Esteiro (Muros): presentación de O Vákner e o dragón, de Aurora Lestón

O venres 8 de abril, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Esteiro (Muros), preséntase o libro O Vákner e o dragón, de Aurora Lestón, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando á autora, Fernando Alonso Romero, David González Couso, Milagros Torrado e Laura Erias. Organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Toxosoutos e o Concello de Muros.

A Coruña: Creación, Lingua e Identidade, conferencia de Mariasun Landa nos IV Encontros Cidade da Coruña

O mércores CARTAZ IV ENCONTRO CIDADE DA CORUÑA6 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a segunda conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Mariasun Landa fará un percorrido pola súa extensísima obra guiada polo título Creación, Lingua e Identidade, nun acto presentado por Mercedes Queixas.
Nada en Rentería en 1949, Mariasun Landa Etxebeste licenciouse en Filosofía en París en 1973 e en Filosofía e Letras pola Universidade de Valencia. Exerceu como profesora de Educación Básica durante varios años, así como no Servizo de Euskaldunización do Profesorado (IRALE-Goberno Vasco). Actualmente é profesora titular de Didáctica da Literatura na Escola Universitaria do Profesorado de Donostia (UPV / EHU). Colaborou en numerosas revistas e xornais do País Vasco, pero o seu labor creativo céntrase sobre todo na literatura infanto-xuvenil en lingua vasca. Autora de máis dunha trintena de títulos para nenas e nenos, grande parte da súa obra foi traducida a castelán, catalán, galego, así como a outras linguas extrapeninsulares: inglés, francés, alemán, grego, árabe, coreano albanés,… Entre algúns dos premios literarios que recibiu, destacan o premio de maior tradición na literatura vasca, o Lizardi de Literatura Infantil en éuscaro co conto Txan Fantasma en 1982 (do que existe versión en galego, Chan, a pantasma) e o Premio Euskadi de Literatura Infanto-xuvenil en 1991 coa obra Alex. En 2003 gañou o Premio Nacional de Literatura Infanto-xuvenil do Ministerio de Cultura coa obra Un crocodilo debaixo da cama escrita orixinalmente en lingua vasca (Krokodiloa ohe azpian). O seu libro Iholdi foi incluído na lista de honra do IBBY en 1992, e Un crocodilo debaixo da cama en 2006. Elefante corazón de paxaro foi seleccionado para a lista dos White Raven de 2001 que elabora a recoñecida Biblioteca Internacional do Libro Infanto-xuvenil de Múnic.

Ferrol: actividades do xoves 7 na Feira do Libro

Dentro do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, e despois da inauguración do día 6 ás 19:30 h. co pregón de Rosa Aneiros, terán lugar os seguintes actos o xoves 7 de abril:
De 10:00 a 14:00 h. no Auditorio da Fundación Caixa Galicia, “Maratón de lectura, con Castelao como eixo, para todos os públicos, presentado e moderado por Lucía Aldao.
19:00 h. Antonio Yáñez Casal presenta Xoa, publicado en Xerais, acompañado por Fran Alonso.
20:00 h. Diego Ameixeiras presenta Asasinato no Consello Nacional, publicado en Xerais, tamén acompañado por Fran Alonso.

Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos

Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.

Vigo: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O xoves 7 de abril, ás 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Rúa Princesa, 2) de Vigo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación Cultural O Castro presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.

Bueu: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó

O xoves 7 de abril, ás 20:30 h., na Librería Abrente (Rúa Montero Ríos, 167) de Bueu, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, e intervirán, aparte do autor, Asunción Sóñora e David Novas.