O venres 8 de abril ás 20:30 h., na Libraría O Pontillón (Avenida Concepción Arenal, 7) de Moaña, preséntase o libro Neve, de Lucía Novas, publicado en Espiral Maior, obra gañadora do XIII premio de Poesía Johán Carballeira. A autora estará acompañada neste acto da profesora de lingua galega Asunción Sóñora Abuín.
Arquivos mensuais: Abril 2011
O Burgo, Culleredo: representación de Pisados, de Gustavo Pernas, por Áncora Produccións
O venres 8 de abril, a partir das 20:30 h., no Edificio de Servicios Múltiples do Burgo (Culleredo), terá lugar a representación de Pisados, por Áncora Produccións, sobre un texto de Gustavo Pernas, cunha duración aproximada de 75 minutos. Nesta obra trátanse temas tan actuais como: as linguas pisadas, a marxinación, a crise, a emigración, o maltrato, a intolerancia, o totalitarismo, o amor, a solidariedade… a través da personaxe de Botamán de Melide, que nos vai descubrindo os seus segredos e nos convida a espertar os nosos sentidos atrofiados polas falsas expectativas dunha sociedade xorda. Recuperamos a personaxe do green man moi presente no mundo celta para o noso teatro, con este texto cheo de lecturas con arrecendos cunqueiráns e valleinclanescos. Unha dramaturxia actual para un público de hoxe. Organizado pola Concellaría de Cultura de Culleredo.
Esteiro (Muros): presentación de O Vákner e o dragón, de Aurora Lestón
O venres 8 de abril, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Esteiro (Muros), preséntase o libro O Vákner e o dragón, de Aurora Lestón, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando á autora, Fernando Alonso Romero, David González Couso, Milagros Torrado e Laura Erias. Organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Toxosoutos e o Concello de Muros.
Lupe Gómez: “A escrita sorpréndeme ata a min”
A Coruña: Creación, Lingua e Identidade, conferencia de Mariasun Landa nos IV Encontros Cidade da Coruña
O mércores
6 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a segunda conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Mariasun Landa fará un percorrido pola súa extensísima obra guiada polo título Creación, Lingua e Identidade, nun acto presentado por Mercedes Queixas.
Nada en Rentería en 1949, Mariasun Landa Etxebeste licenciouse en Filosofía en París en 1973 e en Filosofía e Letras pola Universidade de Valencia. Exerceu como profesora de Educación Básica durante varios años, así como no Servizo de Euskaldunización do Profesorado (IRALE-Goberno Vasco). Actualmente é profesora titular de Didáctica da Literatura na Escola Universitaria do Profesorado de Donostia (UPV / EHU). Colaborou en numerosas revistas e xornais do País Vasco, pero o seu labor creativo céntrase sobre todo na literatura infanto-xuvenil en lingua vasca. Autora de máis dunha trintena de títulos para nenas e nenos, grande parte da súa obra foi traducida a castelán, catalán, galego, así como a outras linguas extrapeninsulares: inglés, francés, alemán, grego, árabe, coreano albanés,… Entre algúns dos premios literarios que recibiu, destacan o premio de maior tradición na literatura vasca, o Lizardi de Literatura Infantil en éuscaro co conto Txan Fantasma en 1982 (do que existe versión en galego, Chan, a pantasma) e o Premio Euskadi de Literatura Infanto-xuvenil en 1991 coa obra Alex. En 2003 gañou o Premio Nacional de Literatura Infanto-xuvenil do Ministerio de Cultura coa obra Un crocodilo debaixo da cama escrita orixinalmente en lingua vasca (Krokodiloa ohe azpian). O seu libro Iholdi foi incluído na lista de honra do IBBY en 1992, e Un crocodilo debaixo da cama en 2006. Elefante corazón de paxaro foi seleccionado para a lista dos White Raven de 2001 que elabora a recoñecida Biblioteca Internacional do Libro Infanto-xuvenil de Múnic.
Ferrol: actividades do xoves 7 na Feira do Libro
Dentro do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, e despois da inauguración do día 6 ás 19:30 h. co pregón de Rosa Aneiros, terán lugar os seguintes actos o xoves 7 de abril:
De 10:00 a 14:00 h. no Auditorio da Fundación Caixa Galicia, “Maratón de lectura, con Castelao como eixo, para todos os públicos, presentado e moderado por Lucía Aldao.
19:00 h. Antonio Yáñez Casal presenta Xoa, publicado en Xerais, acompañado por Fran Alonso.
20:00 h. Diego Ameixeiras presenta Asasinato no Consello Nacional, publicado en Xerais, tamén acompañado por Fran Alonso.
Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos
Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.
Vigo: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez
O xoves 7 de abril, ás 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Rúa Princesa, 2) de Vigo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación Cultural O Castro presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.