo Baleirón  e As cinzas de Pasolini (2018, Editorial Toxosoutos).

Aquí poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

Lembramos, igualmente, este fragmento do seu poemario As palabras no espello:

“E serás canto ames
canto devoren
os teus pasos en léguas e paisaxes
todo o mar que cabe na cunca das tuas mans estreitas
só aquel que cómpre
para fabricar icária e alagar tantos continentes

Serás a tua culpa e o teu desexo
porque só ti es quen para medir
os ferrados de tristeza que agocha a pel dun home
para escribir coas mesmas letras do amor a amargura
e pór a encrucillada onde morren os camiños”

Cangas acolle o 26 de xullo a estrea do documental sobre Bernardino Graña

Desde a Real Academia Galega:
“O auditorio de Cangas acolle o venres 26 de xullo, a partir das 21 horas, a estrea do documental sobre Bernardino Graña (Cangas, 1932) dirixido por Xan Leira. Bernardino Graña, o home que quixo vivir construiuse a partir dun encontro en Panxón do escritor e académico con amizades. Persoas próximas ás diversas actividades que protagonizou o autor ao longo da súa vida, desde as profesionais e literarias ata as políticas e sociais, tecen un relato coral en diálogo coas lembranzas e reflexións do propio homenaxeado.
A gravación tivo lugar en Moaña, Cangas e Panxón e contou coa colaboración de Alexandre Ripoll, Asun Sóñora, Héitor Mera, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Millán, Rafael Lorenzo, Marta Dacosta, Camilo Camaño, Xosé Manuel Pazos, Manuel Álvarez, Cesáreo Sánchez e Helena Pérez. O filme recolle tamén testemuños dos desaparecidos Bautista Álvarez, compañeiro do grupo Brais Pinto, e Raimundo García Borobó recollidos no arquivo persoal de Xan Leira.”

Cuestionario Proust: Xosé Daniel Costas Currás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Daniel Costas Currás :

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A obsesión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Respecto.
4.– A súa principal eiva?
– O rostro serio e a terquidade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Gozar d@s amig@s.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Gozar cada intre.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte.
8.– Que lle gustaría ser?
– Nada que non son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa vermella de Yeats.
12.– O paxaro que prefire?
– O paíño.
13.– A súa devoción na prosa?
– Anxo Rei Ballesteros.
14.– E na poesía?
Xosé Luís Méndez Ferrín.
15.– Un libro?
Este é o tempo do sal (X. M. Millán Otero).
16.– Un heroe de ficción?
– Logan (Lobezno), traguei moito Marvel.
17.– Unha heroína?
– Sarah Connor.
18.– A súa música favorita?
– Toda aquela que me di algo.
19.– Na pintura?
– Luís Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Alexandra David-Néel.
21.– O seu nome favorito?
– Sabela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Que se fume diante das crianzas.
23.– O que máis odia?
– O maltrato.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Rouco Varela.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolta irmandiña.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A destreza e ritmo para tocar algún instrumento musical.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen que me rouben os recordos e a consciencia.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Alegre, aínda que pola miña cara pareza estar enfadado sempre.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Non perdas a capacidade de soñar.”