Roteiro literario Lois Pereiro volve ao Incio o sábado 30 de abril

O 30 de abril, sábado, celebrarase un acto homenaxe ao recordo de Lois Pereiro no Incio. Un roteiro entre a casa dos avós paternos, en Reádigos, e a dos avos maternos en Santa Cristina do Viso, un camiño que facía todos os veraos de neno e agora repetiremos con algo de música e facendo algunha parada para ler uns textos, cada un os que queira. En Santa Cristina, cos veciños que se acheguen, e con máis música, xantaremos e beberemos no campo da festa, convidados pola Asociación Cultural Ouriceira.

O programa de actividades é o seguinte:
– 11:30 h. Toldaos-Reádigos (en google maps aparece como Barrio, con estas coordenadas +42° 40′ 40.55″, -7° 21′ 2.51″). na estrada da Cruz do Incio a Samos LU-641. Deixánse alí os coches, que logo se recuperarán). Primeira lectura, onda a casa dos avós paternos.
– 12:00 h. Saída a pé cara Santa Cristina, cun par de paradas nos soutos (uns 4 km.)
– 12:45 h. Chegada a Santa Cristina. Lectura no cemiterio.
– 13:00 h. Campo da festa. Presentación do libro-disco de Alexandro González, editado por Zouma.
– Xantar, beber e gaiteiros.
– Actuación de Manu Clavijo.

* Reádigos en Google Maps.
* Santa Cristina de Viso en Google Maps.

Este é o contacto ao que se recomenda dirixirse os que queiran pasar o día no Incio: Roi Maceda roimaceda@gmail.com.

Crónica en Xornal.

Santiago, 30 de abril: Acto nacional pola lingua convocado pola Plataforma Queremos Galego

“Todo está xa en marcha para o vindeiro sábado 30 de abril vivirmos, a partir das 19:30 h. na compostelá Sala Capitol, unha gran festa colectiva en favor da nosa lingua e da nosa cultura. Un ACTO NACIONAL POLA LINGUA co que desde a Plataforma Queremos Galego desexamos amosar que a nosa é unha lingua viva, con forza e con futuro, malia os ataques recibidos polo actual goberno da Xunta de Galiza, do cal se fan estes días precisamente o seu segundo aniversario.
Desde Queremos Galego convidámosvos desde xa a que, se outros compromisos non volo impediren, nos acompañedes o día 30, a partir das sete e media, na Sala Capitol, nun acto onde palabras e sons na nosa lingua propia unirán toda a súa potencia para reclamarmos unha vez máis os nosos dereitos lingüísticos. Presentado e conducido polo polifacético creador e humorista Xosé Lois González “O Carrabouxo”, combinarase a música de Ugia Pedreira, Roi Casal e a súa banda, Miro Casabella e Roberto Sobrado coa palabra de Ernesto Chao, actual presidente de Escena Galega; Manuel Rivas; Teresa Moure; Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); e Carlos Callón.
As entradas ao acto teñen un prezo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a axudar economicamente á Plataforma Queremos Galego para que poida continuar coas súas actividades. Na páxina web da plataforma está xa operativo un sistema de reserva de entradas, que podedes retirar na propia billeteira da Sala Capitol o propio día 30 a partir das 19:00 h. No mesmo sitio, na sección de materiais, podedes descargar baners publicitarios da iniciativa en diferentes tamaños para pórdes en páxinas, blogues, etc.
Esta gran festa da nosa lingua será ademais o punto de partida para a gran mobilización expansiva que desde Queremos Galego estamos a impulsar para o vindeiro 17 de maio, para a cal desde xa vos emprazamos e da que axiña daremos máis detalles.
Agardándomos desde xa a vosa presenza, recibide unha moi forte aperta pola lingua.”

Vilaboa (Culleredo): I debate sobre Estado e retos da poesía na sociedade actual

O mércores 27 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Uxío Novoneyra de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar o I debate sobre o Estado e retos da poesía na sociedade actual, moderado por Miguel Anxo Fernán-Vello, coa participación de Ánxeles Penas, Xavier Seoane, Dores Tembrás e Xulio L. Valcárcel.

Ourense: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O mércores 27 de abril, ás 20:30 h., no Café Cultural Auriense (Praza do Correxidor) de Ourense, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a A. C. Auriense presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.

Margarita Ledo: “Se tolleitas o cine, tolleitas un campo importantísimo para a expresión dun país”

Entrevista a Margarita Ledo en Xornal:
“- Xornal (X): No Nadal rodou no manicomio de Castro, onde estivo gran parte da súa vida Antón Moreda. Hai dúas semanas reanudou a gravación. Finalizou xa a rodaxe en Galicia?
– Margarita Ledo (ML): Si, concluímos a rodaxe en Galicia. Rodamos en lugares con esa pátina do tempo necesaria, polo que realmente non hai ambientación en ningún deles, son lugares que coinciden no guión, que están imaxinados para que ocorran determinadas situacións. Rodamos nunha das pouquísimas casas galegas racionalistas, que fai o escenario cinematográfico da casa porteña. Xa gravamos todas as escenas dun momento importante da fita: cando a personaxe se converte en mucama, en criada. É ese o momento no que a muller realmente se inscribe nunha sociedade que non coñece e pasa por esas situacións de estrañamento e silencios que marcan a inserción das mulleres aos lugares de chegada. (…)
– X: Cloti Iglesias é bailarina. Renata Otero, artista. Eva Veiga é poeta. Por que escolle creadoras que non son actrices para os papeis femininos da película?
– ML: Por exemplo, no caso de Eva Veiga, eu vou construíndo a película ao seu redor. Por que? Porque ela é exactamente a personaxe. Nunca foi mucama, pero si que é a personaxe da película pola súa propia experiencia e porque sufriu un proceso de interiorización de situacións límites. Todo iso fai que se adapte á personaxe perfectamente. Despois é unha persoa que é creadora ela mesma, creadora de mundos. É moi tenaz e rigorosa no seu traballo, meteuse a fondo nel e ten u­nha presenza na que eu confiaba. Cloti, por exemplo, naceu na diáspora e participa de certo xeito en todo o que se perdeu; dalgunha maneira participa desa melancolía activa e, ademais, fala ese galego porteño marabilloso e natural que ten nacendo aló. Porque ela non é neofalante, como lle pasa a moita xente que acaba aprendendo o idioma por razóns de recuperación da identidade cultural. Pero tamén aparecen actrices, como Mónica Camaño, que fai un papel moi corporal de mucama italiana. Ou Margarita Fernández. Logo, de intérpretes, polo outro lado, están Tamar Novas, Lino Braxe, Xabier Deive.”

Santiago: presentación de Historia dun ermo asociativo, de Daniel Lanero Táboas

O mércores 27 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo, de Daniel Lanero Táboas, publicado en 3C3. No acto intervirán Ramón Villares, Lourenzo Fernández Prieto, Víctor Manuel Santidrián Arias, X. Amancio Liñares Giraut e o propio autor.

Pontevedra: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse

O mércores 27 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa da Oliva) de Pontevedra, preséntase a colectánea de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse, publicada en Edicións do Castro. No acto, presentado Roxelio Pérez Poza e Francisco Cerviño González, terá lugar a actuación musical do grupo de gaiteiros Os do Luns.

A Coruña: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O luns 25 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 2º andar) da Coruña, preséntase o libro Vivir, unha aventura irrepetíbel, biografía de María do Carme Kruckenberg, obra de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia. No acto participan Francisco Castro, Mercedes Queixas, e a propia María do Carme Kruckenberg, e dado que a poeta é tan amante do jazz, está prevista a actuación do grupo Tres Azoteas.