Entrevista de Alberto Ramos a Anxos Sumai en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha primeira pregunta de periodista folgazán. Como definiría A lúa da colleita?
– Anxos Sumai (AS): É un libro que ten máis lecturas das que fun consciente mentres a escribía. Cando a traballaba, pretendía mostrar unha concepción holística do ser humano, coas súas partes de sombra e as súas partes de luz. E despois do escrito, decateime de que ía reflexionando sobre moitos temas que me interesaban, que me preocupaban… Definilo con maior concreción cústame moito. Tería que escribir un libro enteiro para explicalo. [Ri] (…)
– P: Estamos disociados?
– AS: Estamos disociados en moitos casos. O que busco retratar aquí, levando situacións ao extremo, pouco ten que ver coas persoas con enfermidades mentais. O que procuro falar é de todo o mundo e sobre como todos sufrimos este tipo de disociacións. Por iso Nuria precisa parar e pensar no que se escindiu dentro dela. Eu non intento falar dunha enfermidade psiquiátrica, senón de como somos todos e todas. Vivimos dun xeito tan acelerado que nin nos concedemos ese último momento do día para parar e pensar. Imos ás carreiras e, cando nos decatamos, que nos queda por vivir? Nada. Son as circunstancias do momento actual. Nestes tempos, as persoas están disociados e a sociedade, esquizofrénica. (…)
– P: Nunha entrevista no Zig Zag afirmaba que vostede escribía moito, pero publico pouco. Por que agardou cinco anos entre a súa primeira novela, Así nacen as baleas, e esta segunda?
– AS: Non tiña nada que dicir, nada que fose necesario contar. Eu escribo moito, sigo escribindo relatos en libros colectivos e esas cousas… Pero algo que tivese a entidade dun libro meu? Non tiña nada que contar. Para que facelo? Para que forzar? Eu non teño que publicar un libro cada ano. Por sorte ou por desgraza non vivo de escribir. Malia que me gustaría vivir de escribir nestes tempos, teño un traballo marabilloso. Pódome permitir ser moito máis selectiva. Publico só o que me apetece, son moi autocrítica, quizais excesivamente autocrítica… É que non tiña nada que escribir, é absurdo. [Ri] Eu estiven publicando moito na primeira década do século, na radio, en Anxos de Garda, na prensa, etc. Cheguei a ser consciente de que me estaba aborrecendo a min mesma, a miña forma de escribir xa non me valía, estábame a repetir constantemente. Non tiña nada especial que contar, foi unha vertixe. Había que parar, cumpría pensar. (…)”
Arquivos mensuais: Xaneiro 2014
As vidas de Xabier Paz, conversa con Vítor Vaqueiro
Desde
Sermos Galiza, conversa entre Vítor Vaqueiro e Xabier Paz:
“(…) – Vítor Vaqueiro (VV): Se compararmos os dous últimos romances aos que me acabo de me referir, Renacer e As vidas de Nito, vê-se, do meu ponto de vista, um feito importante: o primeiro é, por seguirmos uma convenção clássica, um romance histórico, com alicerces em grande parte documentais, em quanto As vidas de Nito constitui um exercício da memória e da experiência persoal. Valentin, um dos protagonistas d’As vidas de Nito, considera “que se deve escribir primordialmente do que se conhece a fondo”, opinião que eu poderia assinar, ainda que tenha de reconhecer que a minha aversão polo romance histórico tenha um ponto de exageração. Então: qual é a diferença anímica, psíquica —se é que existe— à hora de abordares estes dous romances? Como enfrentaste cada um dos dous processos? Em qual dos dous te sentiste mais cômodo? E, em relação com o anterior, até onde chega o caráter autobiográfico do texto?
– Xabier Paz (XP): Avondas perguntas e nenhuma farrapo de gaita. Talvez estes temas dariam para um seminário de 40 horas. Na minha escrita há um denominador comum: escrevo sobre o que me interessa, sobre o que eu quero conhecer e tamém sobre o que me inquieta —os demônios interiores—. O corolário seria que aspiro a espalhar esse ponhamos “conhecimento” e reflexões, que me parecem de interesse; afinal, um perigoso desejo didático.
Diferenças poucas, ainda que as vidas sejam mais autobiográficas; nas novelas históricas vão também os demônios interiores. Por exemplo, no Renacer as relações de Aretino com a mãe, o papel da família … No meu caso, na medida em que sempre vai algo próprio no texto, no processo da escrita há sempre um momento doloroso, embora também haja outros momentos humorísticos. Cómodo não estou quase nunca. Não sou um artesão que domina as ferramentas e saiba exatamente a cada momento na fase em que está e qual vai ser o resultado de seu trabalho. Enquanto escrevo estou aguilloado pelas dúvidas e a insegurança.
A principal diferença vai no processo, não tanto na escrita. Num caso, nas tramas históricas, dedico muitas horas a documentação. Na preparação é quando mais desfruto. A história de Artemísia, a pintora, cativou-me. Quando escrevi As vidas… , como eu disse, já estava bem documentado, tinha tudo dentro, ainda que a memória seja tão traidora. As vidas de Nito é uma obra na que apanhei muito material autobiográfico, com sucedidos verídicos, mesmo que as diferenças de Casiano e um servidor sejam óbvias. (…)
– VV: Eu achei muito interessante essa atenção pola raridade, representada pola parelha Cham e Eng, ou por Edward Mordake, que merecia chamar-se Edward Mistake, os quais, em resumo, são prolongações de Nito —na infância, um ser raro, ou polo menos visto assim polo Nito adulto—. Resulta interessante a escolha das fichas, muitas com referência à termodinâmica, ou ao evolucionismo, ao clássico The two cultures, de Snow, que já tem meio século e como se fosse ontem. Não é certo que na tua obra —Folhas do bacalhau, Materia de Lucrecio— existe uma reivindicação constante sobre o papel da ciência e sobre a relação entre a ciência e a literatura?
– XP: Sim. Como já disse antes, com alguma arrogância, a minha escrita, em geral, pode ser vista como um exercício a meio caminho entre a antropologia, a filosofia e a política. Eu não acho que existam compartimentos estanques, estâncias incomunicáveis na mente humana. O pensamento no estado de vigília é um. Até mesmo o pensamento mágico não é independente do ambiente cultural em que é produzido. O ser humano tem facetas, ou momentos, como desejarmos, mas a esquizofrenia, a cisão, é uma patologia. O grande erro da escola moderna foi arredar Ciências e Letras como se fossem áreas distantes e mesmo antagónicas. A filosofia, não como lista de biografias, mas como disciplina do correto pensar para bem viver, e a matemática, não como receituário de fórmulas, mas como arte do raciocínio, são muito parenteadas. Eu não entendo como se pode estar abandonando a filosofia no ensino oficial. O utilitarismo grosseiro está fazendo muito dano por fabricar pessoas unidimensionais.
O processo de conhecimento não deve ser entendido de uma única maneira, usando a lógica formal, mas também o sentimento e a intuição. Neste sentido, na minha obra há uma reivindicação, mormente implícita, da ciência. Sem reflexão não há criação e em todo avanço científico há criação e até mesmo poesia, ou seja, um outro modo de ver as coisas. Pensemos na ação dos fermentos ou nas propriedades dos raios X. Se não há poesia neles não sei onde estará. (…)”
Memorias dun neno labrego: entrevista a Xosé Neira Vilas
Vigo: mesa redonda Celso Emilio Ferreiro. Un poeta galego en Venezuela
Entramos na biblioteca do debuxante Siro López
Cuestionario Proust: Ledicia Costas
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ledicia Costas:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O inconformismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A integridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que comprendan a miña vea tola, que me queiran e que me fagan rir.
4.– A súa principal eiva?
– A introversión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir, recitar e durmir. Cústame escoller.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que as persoas que quero estean ben.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gústame ser Ledicia Costas. Aínda que confeso que me encantaría ser actriz fixa das pelis de Tim Burton.
9.– En que país desexaría vivir?
– Inglaterra, aínda que non a cambiaría por Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Negra.
11. – A flor que máis lle gusta?
– As mimosas.
12.– O paxaro que prefire?
– Os bufos.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son moi devota… Saramago, Michael Ende, Boris Vian.
14.– E na poesía?
– Sylvia Plath, Alejandra Pizarnik.
15.– Un libro?
– O Ensaio sobre a cegueira.
16.– Un heroe de ficción?
– Son Goku.
17.– Unha heroína?
– Pippi Langstrumpf.
18.– A súa música favorita?
– Badalamenti, Mike Olfield.
19.– Na pintura?
– Tamara de Lempicka, Salvador Dalí.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Só un? Mary Wollstonecraft.
21.– O seu nome favorito?
– O do meu avó Marciano.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia, o exceso de ego.
23.– O que máis odia?
– A violencia en xeral e a machista en particular.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Adolf Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Os tratados de paz.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Sempre quixen ter o don da teletransportación, aínda que empezo a crer que ía producirme un exceso de estrés.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo. Ou soñando, para ser aínda máis concreta.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A Ledicia.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O despiste, a desorde, a impulsividade.
30.– Un lema na súa vida?
– Non son de lemas. Sorrirlle á vida, sen máis.”
Convocado o II Premio Muíño do Vento de textos de contraportada
BASES DO II PREMIO MUÍÑO DO VENTO DE TEXTOS DE CONTRAPORTADA
“1. Con obxecto de promover a calidade dos textos que acompañan o libro na contraportada ou lapelas e mais de resaltar a súa importancia pola información que transmite ao futuro lector, así como de darlle visibilidade ao traballo asociativo realizado nos barrios -a parte menos visible das cidades-, a Asociación Sociocultural Muíño do Vento, do barrio de Canido (Ferrol), convoca o II Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada para obras de Literatura Infantil e Xuvenil editadas en galego.
2. Poderán presentarse ao premio todos os libros de literatura infantil e xuvenil publicados no ano 2013, calquera que sexa o seu xénero literario.
3. Establécese un único premio consistente nunha peza da ceramista Susana González Amado.
4. Entregarase o premio ao autor ou autora do libro, independentemente da autoría do texto presentado.
5. O premio outorgarase por maioría de votos e poderá ser declarado deserto.
6. O xurado será escollido pola Xunta Directiva da Asociación Muíño do Vento, e a súa decisión será inapelable.
7. Non poderán presentarse ao premio autores/as socios/as da Asociación Muíño do Vento.
8. As persoas que concorran ao premio deberán remitir, antes do día 28 de febreiro de 2014, unha fotocopia da capa e da contracapa da obra, así como o seu enderezo, teléfono de contacto e dirección de correo electrónico, a:
Asociación Sociocultural Muíño do Vento
Rúa Pintor Máximo Ramos nº 7-9, 2ºC
15401, Ferrol
Se optan polo envío mediante correo electrónico, deberán achegar a capa e a contracapa escaneadas nun documento PDF, ademais do enderezo, teléfono de contacto e dirección de correo electrónico, ao mail premiodecontraportada@muinhodovento.es.
9. No caso de envíos de textos por parte das editoriais, a asociación convocante presupón que os autores ou autoras dos libros presentados teñen coñecemento da súa participación.
10. Na primeira quincena de marzo, daranse a coñecer os títulos das obras finalistas mediante a publicación na páxina web. Os autores/as deberán remitir un exemplar da obra antes do día 31 de marzo de 2014, ou, en todo caso, dentro dos 15 días seguintes a seren avisados por parte da asociación convocante.
11. A entrega do premio terá lugar o día 3 de maio no transcurso dun acto músico-festivo no lugar do barrio onde estean presentes os maios participantes na festa dos Maios, tradicional no barrio de Canido.
A persoa premiada recibirá o seu recoñecemento da man do alumnado premiado no concurso Inventa unha flor, convocado en centros educativos de Canido. Do mesmo modo, o autor ou autora entregará cadanseu recoñecemento ás autoras e autores escollidos por cada escola participante.
12. Despois da entrega do premio, a documentación a chegada polos participantes será destruída.
13. Os libros presentados polos finalistas entregaranse ás bibliotecas correspondentes dos centros educativos do barrio, a menos que, canda o envío por parte dos autores/as, estes soliciten a súa devolución.
14. A aceptación do premio por parte do gañador/a implica a súa conformidade para que a Asociación Muíño do Vento poida utilizar publicitariamente o seu nome en relación co premio.
15. A participación neste certame presupón a aceptación destas bases. O xurado estará facultado para resolver todas aquelas cuestións que non se establezan nelas.
Canido-Ferrol, xaneiro de 2014″
A Coruña: presentación de A cultura tradicional galega desaparecida, de Antonio Rodríguez Cabanas
Cuestionario Proust: Marisol Gándara
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marisol Gándara:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Insegura.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade.
4.– A súa principal eiva?
– A baixa autoestima.
5.– A súa ocupación favorita?
– Actividades mecánicas que non me obriguen a pensar, xa o fago con demasiada frecuencia.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estou case segura de que non existe, por iso é ideal.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Supoño que demasiadas, prefiro non pensalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritora/crítica.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquel no que sexa capaz de atopar a miña independencia social, económica, moral, etc.
10.– A súa cor favorita?
– Negro e branco, depende do día.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Non teño una favorita, gústanme moitas.
12.– O paxaro que prefire?
– Igual que a pregunta número 11.
13.– A súa devoción na prosa?
– Gabriel García Márquez.
14.– E na poesía?
– Bécquer.
15.- Un libro?
– Del amor y otros demonios.
16.– Un heroe de ficción?
– Xesús Cristo. Serve?
17.– Unha heroína?
– Lulú de Las edades de Lulú (Almudena Grandes).
18.– A súa música favorita?
– Depende do día, polo xeral rock.
19.– Na pintura?
– Teño varios que me gustan pero a imaxe do Cristo Morto de Mantegna paréceme incríble.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Coa debida abstracción e pulindo os “defectos” meu pai.
21.– O seu nome favorito?
– Rebeca.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O mesmo que non soporto en min cando se presenta. A preguiza.
23.– O que máis odia?
– Os preguizosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non me gusta desprezar a ninguén pero supoño que entre eles están Hitler ou Trotsky.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A beleza.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Co tempo xusto para poder despedirme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Dubidoso, sempre estou cuestionando(me) todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inseguridade.
30.– Un lema na súa vida?
– Calquera tempo pasado foi peor.”
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2013
Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2013. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Con esta edición, son xa sete as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en participar.
Agradecer igualmente á Federación de Libreiros de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Cadeas, de Xabier López (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos).
– Mellor libro de Ensaio para Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Operario, de Jano (Demo).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Ulises, de James Joyce, por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Nubes de evolución, de Andrea Maceiras (Xerais).
– Mellor libro infantil para Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, traducido por Carlos Acevedo (Faktoría K).
– Autor do ano para Xabier López.
– Ilustrador do ano para Manel Cráneo.
– Mellor portada dun libro para adultos para A lúa da colleita (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Pan de millo (Kalandraka).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Ramón Nicolás.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para os recortes en Cultura.
– Mellor Libraría para Andel.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”