O sábado 12 de novembro, ás 18:30 horas, na librería Aira das Letras de Allariz (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5), terá lugar a presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas. No acto participan Francisco Castro, Teresa Devesa e Yolanda Castaño.
Arquivos anuais: 2011
Vigo: nova edición do Círculo Poético Aberto
O sábado 12 de novembro, ás 23:00 horas, no Café Uf Negra Sombra (Rúa Pracer, 19) de Vigo, terá lugar unha nova edición do Círculo Poético Aberto promovido polo Grupo Penúltimo Acto.
Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla
O sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.
Cambados: homenaxe a Luis Fernández Silvoso, exposición e recital poético
O sábado 12 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Borrón 4 de Cambados (Avenida de Galicia), inaugúrase unha exposición en homenaxe a Luis Fernández Silvoso, que permanecerá aberta até o sábado 3 de decembro, na que participan 23 pintores e oito escultores. No acto leranse poemas de Saúl Otero, Miguel Anxo Fernán-Vello e Baldo Ramos.
‘Aparece unha poesía inédita de Vicente Risco e Otero Pedraio sobre o Monte Pindo’
Desde o blog da Asociación Monte Pindo Parque Natural: “Esta vez non se trata de ningún descubrimento arqueolóxico ou ecolóxico, mais pasa por ser un dos achados de maior importancia cultural para a historia recente do Olimpo Celta. Trátase nin máis nin menos que o achado dunha misiva que contén unha poesía inédita e en alemán dos ilustres autores galegos Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, escrita durante unha excursión polo Monte Pindo feita co mítico Seminario de Estudos Galegos no mes de xuño de 1936. O orixinal consérvase en perfecto estado pois trátase dunha carta dirixida a Isidro Parga Pondal, ilustre xeólogo e literato galego, que hoxe recala no arquivo do Instituto homónimo, polo que tamén dispoñemos do sobre orixinal asi como un borrador do puño e letra de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo cando contaban con 51 e 48 anos, respectivamente, o que multiplica o valor do achádego. Pero o que sen dúbida resulta estarrecedor é que menos dun mes despois de terse redactado nalgún recanto do Olimpo Celta, declarouse o despiadado golpe de estado fascista que condenaría o noso País a 40 anos de penuria e escuridade, e que tamén condenou a moitos dos nosos veciños a buscar acubillo nas numerosas covas que poboan o monte. (…)”.
A gran base de datos das cantigas galego-portuguesas
“O Instituto de Estudos Medievais, da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, presentou o pasado 27 de outubro o proxecto Littera, financiado pola Fundação para a Ciência e Tecnologia. Dirixido pola profesora Graça Videira Lopes, este proxecto procura iniciar, de forma coherente, coordenada e cientificamente consistente, a edición, protección e actualización do patrimonio literario e cultural medieval galego-portugués, nas súas dúas grandes vertentes: poesía e prosa narrativa. O sitio web Cantigas é un servizo público dirixido a docentes, especialistas e público en xeral. A base de datos conta coa totalidade das cantigas medievais presentes nos cancioneiros galego-portugueses, as imaxes dos manuscritos e a música medieval ou as versións ou novas composicións contemporáneas. Tamén se comparte información sobre todos os autores nela incluídos, os personaxes e lugares referidos nas cantigas, así como a Arte de Trovar, o pequeno tratado de poética trobadoresca que abre o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, colaboradora neste proxecto. A páxina ofrece un glosario, notas explicativas de versos, notas de lectura, toponimia e antroponimia que completan os textos das cantigas, ademais de información de base sobre algúns dos seus aspectos formais. Tamén se ofrecen imaxes dos manuscritos. A base permite a lectura secuencial dos folios dos cancioneiros, así como a visualización independente das miniaturas contidas no Cancioneiro da Ajuda. E inclúe ficheiros de audio e pautas das cantigas, ademais de información sobre autores e intérpretes. Os textos contidos na base están escritos segundo as normas do Novo Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa.” Vía Galicia Confidencial.
A Coruña: presentación de Praza Pública
O xoves 10 de novembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), preséntase o xornal Praza Pública. No acto intervirán Marcos Pérez, Manuel M. Barreiro e Filipe Díez.
Bases do XX Certame Literario A Pipa de Becerreá
A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá convoca o XX Certame Literario A Pipa, coas seguintes bases:
“1. Temática. O tema é libre.
2. Tres categorías.
2.A.- CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos)
2.B.- CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos)
2.C.- CATEGORÍA Revista A PIPA para maiores de 18 anos.
3. Dúas modalidades.
3. A.- POESÍA (máximo 50 versos)
3. B.- RELATO, NARRACIÓN OU CONTO breves (máximo 5 folios Din A4, dobre espazo entre as liñas, letra Times New Roman tamaño 12, marxes entre 2 e 3 cm.)
4. Os premios.
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º Premio de Poesía, e tamén 1º e 2º Premio de Relato, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural A PIPA non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos, en LINGUA GALEGA.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a CATEGORÍA e MODALIDADE na que participan, e achegando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a.
5. C.- O prazo de admisión rematará o 22 de decembro de 2011.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou enviarse ó seguinte enderezo: Certame Literario A PIPA. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo.
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A PIPA de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes. O fallo farase público a través dos medios de comunicación, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.
7. Cerimonia de Entrega de Premios.
A Cerimonia de Entrega de Premios terá lugar na Casa de Cultura de Becerreá o mércores 28 de decembro ás 21:00 h. no marco da XX Noite poética A Pipa 2011, con María Lado e Lucía Aldao.”
Fene: recital poético Os libros de Caldeirón, con Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe
O venres 11 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene, continúa a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe.