Pontevedra: actividades do venres 24 na Feira do Libro

O venres 24 de maio continúa a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Venres 24
18:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
19:00 h. A escritora Fina Casalderrey asinará exemplares do seu libro Fiz, o coleccionista de medos publicado por OQO Editora, na caseta de Libraría Seijas.
19:00 h. Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado por Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro, o escritor Xosé Cermeño e Francisco Castro, representante da editorial.
20:00 h. Presentación do libro +cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Galaxia. Participarán no acto Suso Cancela e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.

Xosé Ramón Freixeiro Mato: “A via do galego tem de ser a reintegracionista”

Entrevista a Xosé Ramón Freixeiro Mato no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Existem duas estratégias para o galego, a galego-castelhana ou a galego-portuguesa. Qual a mais eficaz?
– Xosé Ramón Freixeiro Mato (XRFM): A via do galego tem de ser a reintegracionista. Concordo com a tese de Carvalho Calero de o galego ser galego-português ou galego-castelám. Este último apenas conduz à paulatina absorviçom da nossa língua dentro do castelám. Umha via intermédia é impossível, um galego ilhado que pretenda a equidistância entre espanhol ou português. O galego é umha língua internacional que se espalhou polo mundo através de Portugal e seria suicida renunciar a essa vantagem, do mesmo jeito que nom seria acreditável que o inglês renunciasse à variante dos EUA. (…)
– PGL: Dentro das pessoas que estám por volta da normalizaçom do galego oficial, que tipo de atitudes existem?
– XRFM: Havia um grupo amplo de pessoas, maioritário, proclive ao reintegracionismo. Em finais de 80, houvo umha recolhida de assinaturas para propiciar um acordo normativo na linha reintegracionista de mínimos. O manifesto, que tinhas aspetos concretos que afectavam a forma de língua, foi assinado pola imensa maioria do professorado do ensino médio.
Havia outro posicionamento hostil a esta linha mas observo agora que esta linha isolacionista nom apresenta hoje posições anti-reintegracionistas como havia antes. Mesmo artigos de Henrique Monteagudo ou Xosé Luís Regueira ou publicações do CCG coordenadas por pessoas do ILG, já utilizam o argumento de que deve ser explorado o valor do português. Pola contra, posições recalcitrantes som hoje escassas. Há um ponto de inflexom que abre umha possibilidade de avançar. É fundamental que o discurso da utilidade do galego como língua universal chegue à sociedade. Há muitos argumentos para que o discurso chegue. (…)”.

O IES de Silleda dedica unha aula a Antonio Reigosa

Desde Xerais:
“O IES Pintor Colmeiro de Silleda dedicou unha aula a Antonio Reigosa, tal e como recolle o blog Trafegando ronseis.
“Onte foi outro deses días extraordinarios que a min me deixan totalmente exhausta pero completamente satisfeita. Recibir un escritor, amigo, e que a homenaxe saia ben, que os bos momentos sexan todos, e que as brétemas que ás veces nos alcanzan cheguen a desaperecer… Temos un alumnado marabilloso, entregado, simpático… disposto a quedar sen recreos, a facer horas “extras” para agasallar cun álbum, para ensaiar unha obriña. Estou absolutamente rendida á súa xenerosidade.
Por suposto, Reigosa deleitounos coa súa retranca e os seus contos. Como o d‘O gato con botas en versión moderna. E contestou preguntas e o tempo voou. (…)”.

Betanzos: charla de Roi Vidal sobre Roberto Vidal Bolaño

O luns 27 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, Roi Vidal, director da obra BailadElas, pronunciará unha charla sobre a figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño.

Ferrol: Carga de dignidade. Acción artística popular, o domingo 2 de xuño

CARGA DE DIGNIDADE

Trae a túa peza de roupa para pendurar na reixa de Navantia e participa nesta acción artística popular.

A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!
Artistas e creadores agrupados en Radio Buguina chamamos a toda a poboación de Galicia a unha acción artística popular en Ferrol. Chamamos a seguir o exemplo daqueles traballadores e traballadoras do sector naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa da factoría de Navantia. Chamamos a continuar este monumento á dignidade, cada quen coa súa peza de roupa, batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas, todo aquelo ao fín que pola súa forma e colorido é digno de ser pendurado, todo o que tivo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegue a conmovernos.
Chamamos a construír un monumento, pero tamén a vivir un acontecemento, con músicas, palabras e radio ao vivo. Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupade toda a xente, cargada de dignidade!

Domingo 2 de xuño, das 11:00 ás 14:00 horas, na Porta do Estaleiro, no barrio de Esteiro de Ferrol.

Para difundir, vexa aquí o cartel e o panfleto.

Unha acción de Radio Buguina organizada por:
Comités de Empresa de Navantia e delegados/as da Industria Auxiliar.
Sindicatos: Comisións Obreiras (CC.OO), Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG), Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UXT-UGT).
Partidos políticos: ANOVA, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG), eQuo, Espazo Ecosocialista Galego (EcoSoGal), Esquerda Unida (EU-IU), Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).
Colectivos sindicais e movementos políticos: Asociación Unificada de Militares Españois (AUME), Mocidade Nacionalista Galega (MNG), Sindicato de Estudantes, Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG).
Asociacións e colectivos: A. C. Fuco Buxán, A. C. Lefre de Caldereta, A. C. Lendo Poesía, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Vitimas do Amianto (AGAVIDA), Asociación Memoria Histórica Democrática, Ateneo Ferrolán, Colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública Ferrol, Federación Veciñal de Ferrol (Roi Xordo).

Carballo: Curso de verán de dinamización lingüística: participación, implicación e traballo colaborativo, do 17 ao 19 de xullo

“Co obxectivo xeral de coñecermos e procurarmos formas de participación, implicación e traballo colaborativo para a dinamización lingüística, Carballo acolle un ano máis o Curso de verán de dinamización lingüística organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. Ten lugar do 17 ao 19 de xullo e o prazo de matrícula xa está aberto.
Datas: 17, 18 e 19 de xullo de 2013.
Lugar: Forum Carballo. Rúa do Xílgaro s/n. A Milagrosa. Carballo.
Matrícula. A través da Oficina de Cursos da UdC: http://www.udc.es/occ/gal/2013/cursoveran/web/curso14/curso14.htm.
Custo da actividade. O custo da matrícula inclúe a participación en todas as actividades do curso, a documentación que se utilice, o xantar do mércores 17 e xoves 18 e os cafés conxuntos dos tres días:
* 30 euros para socias/os da CTNL, estudantado das universidades e de FP, comunidade universitaria da UDC, persoas desempregadas e pensionistas.
* 50 euros para todas as demais persoas participantes.

PROGRAMA

Mércores 17
Participación nos procesos sociais. De abaixo arriba, de arriba abaixo.
10:00 h. a 10:30 h. Recepción e entrega de documentación.
10:30 h. a 11:00 h. Inauguración e benvida. Representantes da CTNL, SXPL, Universidade da Coruña e Concello de Carballo.
11:00 h. a 12:30 h. Conferencia inaugural: De “as portas están abertas” a “este proxecto tamén é teu”. Sobre métodos e estratexias de implicación. Carmen Espinar. Socióloga, membro da Red Cimas e activista social.
13:00 h. a 14:30 h. Mesa de experiencias. Exemplos e experiencias de implicación desde administracións
* Proxecto Sonda Norte (Ribadeo) e Centro Ágora (A Coruña). Xavier Campos (concelleiro e xestor cultural)
* Rede de Entidades Amigas da Lingua e Proba en galego (Pontevedra). Conchi Cochón (técnica de normalización lingüística).
14:30 h. Xantar conxunto.
16:30 h. a 18:00 h. Mesa de experiencias. Exemplos e experiencias de implicación desde a base.
* Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT). Paco Veiga (profesor e dinamizador da AGXPT).
* A implicación desde unha parroquia. Rubén Aramburu (crego)
* Experiencias de implicación de maiores e rapazada. Celso F. Sanmartín (dinamizador e contador).
18:00 h a 20:00 h. Sesión de xogos populares: chave, ra, zancos, peón, mariola, corda, aro…

Xoves 18
Propostas para o artellamento da participación, implicación e traballo colaborativo. Métodos e técnicas.
10:30 h a 12:00 h. Experiencia e proposta de traballo. A participación e a implicación no traballo dinamizador en Euskal Herria. Experiencias, métodos e técnicas.
* Txerra Rodríguez. Técnico de normalización da cooperativa vasca Emun.
12:30 h a 14:30 h. Proposta de traballo. As potencialidades do “xogo serio” para a implicación e participación en proxectos.
* Carlos Martínez. Coach e facilitador Lego Serious Play de Nordkom.
14:30 h. Xantar conxunto
16:30 h. a 18:00 h. Proposta de traballo. Métodos, estratexias e experiencias de implicación en dinamización lingüística.
* Bernardo Penabade. Profesor e impulsor de proxectos normalizadores.
18:30 h. a 19:00 h. Proposta de traballo. Viveiro de propostas normalizadoras. Espazo para a aplicación de métodos e posta en marcha de experiencias.
* Queca Carballo, coordinadora do Viveiro da CTNL.
19:00 h. a 20:30 h. Grupos de traballo colaborativo: Deseño de implicación en proxectos a partir do Viveiro de propostas normalizadoras.

Venres 19
Participación, implicación e traballo colaborativo. Experiencias e propostas
.
10:00 h. a 11:00 h. Presentación e valoración dos deseños de implicación realizados polos grupos de traballo colaborativo.
11:00 h. a 12:00 h. Proposta de traballo. A comunicación implicativa. Métodos e experiencias de Implicad@s no Desenvolvemento.
* Ania Piñeiro. Educadora social e presidenta de Implicad@s no Desenvolvemento.
12:30 h. a 14:00 h. Conferencia de peche. Democracia implicativa para os procesos de cambio social.
* Marta Martorell. Consultora en xestión pública e participación cidadá de Civis.

Organiza: Universidade da Coruña. Servizo de Normalización Lingüística.
Colaboran: Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Concello de Carballo.

Máis información:
Servizo de Normalización Lingüística UDC
Maestranza, 9. A Coruña.
Tfno.: 981 167 000 ext. 1177, 1042 ou 1055.”

Marta Dacosta: “A través da poesía retrato a mentira da nosa sociedade”

Entrevista a Marta Dacosta en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Despois de Acuática alma (Espiral Maior, 2011) vén de gañar o Johán Carballeira con dun lago escuro. Por que de novo o recurso á auga?
– Marta Dacosta (MD): A realidade é que, certamente, emprego moito elementos líquidos como símbolos. O mar está moi presente, mais non só o mar senón tamén fervenzas e ríos, auga en movemento. As fervenzas aparecen en Acuática alma, como alma en movemento, con moita forza. Agora a auga é metáfora do que se quere expresar no libro, alegoría dunha realidade na que vivimos todos e cada un de nós como di un dos poemas. O que se traslada é que imos na vida como se estivésemos nadando de costas nun lago, mirando para o ceo, ignorando o que hai debaixo de nós. Enganámonos mirando o ceo limpo e azul sen reparar nos cadáveres que están no fundo, no lago. Vivimos na mentira e nunha realidade que é só aparente. Por iso emprego a metáfora do lago, no que parece que nada acontece mais está escuro e no fondo, que hai? Pode haber lama, mais tamén putrefacción. (…)
– SG: Explica con claridade o tema, custoume ben máis entender o argumento do xurado cando di “tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza”. A que se refire?
– MD: O libro é circular, os poemas falan de cuestións parellas e volven de novo ao símbolo do lago. Aí está a circularidade e a presenza da crítica social aínda que o libro tamén é abstracto. O que quero dicir queda claro. Non digo que vivimos nunha sociedade putrefacta, o libro ten abstracción aínda que tamén hai poemas que relatan. A palabra mentira aparece no último e no primeiro poema. Reflexionaba no sentido máis negativo das connotacións da palabra mentira, mais ás veces non é buscada, é un engano. A memoria indúcenos a mentir, devólvenos unha imaxe do pasado que non é fiel, que se foi deturpando. (…)
– SG: A poesía súa é entón vivencial?
– MD: Ten moito de vivencial en canto parte dos sentimentos, para min a poesía é translación dunha emoción. Como un actor que se mete dentro dun personaxe para interpretalo. Non é como Hamlet, mais imaxina que é Hamlet. Como dixo Pessoa, o poeta finxe. Trátase dunha relación de interpretación entre a autora e a voz poética na que as vivencias están presentes.
– SG: Desde os seus inicios, hai xa máis de vinte anos, nunca deixou de recitar en público a súa poesía. Que potencialidade ten o xénero para ser compartido?
– MD: Para a poesía os recitais son unha boa ocasión de darse a coñecer. Fai que o poema chegue ao público lector. Hai persoas que se achegan aos libros despois de asistir a un recital. A poesía ten música e ritmo e necesita ser dita para completarse cos elementos que utilizas cando constrúes o texto. Faise plena cando a dis en viva voz, máis viva. O poema complétase porque están en acción todos os elementos. (…)”.

Pontevedra: actividades do xoves 23 na Feira do Libro

O xoves 23 de maio continúa a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Xoves 23
18:00 h. Presentación do libro Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada. Participarán no acto Ramom Pinheiro (director artístico) e Alejandro Vargas (compositor e director musical), que interpretará varias cancións do disco.
19:00 h. Ramón Caride presenta o seu libro Endogamia 0.2 (segunda entrega do proxecto Aktual, da colección Fóra de xogo), publicado por Xerais. Participarán no acto Manuel Busto, Fran Alonso e o autor.
20:00 h. Presentación da novela Faneca Brava, do escritor Manuel Portas, publicada por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Antón Sobral e <a href="http://www.aelg.org/Centrodoc%