Santiago: actividades destacadas do sábado 4 e domingo 5 de abril na Feira do Libro

O sábado 4 e domingo 5 de maio serán os últimos días da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 4:
13:00 h. Actividade infantil: Touporroutou. Contacontos baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño, realizado por Ana Carreira.
19:00 h. Barriga Verde. Acto de presentación dos libros Biografía de José Silvent e do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
19:00 h. Suso de Toro asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación do libro + cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Editorial Galaxia. Participarán no acto, xunto cos autores, Luís Prego e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
21:00 h. A Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol presenta o espectáculo O mundo segundo Rosalía, representación de poemas e textos da autora galega.

Domingo 5:
18:30 h. Urdime Teatro presenta Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, coa actuación de Laura Ponte e e Roi Vidal Ponte.
19:00 h. Encontro literario sobre Rosalía de Castro, realizado pola Asociación Cultural O Galo, coa celebración do coloquio Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos, coa participación de Kathleen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro, que presentará neste acto o libro Cantares gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos Editora.
19:00 h. Carlos Callón asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.

A Coruña: recital de Olalla Cociña e Nikola Mazdirov no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 6 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Olalla Cociña e o poeta macedonio Nikola Madzirov.

Convocado o VI Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns

O Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns convocan o VI Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns ao que poderá concorrer calquera autor que envíe, antes do 31 de xullo de 2013, ao enderezo Apartado 30, 36380, Gondomar, un libro de poemas escritos en galego cunha extensión mínima de 300 versos. O premio está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro do mesmo ano.
As bases completas pódense descargar aquí.

Vigo: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Cantares Gallegos

O sábado 4 de maio, ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n) de Vigo, a Fundación Premios da Crítica Galicia continúa cos seus Sábados culturais coa conferencia de Xesús Alonso Montero titulada “Cantares Gallegos”, unha nova lectura?.

Compostela: recital de Emily on the road, de Ramón Blanco

O sábado 4 de maio, ás 22:30 horas, no Café El Puente (Rúa de Sar de Afora, 40) de Santiago de Compostela, terá lugar un recital de fragmentos do libro Emily on the road, de Ramón Blanco, publicado en Acha Escrava. No acto, xunto ao autor, participa o músico Pablo Sax, quen tocará saxo, percusións e outros efectos sonoros. A entrada custa 3 euros.

Santiago: actividades destacadas do venres 3 de maio na Feira do Libro

O venres 3 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. O escritor Manuel Portas presenta o seu libro Faneca Brava, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participarán no acto o crítico Ramón Nicolás e Fran Alonso.
19:00 h. Chisco Fernández Naval e Antón Riveiro Coello asinarán os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Edicións Xerais e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado po Editorial Galaxia. O acto estará guiado da man de Armando Requeixo.

Padrón: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O venres 3 de maio, ás 20:15 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor desta edición, Xosé Luís Méndez Ferrín, O Leo i Arremecághona e Manuel Bragado.