Arquivos mensuais: Maio 2011
Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuseo luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado Empoderármonos, de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao “paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres”. Na acta do xurado sinálase que o artigo “fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación”. Ademais, “destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público”.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O accésit concédeselle “pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios” e pola “calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos”.
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño.
Convocado o I Concurso de Microcontos do Concello de Valdoviño
O Concello de Valdoviño a través da Concellaría de Cultura e da Biblioteca Municipal convoca o I Concurso de Microcontos, que rexerán as seguintes bases:
1.- Poderá participar neste concurso calquera persoa residente na comunidade autónoma galega, sempre que o texto presentado esté escrito en língua galega e se cumpran os requisitos esixidos na presente convocatoria.
2.- Establecense as seguintes categorías de participación:
A) De 8 a 11 anos.
B) De 12 a 17 anos.
C) Adultos.
3.- Os temas de referencia dos textos serán:
– os bosques (a ONU declarou o 2011 como o Ano Internacional dos Bosques)
– a música (o Decreto 4/2011 de 13 de xaneiro declara o ano 2011 como Ano da Música de Galicia)
4.- A extensión máxima será de 300 palabras incluído o título.
5.- Os traballos presentaranse por quintuplicado, debendo ser inéditos e non premiados noutros concursos.
6.- O modo de presentación dos traballos será: sobre grande no que conste a categoría e o pseudónimo do autor. No interior deste sobre introducirase :
– O traballo a presentar asinado co pseudónimo.
– Un sobre de menor tamaño, pechado, que leve dentro os datos do autor (nome, apelidos, enderezo, DNI e teléfono) e escrito no exterior o pseudónimo do autor.
7.- O prazo de entrega rematará o mércores 18 de maio ás 14:00 horas. O lugar de entrega será a Biblioteca de Valdoviño sita en Casa de Cultura, Gándara de Abaixo , s/n. Valdoviño C. P. 15552.
8.- Os premios consistirán en vales canxeables por libros en librerías da comarca polos seguintes importes:
* Categoría A: MELLOR MICROCONTO : 40’00 euros / MENCIÓN ESPECIAL : 30’00 euros.
* Categoría B: MELLOR MICROCONTO : 50’00 euros / MENCIÓN ESPECIAL : 35’00 euros.
* Categoría C: MELLOR MICROCONTO : 100’00 euros / MENCIÓN ESPECIAL : 45’00 euros.
9.- Os orixinais premiados quedarán en propiedade do Concello de Valdoviño. Os orixinais non premiados serán destruídos. A participación no concurso conleva a autorización expresa dos autores a que os seus textos podan publicarse e difundirse a través da páxina web do Concello; así mesmo, o Concello de Valdoviño reserva os dereitos para unha posible edición local polo que os autores cederán os correspondentes dereitos de publicación.
10.- O xurado darase a coñecer no mes de maio a través da páxina web do Concello e no taboleiro de anuncios da Casa de Cultura e estará formado por persoas de recoñecida capacidade para xulgar este concurso. Este xurado quedará facultado para resolver calquera incidencia que puidera producirse e non estea contemplada nas bases. Terá en conta o valor literario, o correcto emprego da língua galega e a capacidade de transmisión da mensaxe escrita. As decisións do xurado serán tomadas en única votación por maioría de votos e o seu fallo será irrevocable podendo declarar desertos os premios se estiman que os textos non teñen calidade suficiente. O xurado resérvase o dereito de non admitir a concurso os microcontos que atenten contra os dereitos á intimidade, honra e a propia imaxe ou que conteñan connotacións sexistas, discriminatorias, difamatorias ou calesquera que atenten contra a dignidade.
11.- O fallo do xurado farase público o día 24 de maio e será publicado na páxina web do Concello. Os premios serán entregados en acto público o domingo 29 de maio coincidindo co peche de actos celebrados co gallo das Letras Galegas 2011 .
12.- A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases.
En Valdoviño, abril de 2011.
Alcaldesa, Mª Isabel Álvarez Diéguez.
Xosé Luís Regueira: “Hai un intento político para desmontar a normalización do galego”
(Xornal)
Lugo: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero
O mércores 4 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Alexandre Veiga Rodríguez e Manuel Bragado.
Xulia Alonso e Francisco Calo Lourido galardoados na XXVI edición dos Premios Antón Losada Diéguez
“O xurado da XXVI edición dos premios Antón Losada Diéguez otorgou o premio de creación literaria a Xulia Alonso, pola súa obra Futuro imperfecto e o de investigación e ensaio a Francisco Calo Lourido, polo seu traballo Os Celtas: Unha (re)visión dende Galicia. O xurado valorou en Futuro Imperfecto a enorme intensidade emotiva que introduce a vida dentro da literatura. Narra unha experiencia vivida que representa tamén a historia dunha xeración que sucumbiu ao engano da droga como negocio manexado por xente sen escrúpulos. A obra está editada pola Editorial Galaxia. Da obra Os Celtas. Unha revisión dende Galicia, editada por Xerais, os integrantes do xurado destacaron o rigor documental, as diferentes fontes de aproximación ao problema histórico dos celtas e do celtismo, así como o seu reflexo en Galicia, nun debate aberto que tivo a súa importancia na configuración da identidade mítica dos galegos.” Vía Asociación Galega de Editores. O xurado estivo composto por Francisco Fernández Rei, Henrique Monteagudo, Francisco Fariña, José Luís Valladares, Anxo Tarrío, Xosé Henrique Costas e Xosé Ramón Freixeiro, actuando como presidente Cipriano Caamaño e vicepresidenta María Josefa Pérez.
Marcos Calveiro: “Eu non escribo no folio en branco para sufrir senón para divertirme”
Entrevista a Marcos Calveiro en Faro de Vigo:
“- Faro de Vigo (FdV): Por que escribe vostede?
– Marcos Calveiro (MC): Un autor pon moito da súa vida nos libros. Son unha parte importante da miña vida e eu pásoo pipa escribindo. Non escribo para sufrir no folio en branco. Si, hai moito traballo pero divírtome. Supoño que, como fun un gran lector dende neno, teño esa pulsión de escribir. (…)
– FdV: Que destaca de Lois [Pereiro]?
– MC: Era un poeta minucioso. Escribía e correxía; podía estar meses cun poema buscando a palabra axeitada; tiña unha poesía destilada como se fose un licor. Os poemas parecen sinxelos pero chegar aí é moi difícil. O seu corpo, pola enfermidade e a dor foi unha loita constante.
– FdV: Cre que Pereiro é o gran descoñecido para a xente nova?
– MC: Penso que non. Os seus libros vendéronse ben. Os da miña xeración tiñámolo coma un mito. Para o gran público… Era máis coñecida María Mariño que Lois? Eu penso que non. Este ano por primeira vez a Real Academia Galega non vende o cadáver exquisito de tódolos anos do ano catapún-chimpún.”
Santiago: presentación e faladoiro sobre Indignádevos!, de Stéphane Hessel
Santiago: actividades do martes 3 na Feira do Libro
Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do martes 3 son as seguintes:
– 18:00 h. Actividades para nenos. Contacontos a cargo de Brétema Animación.
– 18:30 h. Presentación do libro O meu gato é un poeta, de Fran Alonso, publicado por Xerais. Intervirán no acto Xurxo Souto e o autor.
– 19:00 h. A escritora Mª José Viñas Tobío asinará exemplares dos eu libro El planeta Dragón, publicado por Editorial La Plana.
– 20:00 h. Presentación do libro de Marga do Val, A cidade sen roupa ao sol (Premio da Crítica Española 2010), publicado por Espiral Maior. Participan no acto a propia autora, Anxos Sumai, Elias Torres Feijó e Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.
Santiago: actividades do luns 2 na Feira do Libro
Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades deste luns 2 son as seguintes:
– 18:00 h. Actividades para nenos. Contacontos a cargo de Brétema Animación.
– 19:00 h. Baía Edicións, presenta as obras gañadoras do Premio Barriga Verde 2010, nas modalidades infantil e adulto: Fábula galénica, de Inacio Vilariño e Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz. Xunto cos autores, intervirán Jorge Rei, da Asociación Barriga Verde e Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións.
– 19:30 h. A poeta Eva Veiga asinará exemplares do libro A frecha azul do teixo, publicado por Edicións Espiral Maior.
– 20:00 h. O escritor Estevo Creus fará a presentación do seu libro de poemas visuais O libro dos cans, publicado por Franouren Edicións. Xunto co autor, participará no acto Manuel Ángel García, director da editorial.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.