Chamamento da Asociación Galega de Editores a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia

“Ás portas da celebración do 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a Asociación Galega de Editores fai un chamamento á cidadanía galega e aos poderes públicos para poñer en valor o libro e a lectura como canles primeiras de acceso ao coñecemento e ao gozo da creación literaria. Razóns polas que RECLAMAMOS

1. O recoñecemento efectivo do sector do libro como sector da industria cultural de carácter estratéxico prioritario para Galicia.
Segundo se recolle no Preámbulo e no artigo 2 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
2. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías.
Desenvolvendo o establecido no artigo 11 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
3. A creación do bono cultura por parte da Xunta de Galicia.
Instrumento de incentivación e apoio ao consumo cultural e á dinamización das canles de comercialización de produtos culturais.
4. A ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública.
Desenvolvendo o establecido no artigo 22 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
5. Apoio ao desenvolvemento da rede de bibliotecas escolares e de aula en todos os centros educativos non universitarios.
Desenvolvendo o establecido nos artigos 13, 16.3 da Lei 17/2006 do libro e da lectura.
6. Apoio á promoción e fomento da creación de bibliotecas familiares.
Desenvolvendo o establecido no artigo 24 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
7. A adquisición de todas as novidades editoriais en lingua galega destinadas ás 465 bibliotecas públicas de Galicia.
Desenvolvendo o establecido nos artigos 7 e 16.3 da Lei 17/2006 do libro e da lectura.
8. A posta en marcha dun plan de fomento da lectura, con especial atención a súa presenza en televisión, internet e nas redes sociais.
Desenvolvendo o establecido no artigo 4 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
9. A posta en marcha dun plan cuatrienal de tradución para o galego.
Desenvolvendo o establecido no artigo 6 da da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
10. A creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo.
Entidade encargada da difusión das axudas á tradución de obras publicadas en galego a outras linguas, de organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e da información web sobre o libro e a literatura galega.

Galicia 23 de abril de 2013.”

Eva Veiga gaña o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“En Sarria, a 20 de abril de 2013.

Reuniuse o xuri do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Rosa Enríquez, Xerardo Quintiá e Alfredo Ferreiro, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados o ditame final realizouse sobre catro obras, as presentadas baixo os lemas: Viaxe circular, Sen fin, Verán e a que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema A distancia do tambor e seudónimo Baruch Sanarai. Destacamos desta obra o uso novidoso e minimalista da linguaxe poética a través dunha marcada e contida intensidade expresiva e que propón unha reflexión sobre o espazo como un lugar vivo.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema A distancia do tambor resultou ser da autoría de Eva Veiga Torre.”

Ferrol: actividades destacadas do sábado 20 e domingo 21 de abril na Feira do Libro

O sábado 20 e domingo 21 de abril prosegue a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 20:
12:30 h. Presentación do libro Enredando nos antropónimos, de Xulia Marqués, con ilustracións de Sandra García Gutiérrez, editado por Galebook. Participarán no acto as autoras.
18:00 h. A compañía Maquinarias Teatro representará a obra de teatro Touporroutou, adaptación da peza de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
18:00 h.: Antonio Seijas autor de Cartas de inverno. Novela gráfica, asinará exemplares na Caseta da librería Espacio Lector Nobel.

Domingo 21:
12:00 h. Presentación do libro de teatro infantil O mistério da escada interior, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Celsa Sánchez Vázquez, publicado por Edicións do Castro.
19:30 h. O escritor Xesús Bermúdez Tellado presenta o seu poemario Viaxe sen cancelas publicado pola editorial Redelibros. Ao remate do acto, o autor dos libros asinará exemplares dos mesmos.

A Coruña: recital de Manuel Forcadela e Claudio Pozzani no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 22 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, co recital poético de obra propia nun man a man de Manuel Forcadela e o poeta italiano Claudio Pozzani, que introducirán elementos sonoros ou videográficos na súa actuación.

Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do fin de semana do 20 e 21 de abril

O sábado 20 e domingo 21 de abril continuará a nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:

Sábado 20
18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: María do Cebreiro, Biel Mesquida e Claudio Pozzani. Presenta: Antón Sobral.
20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética 3: Lino Braxe, Raquel Lanseros, Claudio Rodríguez Fer, Rosa Alice Branco, Biel Mesquida, Marta Dacosta, Roger Wolfe, Kirmen Uribe, María do Cebreiro e Claudio Pozzani. Presenta: Yolanda Castaño.

Domingo 21
11:00 h. Fundación Cuña-Casasbellas. Sala Versus (Rúa de Xerardo Álvarez Limeses, 12).
Obradoiro especializado de Poesía: Kirmen Uribe.

Ferrol: o venres 19 de abril comeza a Feira do Libro

O venres 19 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:

19:30 h. Dentro dos actos inaugurais, actuación de Celso Fernández Sanmartín, contador de historias tradicionais con gran sentido de humor, cos seus relatos Bicoca de boca en boca.
20:00 h. Presentación do libro e audiovisual Un chapeu negro e un nariz de paiaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, con textos de Montse Pena Presas e imaxes e son de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado en Galaxia.

De feira en feira, quedada redelibreira

Desde Redelibros:
“Boas, redelibreiras e redelibreiros! Un ano máis, comezan as feiras do libro na nosa terra. E, un ano máis, Redelibros e os Autores Independentes estaremos percorrendo a xeografía galega. Desta volta cunha caseta que compartiremos coa libraría Cartabón e que, xa a veredes, non deixará a ninguén indiferente. Este ano queremos que sexa especial. Queremos coñecervos, queremos verbos as caras. Por iso, en cada feira estableceremos unha data para facer unha quedada redelibreira. E queremos pedirvos algo máis: que vos parece se nos facemos unhas fotos?
Se queredes saber de que vai todo isto, pasádevos polo noso blog e contámosvolo con detalle.
E, por certo, a primeira quedada redelibreira das feiras será o domingo 21 de abril ás 18:30 horas en Ferrol. Ese mesmo día, as 19:30 horas, Xesús Bermúdez Tellado presentará o seu poemario Viaxe sen cancelas, editado por Redelibros.”