O mércores 8 de xuño, ás 20:30 h., na Tenencia de Alcaldía de Trintxerpe (Euskadi Etorbieda, s/n., Pasaia), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. Participarán Filipe Domínguez, presidente do Fato Daniel Castelao e o propio autor.
Arquivos anuais: 2011
Convocado o XII Premio Risco de Creación Literaria
“O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco, en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco, convoca un premio anual de CREACIÓN LITERARIA, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade. Ao PREMIO RISCO DE CREACIÓN LITERARIA, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no PREMIO VICENTE RISCO DAS CIENCIAS SOCIAIS. Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes
– Primeira. Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
– Segunda. Os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo, antes do día 1 de outubro, data do nacemento de don Vicente, de 2011, no Rexistro Municipal do Concello de Ourense.
– Terceira. Cada orixinal irá acompañado dun sobre pechado, co título ou lema no seu exterior, cos seus datos (nome completo, enderezo e teléfono) e o título definitivo da súa obra.
– Cuarta. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación do libro.
– Quinta. O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.
– Sexta. A composición do xurado darase a coñecer pública e oportunamente pouco antes da data de emisión da súa decisión, o sábado 19 de novembro.
– Sétima. Se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado , o premio poderá declararse deserto.
– Oitava. O Excmo. Concello de Ourense, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición desta en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos
de autor. O/A beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada. Asemade, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición.
– Novena. Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
– Décima. A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.
Ourense, 30 abril de 2011.”
Unha forma de facer país
Repercusións sobre a escolla de Valentín Paz Andrade para o Día das Letras Galegas 2012 en Galicia Hoxe:
‘Para o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, é un motivo de “ledicia” que se recoñeza a figura de Paz Andrade tanto pola súa “obra escrita” como pola súa “achega á construción da nación” neste tempo “tan necesitado de alento vertebrador”. (…)
Para Cesáreo Sánchez, a celebración non terá a acollida que este ano conseguiu bater marcas de participación co caso de Lois Pereiro. “Son dúas figuras distintas e á vez, complementarias -afirma-. Lois é un contemporáneo que hoxe tería cincuenta anos e estarái en plena madurez creativa. Ademais, a súa linguaxe enlazaba perfectamente coa rúa. No caso de Paz Andrade, será moi importante ver como se implicou nunha serie de proxectos que aínda hoxe en día están a dar os seus froitos”, comenta. (…)
Pola súa banda, Cesáreo Sánchez destaca que nomear académico a Xosé Fernández Ferreiro “é un acto de xustiza polo que leva achegado á narrativa galega e a súa implicación no Grupo Brais Pinto en momentos moi cruciais da nosa cultura”. Outra cousa, di, é a “necesaria entrada de mulleres na RAG, que significaría que a Academia anda ao mesmo paso que a sociedade”. Ao seu ver, “nos próximos anos necesariamente ten que entrar unha muller porque a propia realidade literaria do país así o demanda”.’
Santiago: presentación de Fogar impronunciable, de María do Cebreiro
O mércores 8 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Fogar impronunciable. Poesía e pantasma, o último ensaio de María do Cebreiro, publicado en Galaxia. A autora estará acompañada por Carlos Lema, Ana Salgado e Isaac Lourido.
Vilaboa, Culleredo: lectura de Animal abismo, de Diana Varela Puñal
O mércores 8 de xuño, ás 20:00 horas, no Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar a lectura do libro Animal abismo, de Diana Varela Puñal, coa presentación de Miguel Anxo Fernán-Vello.
A Coruña: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó
O mércores 8 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza do Libro) da Coruña, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. A presentación incorpora un recital audiovisual dunha duración aproximada de vinte minutos. Os convidados son: Diana Sieira e José León, do grupo de teatro Carfax do Burgo (Culleredo).
Non é cousa de mulleres
Coñécense os finalistas dos Premios Xerais
“Reunidos hoxe 3 de xuño de 2011 no Castelo de Soutomaior, os xurados dos Premios Xerais 2011 elixiron os finalistas de cada unha das modalidades.
O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa.
O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Ánxela, Gabirro e Pelouro.
O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigas, Prometeo e Trampa de luz.
O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado 11 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv.” Vía Xerais.
Valentín Paz Andrade será o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 e Xosé Fernández Ferreiro entra na RAG
Valentín Paz Andrade foi elixido
polo Plenario da Real Academia Galega como o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2012. Na mesma sesión acordou nomear académico electo a Xosé Fernández Ferreiro, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario Francisco Fernández del Riego. A nova tamén ven recollida en: Xornal, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El País, Galiciaé, Cultura Galega, Galaxia, Portal Galego da Língua.
Domingo Tabuyo: “Seguiremos loitando para evitar que o ceo caia sobre as nosas cabezas”
Entrevista a Domingo Tabuyo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): En que xénero literario estás máis a gusto: poesía, novela, ensaio, crítica, teatro…?
– Domingo Tabuyo (DT): Eu navego máis tranquilo nos mares da poesía, na que nacín a este mundiño de letras e onde comecei a facer construcións poéticas que soportaron as probas de carga de editores e premios literarios, e polo tanto a miña Ítaca estará sempre onde residan os versos indispensables para construír reflexións e denuncias. A novela é a miña segunda patria, e a pesar de precisar credenciais moi distintas, son case un cidadán asiduo deste espazo creativo e pretendo continuar facendo letras verticais de poemas e horizontais de novela porque son as dúas maneiras creativas coas que podo achegar voz e reflexión no noso tempo e na nosa sociedade.
– GH: A túa nova novela Svea Kött, é para ti a máis “lograda” polo de agora?
– DT: Svea Kött é a miña última novela e, polo tanto, a que incorpora máis e mellores elementos narrativos, recursos e tramas que fan dela unha novela que vai gustando e que recolle moi boas valoracións por arte de xente moi diversa. Estou moi satisfeito de como vai indo, e tanto na presentación en Santiago por parte de Francisco Caamaño, como na de Méndez Ferrín en Cambados, as diseccións que fixeron da obra e a valoración obtida foi altamente positiva. En calquera caso, un o que pretende é mellorar cada día e en cada obra e iso é o que pretendo e pretendín sempre, polo tanto sempre a seguinte será a mellor. (…)
– GH: Podería definirse como de esplendor o momento actual da literatura galega?
– DT: A escrita galega está nun gran momento, cun alto nivel de títulos, de publicacións e de autores que van tendo recoñecemento a nivel nacional e internacional. Dende as institucións e dende os medios públicos debe facerse un esforzo maior para difundir e divulgar esta riqueza que Galicia posúe, e axudar á promoción da lectura e das novas voces que asoman entre os mozos.”