Cuestionario Proust: Carmen Blanco

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carmen Blanco:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A liberdade e o amor, que son o mesmo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A persistencia na paz, no amor, na liberdade e na responsabilidade.
5.– A súa ocupación favorita?
– O amor e a liberdade.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A utopía libertaria.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Un mal irreparable nas persoas que máis quero e o avance de calquera tipo de totalitarismo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa que fai ben.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera en paz e con quen amo. Amo todos os lugares.
10.– A súa cor favorita?
– O negro da liberdade total e o branco do amor total.
11. – A flor que máis lle gusta?
– As brancas ou negras absolutas.
12.– O paxaro que prefire?
– O paxaro do gozo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Nestes momentos fragmentos de Christine de Pizan, Valle-Inclán, Camus, Carla Lonzi, Claudio Rodríguez Fer… E sempre a aberta autoría da vida verdadeira, imprescindible…
14.– E na poesía?
– Nestes momentos fragmentos de cantares de mulleres, Safo, Shelley, Pimentel, Valente… E sempre a poesía da vida e Claudio Rodríguez Fer.
15.– Un libro?
Un cuarto de seu de Virginia Woolf.
16.– Un heroe de ficción?
– Todos os homes sabios, bos e defensores da liberdade fronte aos poderes: Peter Pan na súa inocencia, os sabios de Verne…
17.– Unha heroína?
– As mulleres sabias, boas e defensoras da liberdade fronte aos poderes: Alicia a do país das marabillas, Lisístrata a pacifista…
18.– A súa música favorita?
– A música do amor e algúns nomes de música compartida: Orff, Ferré, Patti Smith…
19.– Na pintura?
– A boa pintura da vida. Cousas do Bosco ou Leonor Fini e a creación de Van Gogh, Granell e Isaac Díaz Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As xentes anónimas loitadoras e resistentes. Meus pais, na súa modestia, os primeiros. E, polas prácticas boas e os ideais de avance, Emma Goldman, as Mulleres Libres, Fourier, Gandhi, as xentes anarquistas parias e humildes…
21.– O seu nome favorito?
– Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os indignos, como a covardía…
23.– O que máis odia?
– Non odio e, precisamente, considero nefasto o odio, que deriva do medo patolóxico e é a orixe de todos os males menores e maiores: a crueldade, a envexa, a avidez, os celos, as guerras…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todas as autoritarias, xerárquicas, prepotentes, dogmáticas, totalitarias, integristas, imperialistas, racistas, sexistas…
25.– Un feito militar que admire?
– Admiro a resistencia pacífica. Todas as guerras son perniciosas. Agardo que un día desaparezan os exércitos e os seus esforzos se dediquen só a tarefas humanitarias.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Facer feliz a quen quero e ser útil para todas as causas útiles que eu elixa.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz e sen causar dor a quen amo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Total liberación mental e esperanza na resolución dos conflitos persoais e sociais do mundo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os nacidos do mantemento na vida e dos seus instintos vitais básicos de conservación e reprodución, e, sobre todo, os derivados do amor e da xenerosidade: toda prodigalidade…
30.– Un lema na súa vida?
Amo mais non teño amo, dito nas Novas noites nosas de Vermella con lobos.

Elena Gallego: “Somos a memoria”

Entrevista a Elena Gallego en Radiofusión:
Elena Gallego prepara a cuarta entrega de Dragal, unha saga de novelas que se levará á televisión e que hoxe en día deron lugar a un proxecto educativo en liña. Barállase asimesmo a súa conversión en videoxogo e banda deseñada. As historias da vida real con elementos máxicos que beben da tradición galega, dan para moito segundo a escritora. A autora defende a memoria histórica e que os rapaces saiban de onde veñen e comproben que “o que temos nós, vale tanto coma calquera cultura do mundo”. Dragal estase a traducir ao español, porque interesa en América Latina. No 2014 sairá xa ao mercado o primeiro volume da saga en inglés.
A entrevista completa pódese escoitar aquí.”

Coñécense as/os gañadoras/es do XIV Premio de Poesía Díaz Jácome

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“No mediodía do sábado 21 de decembro, no Salón Nobre do Concello da Cidade de Mondoñedo entregáronse os galardóns do XIV Premio de Poesía Díaz Jácome para Novos Creadores.
Ao acto asistiron, amais dos premiados e membros do xurado, diversas autoridades, entre as que se contaban o alcalde da localidade, Orlando González, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Veiga e mais o expresidente da RAG Xosé Ramón Barreiro, que presidiron o acto acompañados dos demais membros da corporación, entre os que tamén se atopaba o concelleiro de cultura Xusto Fernández Haro.
A xornada principiou coa benvida do coordinador do evento, Gil Ares, quen actuando como mestre de cerimonias leu a acta e deu paso aos tres premiados (Rafael Lobelle, Juan Manuel Castiñeiras e mais Andrea Maceiras), que recibiron os seus galardóns dos membros da mesa presidencial e leron unha mostra dos textos gañadores. Tras a súa intervención, tiven a honra de pronunciar unhas palabras en memoria do escritor mindoniense que dá nome ao premio e tamén dediquei un tempo a trazar un breve perfil dos poetas distinguidos. (…)
O xurado formado por Áurea Ramil, Xosé María Felpeto e Félix Villares concedeu o primeiro premio ao chantadino Rafael Lobelle González, quen se fixo acredor do galardón de 1500 €, placa e diploma pola escolma poética titulada Da retranca dos teus ollos, un conxunto no que domina o verso amoroso con composicións nas que o paisaxístico e evocador crean unha atmosfera especular dos sentimentos dos amantes. Vén sumarse este premio, pois, a outros que xa obtivera Lobelle en certames como o Xuventude Crea, no que foi distinguido en diversas ocasións.
Fíxose co segundo premio Juan Manuel Castiñeira Ramallo, tamén lucense, de Palas de Rei, quen recibiu 600 €, placa e diploma polo conxunto lírico Petan na alma silencios, unha escrita inxel de versos impresivos.
Finalmente, o terceiro premio recaeu en Andrea Maceiras, escritora nacida en Cambre pero residente na Coruña, que levou 300 €, placa e diploma, polo seu micropoemario Auga lonxincua. A autora, máis coñecida entre o lectorado galego como narradora infantoxuvenil —pois deu xa a coñecer títulos como Proxecto bolboreta (2007), Violeta Tamurana (2010), O segredo do lagarto arnal (2012) e aínda recentemente Nubes de evolución (2013)— presentou composicións nas que mestura con habelencia as referencias a lugares e xeografías exóticas cunha escrita de imaxinería melancólica, onde o tema amatorio se deita xeneroso ao longo do verso.”

María Xosé Queizán: Arredor de Carolina Otero

Entrevista de Marga do Val a María Xosé Queizán en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Facemos ou non unha diferencia entre Carolina Otero e a Belle Otéro?
– María Xosé Queizán (MXQ): En principio non acredito en bicefalias, se é iso o que queres dicir. Era unha única persoa, un só carácter, de ferro como a Tour Eiffel.
– SG: O solpor da cupletista foi publicado por primeira vez pola Editorial Nigra (1995), nunha colección de relatos breves, despois entrou na casa de Xerais nunha edición non venal en 1998, un agasallo, agora a mesma editorial ábrelle a porta e volve saír á rúa, está vez acompañado dun texto, “Carolina Otero: a liberdade arrogante”. Que é o que nos fará volver sobre a Otero?
– MXQ: No meu caso hai dous motivos: o de dar a coñecer ao público un texto que valoro. O precioso regalo de Xerais, unha edición con debuxos de Natalia Pérez García, só chegou a una minoría, ás amizades da editorial e miñas.
Outra razón é o estudo dunha personaxe moi interesante, un paradigma de muller libre, arrogante e nada común. De ser una creación novelesca, parecería demasiado fantástica para ser real e a súa vida rocambolesca. Nós, escritoras galegas, comprobamos a súa existencia, sabemos que saíu pobre aos 11 anos dunha aldea de Galicia, non tiña nada que perder, valeuse por si, e chegou a ser a muller máis famosa, glamurosa e rica dun momento histórico, a Belle Époque. Resulta evidente que merece a pena seguirlle os pasos e cismar nunha ser quimérica que comprendemos. (…)
– SG: Lese neste pequeno ensaio: “Carolina Otero, como persoa, tampouco é santa da miña devoción”. Por que?
– MXQ: É unha grande impostora, unha das peores condicións dunha persoa, cando menos a que máis me alporiza e anoxa. Sacáballe cartos e xoias aos millonarios e grandes mandatarios, coa venda do corpo. Non me dan pena os estafados, pero tampouco considero decente o seu negocio. Que se saiba, nunca deu cartos para unha causa xusta, nin demostrou compaixón por ninguén. Non era unha boa persoa, creo.
– SG: Así e todo lemos: “O abuso do poder, a transgresión dos dereitos da persoa, iso que as feministas conseguimos que significase a violación: un delito contra a liberdade, xa o declara Carolina”.
– MXQ: Si. Foi clarividente. Separa a violación do aspecto biolóxico, da virxindade, do himen que é onde a sociedade patriarcal sitúa a honradez feminina. Ela quere ser persoa, unha ser libre que toma decisións propias, non se somete ao poder dun bruto que abusa dela. Defende a autonomía persoal e se identifica máis cos homes que coas mulleres. Non se problematiza coa síndrome Wolstonecraft. (…)”

Cuestionario Proust: Concha Blanco

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Concha Blanco:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Discreción.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honradez.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade auténtica. Que saiban estar comigo tamén nos momentos malos.
4.– A súa principal eiva?
– Non sempre deixo ver os meus sentimentos máis tenros.
5.– A súa ocupación favorita?
– Depende do momento. Nesta etapa, estar coa neta. Tamén, de sempre, ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Máis que felicidade, digo “momentos felices”. Estar rodeada da familia e doutra xente que sei que tamén está a gusto comigo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Enfermidades e/ou falecementos desta xente que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou a gusto comigo e coa profesión elixida.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galicia estou moi ben.
10.– A súa cor favorita?
– Tendo en conta os meus apelidos, Blanco Blanco, está moi “claro”: a cor branca.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A papoula. É fermosa e pode vivir en solos inhóspitos.
12.– O paxaro que prefire?
– A bubela.
13.– A súa devoción na prosa?
– Valoro a claridade e un toque de elegancia neste xénero, pero sen exceso de retórica, que daquela perdería para min o seu encanto.
14.– E na poesía?
– Gústame unha poesía na que poida polo menos intuír o que o autor ou autora transmite (sentimentos, loanzas, reivindicacións…).
15.– Un libro?
– Calquera título de Castelao.
16.– Un heroe de ficción?
– O gato con botas.
17.– Unha heroína?
– Carapuchiña Vermella.
18.– A súa música favorita?
– A música de piano e acordeón.
19.– Na pintura?
– A obra dos pintores simbolistas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, sen dúbida.
21.– O seu nome favorito?
– Dous: María e Ana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Hai varios que encerraría dentro de actitudes de mala educación (empurróns, gritos, enganos con picaresca…).
23.– O que máis odia?
– A envexa e os celos, que moitas veces veñen da man.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A axuda que prestan ante catástrofes en calquera país do mundo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Máis memoria.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen decatarme, sen dor e tranquila.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tranquila e optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os autoeloxios, a presuntuosidade, a fachenda (só me afectan ao oído).
30.– Un lema na súa vida?
– Mans que non dades, que buscades?”

Cuestionario Proust: Fran Alonso

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Fran Alonso:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O fragmentarismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade, a comprensión.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Viño e conversa.
4.– A súa principal eiva?
– É tan principal que ten moitas ramificacións.
5.–  A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.–  O seu ideal de felicidade?
– Ser infeliz só moi de cando en cando.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Vivir levándome mal comigo mesmo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– En case todos.
10.– A súa cor favorita?
– No outono ou na primavera?
11. – A flor que máis lle gusta?
– A da entreperna non está nada mal.
12.– O paxaro que prefire?
– Os da miña infancia: o paporrubio e o verderol.
13.– A súa devoción na prosa?
– A palabra xusta.
14.– E na poesía?
– Que un poema pida relectura.
15. Un libro?
Eu son moitos libros, de Cibrán Silleiro.
16.– Un heroe de ficción?
– Pipi Calzaslargas.
17.– Unha heroína?
– Non me gustan as drogas: nin a heroína nin a cocaína.
18.– A súa música favorita?
– A que se converte en parte de min.
19.– Na pintura?
– A que non é compracente.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todos os heroes ou heroínas son ficción.
21.– O seu nome favorito?
– Os das miñas fillas.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía, a mentira, o egoísmo.
23.– O que máis odia?
– Odiar.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Adolf Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A disolución dos exércitos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Don algodón, para suavizar a miña voz.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Por unha luz cegadora, un disparo de neve.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Este ;-)
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que non sexan malintencionados.
30.– Un lema na súa vida?
– Un dejà vu: «Vive e deixa vivir».”

Un A Fondo sobre Rosalía de Castro, a escritora que nos revela a nación que somos

Desde Sermos Galiza:
“Coordenado polo escritor e crítico literario Francisco Rodríguez, autor da imprescindíbel e monumental Rosalía de Castro, Estranxeira na súa Patria (AS-PG, 2010), con este A Fondo Sermos Galiza culmina o traballo de divulgación realizado este 2013 co gallo da conmemoración do 150 aniversario de Cantares gallegos.
Canda Francisco Rodríguez, escreben neste A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza que con este chega ao seu número 48, a profesora de Literatura galega Celia Armas García; a catedrática e o catedrático da Universidade de Granada, Aurora López e Andrés Pociña, respectivamente; a profesora da UDC e escritora, María Pilar García Negro; a profesora e investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e a catedrática da Universidade de Maine (EUA) e escritora, Kathleen March.
Luz contra os prexuízos deformadores
O caderno leva como título xenérico o de Rosalía de Castro, a liberación das tebras, e os seus textos son iso, luz esclarecedora contra os “prexuízos e lentes deformadores” que encubriron á poeta nacional galega e que, infelizmente, a continúan encubrindo aínda nos nosos tempos.
Este A Fondo especial, como as páxinas que durante 6 meses publicou Sermos Galiza no seu semanario en papel, fai parte do proxecto sobre Cantares gallegos promovido pola Sociedade Cultural Medulio e patrocinado pola Deputación da Coruña.
“Este A Fondo“, pódese ler na súa capa, “non é máis que outro mergullo no mundo rosaliano, un manancial de auga pura, onde saciar a nosa sede de coñecemento, de fermosura, esperanza e orientación como galegos e galegas de nación nunha situación crítica”.
As e os colaboradoras/es deste traballo, todos eles rosalianas e rosalianos, deitan luz sobre distintos aspectos dunha figura -muller, escritora e galega consciente- sen a cal é imposíbel entender xa non a literatura da Galiza, senón a súa historia.
Como afirma no seu artigo Kathleen March, Rosalía “defendía e dignificaba o país galego porque sen Galiza ela non tería identidade, posto que española non era…”.”

Rosalía, letrista do ano

Desde Sermos Galiza:
“Se algunha conclusión se pode tirar conta de discos deste 2013 a piques de rematar é que Rosalía se consolida como a maior letrista para a nosa música. Uxía, Tempo Catro, Najla Shami, Aid, Xosé e Xiana Lastra con María Manuela e Mini e Mero, Narf, Joaquín Pixán con Alejandro Zabala e agora A Cada Canto, entre outras propostas, puxéronlle música aos seus poemas.
Aid con Rapoemas ou Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego con Rosalía XXI adiantaron o que sería o grande ano de Rosalía como letrista, na estala de Amancio Prada, Los Tamara ou Luz Casal, todas elas voces para a grande poeta que vería como o 2013 coa conmemoración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos se convertería tamén nunha explosión de publicacións nas que os seus poemas pasarían a ser cancións nos máis diversos ritmos, en ampla variedade de estilos. (…)”

A Coruña: IV Día Lugrís, o sábado 21 de decembro

O colectivo In Nave Civitas Lugrís, a Asociación Cultural O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocan o IV Día Lugrís para lembrar e honrar a memoria de Urbano Lugrís.

O programa (aínda provisional en canto ás horas) é o seguinte:
18:00-18:45 h. (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.
19:00-19:45 h. (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís Vista da Coruñá 1830, que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.
20:00-21:00 h. (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña á praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns, Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.
21:00-22:00 h. (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artístico na memoria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.
Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.

Medre o mar!