Ferrol: presentación da edición facsimilar do Conto galego de Rosalía de Castro

O mércores 11 de xuño, ás 19:30 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, preséntase a edición facsímil do Conto galego, de Rosalía de Castro, publicada pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos, estando a cargo de Xesús Torres Regueiro. No acto, presentado por Eliseo Fernández, participa, xunto ao editor, Xosé María Dobarro.

Propostas con premio: Dende o conflito, de María Reimóndez, premio Xerais de Novela 2014

Entrevista de Ramón Nicolás a María Reimóndez en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Manifestou que esta novela [Dende o conflito] forma parte dun proxecto de textos literarios relacionados entre si. Con que finalidade?
– María Reimóndez (MR): Coa finalidade de desafiarme e polo tanto de divertirme, e con algo de sorte compartir ese desafío e diversión con outras persoas. Quería facer un pequeno universo de textos onde as lectoras tivesen a posibilidade de coñecer as persoas dende diferentes ópticas. Personaxes secundarias ou mesmo moi tanxencias nunha novela cobran vida noutra. Quen lea todo o conxunto comprenderá as motivacións, os feitos e as circunstancias de cada unha cunha tremenda complexidade.
– RN: Dende o conflito percorre, ao que parece, outros camiños diferentes aos que xa tripou na súa obra narrativa, poética ou ensaística anterior…
– MR: Eu creo que percorre camiños xa coñecidos pero dende unha historia diferente. Gústame que cada novela sexa un mundo distinto, dende a forma de narrar ata as características das propias tramas. Dende o conflito, por exemplo, é unha novela moito máis lineal ca En vías de extinción e aínda que si ten un carácter algo fragmentario e mestura diferentes tipos de textos, a trama vaise movendo no tempo dunha forma máis ou menos cronolóxica. En vías… é o antagónico a isto. (…)
– RN: Nesta novela é tamén central esa idea de dar voz a quen non a ten ou non pode tela?
– MR: É unha idea central no sentido crítico, no sentido da responsabilidade de ter que representar as circunstancias de vida doutras persoas. A novela parte precisamente disto que eu considero unha falacia, «dar voz ás outras» como un acto de xenerosidade do suxeito hexemónico occidental para entender que só abrindo espazos para que a outra, múltiple e diversa fale por si mesma, cumpriremos un papel verdadeiramente significativo na transformación das desigualdades, da violencia e da guerra. (…)”

Discurso de María Reimóndez na entrega do XXXI Premio Xerais de Novela

Desde a web de María Reimóndez, o discurso da autora na entrega do XXXI Premio Xerais de Novela:
“Como non podería ser doutra maneira, teño que comezar estas palabras polo agradecemento. En primeiro lugar, ao xurado, por acoller con cariño este texto e por outorgarlle unha visibilidade que sen dúbida resulta moi difícil de agradecer en palabras. En segundo lugar, a Xerais, por seguir traballando e convocando este galardón malia a todas as dificultades que nos rodean. Xerais é para min o fogar, a casa que me acolle e na que medro como autora, e sen dúbida este premio ten un significado nese sentido que será difícil que outro acade.
Mais o meu agradecemento vai máis alá aínda. Quero agradecerlles a compaña ás lectoras ao longo dos anos, ás persoas próximas que están aquí comigo hoxe e aquelas que non puideron acompañarme. Hai quen di que a escrita é un exercicio solitario, mais eu teño a fortuna de non sentilo nunca así.
Tamén quero agradecerlles os azos e tenderlles dende este lugar que agora ocupo as mans do ánimo a todas as autoras que se presentan a premios e rara vez gañan, como confirma con datos un recente estudo do Observatorio da cultura galega. Este galardón que eu hoxe recibo só o gañaron 7 mulleres, 8 comigo mesma, e menos aínda son as que gañaron cunha personaxe feminina como protagonista das súas novelas. Hai persoas ás que lles gusta pertencer a grupos selectos pero eu non son unha delas. Compañeiras, sigamos sen desanimar sachando nos camiños da escrita.
Teño para min que un dos problemas que se nos presenta como autoras á hora de ser recibidas por un xurado é que as experiencias, pensamentos e vidas das mulleres seguen sendo percibidas no mundo literario coma o particular fronte ao universal que supostamente representan as narrativas protagonizadas por homes ou dende ópticas do masculino. Isto, precisamente, ten moito que ver coa novela que foi quen de darme esta gran ledicia.
Dende o conflito busca narrar estas mesmas dificultades e moitas outras dende outro espazo da escrita: o xornalismo en xeral e o de guerra en particular. As dificultades desta profesión poden parecer evidentes: perder a vida, ser vítima de violencia, secuestro, etc. Mais a verdade é que polo xeral os perigos adoitan estar en espazos moito máis impenetrables á ollada pública, eses que a literatura ten a oportunidade de esculcar. Espazos que teñen que ver coas relacións persoais, cos papeis aprendidos, coa percepción novamente do noso traballo pola sociedade.
Un dos papeis aprendidos do xornalismo de guerra ao que as xornalistas se enfrontan cada día é o da narrativa dos heroes, aquela que di que un xornalista de guerra é alguén que arrisca a vida para contar a noticia. Non serei eu quen quite mérito a poñerse na liña de fogo para que acó, do outro lado, rabuñemos polo menos na superficie do sufrimento humano noutros lugares do mundo. Mais estas historias da heroicidade están fondamente interrelacionadas coa súa outra cara: a violencia e a guerra. Como diría Sofía Casanova: “O problema formulado pola guerra, como o complexísimo da paz, é sinxelamente un problema de ética”. Tamén un problema de imaxinario, aquel que pon as persoas brancas e occidentais no centro e ás outras como accesorias.
Durante o proceso de escrita e reflexión desta novela tiven a gran fortuna de poderme achegar a unha mínima parte dos textos dunha manchea de correspondentes de guerra, dende a nosa Sofía Casanova xa mencionada ata Marie Colvin, asasinada en Homs nun conflito que segue sangrando. Estes textos, algúns deles crónicas de traballo e outros máis persoais, manifestan un enfoque da vida moi afastado desa retórica do heroe occidental que vai “dar voz ás outras”. Amosan un afán de proximidade cara a outra e un entendemento complexo dos conflitos, sobre todo porque se miran en conexión coas outras mulleres dende a posición propia.
A desvantaxe que o patriarcado nos ve na literatura e no xornalismo de guerra é, porén, a maior vantaxe porque estas xornalistas son quen de penetrar nos espazos do privado onde comezan todas as violencias, elas son quen de comunicar o padecemento invisible da maioría da humanidade que vive, acó e aló, en guerra permanente, como di Colvin: “Estamos nunha guerra que nos afectará a todas e a todos e aínda así non sabemos case nada dos acontecementos que ocorren nun dos lados”.
Con esta novela sen dúbida buscaba desfacer estes discursos heroicos dende o interior, repasando non só a vida da Saínza senón a do tecido de mulleres xornalistas que ao longo do tempo foron percorrendo os camiños da violencia e a barbarie para defender algo tan complexo dende esa posición como é a paz. A paz é seguramente o concepto máis simplificado, se cadra xunto ao do amor, ao que nos enfrontamos sen decatarnos cada día. A paz está vinculada aos actos pequenos do día a día máis que a ningunha outra cousa. Está vinculada a pensar, cando recibes unha mensaxe para renovar o móbil de forma gratuíta, no coltan que fomenta a guerra na República do Congo, está vinculada a non falar con simplismo das situacións de barbarie que se dan en lugares tan próximos como a Ucraína, un conflito novamente por uns recursos que como europeas debería darnos vergoña escoitar que non se intervén porque se teme que suban os prezos do noso gas. Todas somos cómplices e responsables. Pensar a paz dende esta posición implica entender que toda guerra ten na súa base a nosa comodidade.
Falo de todo isto como se eu mesma fose xornalista de guerra, e aí terédesme que desculpar mais o certo é que mesmo sen ser xornalista si comparto coa Saínza algunhas experiencias de proximidade á outra. As escollas da miña vida leváronme a coñecer moi de preto, noutra calidade, iso si, moitos dos espazos que aparecen no libro: a fronteira entre Ruanda e o Congo, Etiopía, Haití, Paquistán ou indirectamente o xenocidio do pobo támil en Sri Lanka. Nese sentido foi doado poñerme na pel da Saínza, moito máis aínda poñer por escrito a experiencia de alleamento que a miúdo vivo cando regreso a estas as nosas sociedades aparentemente desenvolvidas. A comodidade semella que axuda a esquecer, sobre todo certas historias inscritas nos corpos das mulleres de xeito sistemático. Por moito que leamos o xornal, como di a Lara Logan, xornalista estadounidense violada na praza de Tahrir en Exipto durante a chamada primavera árabe: “O que non se pode ensinar ou adestrar é o coñecemento de quen somos. Esa é a luz que nos guiará cara á recuperación nos meses ou anos escuros que seguirán. Esa é a luz que me amosou a min claramente o importante que era erguer a voz e non calar”. Contra o esquecemento, o lume, a fame, a violencia, a complicidade e a morte a literatura pode constituír un espazo de cambio. Dende unha posición rebelde cos papeis dados, dende a procura da propia voz dende a que poder escoitar a das outras. Creando a incomodidade como única posición ética dende a cal estar no mundo. Porque se non nos incomodamos coa guerra malamente nos habemos de incomodar por ningunha cousa. Se algo me gustaría que esta historia deixase tras súa sería se cadra iso. Pero de hoxe en diante xa esta cuestión non está na miña man, senón na vosa. Grazas polo privilexio de permitirme incomodarvos.”

Danse a coñecer as/os gañadoras/es dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde Cultura Galega:
“A Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas deu a coñecer o pasado venres os galardoados este ano cos Premios Frei Martín Sarmiento, que escollen os alumnos das escolas católicas galegas e mais os seus pais.
Na décima edición destes premios literarios resultaron galardoados en educación primaria A pomba dona Paz, de Ramón Caride, na categoría de 1º e 2º cursos; O monstro das profundidades, de Manuel Uhía, na categoría de 3º e 4º; e A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, na categoría de 5º e 6º.
En secundaria, os escolleitos foron Xesús Fraga, pola obra O elefante branco, na categoría de 1º e 2º da ESO; Fina Casalderrey e Francisco Castro por O neno can, na categoría de 3º e 4º da ESO; e Pedro Feijoo, por Os fillos do mar, na categoría de bacharelato e adultos.
A entrega dos galardóns realizouse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.”

Ferrol: actos destacados do mércores 11 na Feira do Libro

O mércores 11 de xuño comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

18:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de Paula Carballeira.
18:00 h. Firma de Ramón Loureiro e Antonio Seijas na caseta da Libraría Lector Nobel.
19:00 h. Visita guiada á exposición Carvalho Calero. De Ferrol para o mundo, organizada co gallo da Feira do Libro polo Concello de Ferrol.
20:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.

Un novo Carvalho Calero para unha nova xeración

Reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza:
“”En parte, o documental quere actualizar a figura de Carvalho Calero, para achegalo ás novas xeracións, para que sexa máis coñecido pola mocidade. En Ferrol hai un colexio e un centro cultural que levan o seu nome e son moitos os que non saben nada del”. O ferrolán Antón Rodríguez é un dos tres responsables, xunto con Javier Gómez (Ponferrada) Sergio Arango (Lugo), do documental Vieiros de esperanza, un proxecto de fin de grao na facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, que busca poñer en valor a figura do intelectual galeguista.
O proxecto audiovisual, que conta co apoio do Concello de Ferrol, súmase á reivindicación para valorar o labor de Carvalho Calero no eido da sociedade e cultura galega, apoiando a súa candidatura para as Letras Galegas 2015, ano no que se cumprirá o vintecinco aniversario do seu pasamento. O filme está case rematado (ten que ser presentando ante un tribunal académico o 26 de xuño) e ao longo do verán iniciará a súa distribución. Está previsto o seu pase en varios festivais e tamén a súa proxección a través de distintas entidades do movemento asociativo
“Como ferrolán quero reivindicar a súa figura, para que sexa homenaxeado no Día das Letras”, explica Antón Rodríguez, que sinala que cre “pouco probable” que Carvalho Calero sexa o escollido pola Real Academia o vindeiro mes de xuño para ser homenaxeado en 2015. “É tamén a opinión maioritaria entre as persoas que entrevistamos no traballo e que aparecen no documental”, comenta. Entre eles e elas destacan José Martinho Montero Santalha, Xosé María Dobarro Paz, Pilar García Negro, Araceli Herrero, José Luis Rodríguez, Víctor Freixanes, Francisco Rodríguez ou Xesús Alonso Montero.
Trátase dun documental biográfico, que percorre a vida de Carvalho Calero, dende o seu nacemento até o seu pasamento, reparando en todos os eidos nos que traballou e destacou. Busca analizar tamén, conta Antón Rodríguez, o xeito en que a súa defensa do reintegracionismo “se converteu nun tabú” en moitas das institucións nas que colaboraba e no “oficialismo”. Rodríguez destaca tamén que Carvalho Calero toma a decisión de traballar para o achegamento do galego ao portugués como “unha visión de futuro”, coa mente posta nas posibilidades que se poderían abrir para a lingua. (…)”

Cuestionario Proust: Uxía Casal

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Uxía Casal:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Curiosidade e tenrura.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humanidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Aceptación.
4.– A súa principal eiva?
– As arroutadas e a inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Aprender.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O actual: vivir sen maiores preocupacións.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sabereino cando chegue. Xa perdín o medo.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son, con mellor saúde.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera no que se me permita ser eu mesma e no que ninguén me diga que teño que facer ou pensar.
10.– A súa cor favorita?
– Depende: morado, laranxa, azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gardenia.
12.– O paxaro que prefire?
– Se cadra o paporroibo, pero téñolle querenza á pega pola súa elegancia.
13.– A súa devoción na prosa?
Anxos Sumai, Antón Riveiro Coello, Proust, Ana María Matute, Carmen Martín Gaite. Por citar só uns cantos.
14.– E na poesía?
Víctor Campio Pereira.
15.– Un libro?
Memorias de África.
16.– Un heroe de ficción?
– Don Quijote de la Mancha.
17.– Unha heroína?
– Petra Delicado.
18.– A súa música favorita?
– O Sonoro Maxín, por amor. Os tangos.
19.– Na pintura?
– Georgia O’Keeffe, Van Gogh, os impresionistas en xeral.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Karen Blixen, Georgia O’Keeffe e tantas outras que loita(ro)n en liberdade polo que cren.
21.– O seu nome favorito?
– Carlos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía.
23.– O que máis odia?
-A mentira e a traizón.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos os déspotas sen importar a súa ideoloxía.
25.– Un feito militar que admire?
– A paz.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A creatividade artística.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz e sen público.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Inquieto.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aínda que tamén me rebenta, a sobreprotección.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”