Arquivos mensuais: Xullo 2014
Cuestionario Proust: Xosé Enrique Acuña
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Enrique Acuña:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
— Pelexar coa memoria.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
— A conversa.
3.– Que agarda das súas amizades?
— A conversa e un bo viño.
4.– A súa principal eiva?
— Dar dous pasos adiante e un atrás. Ou un adiante e dous atrás.
5.– A súa ocupación favorita?
— Será apostasía dicir a lectura?
6.– O seu ideal de felicidade?
— A conversa infinita (física e química).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
— Facer sufrir á xente que che quere.
8.– Que lle gustaría ser?
— De maior… ir indo ao xeito.
9.– En que país desexaría vivir?
— Obviamente, non no país dos ananos (ou como, politicamente, hoxe, se diga).
10.– A súa cor favorita?
— A que vexo ao acordar.
11.– A flor que máis lle gusta?
— A do pensamento.
12.– O paxaro que prefire?
— O xílgaro que o meu pai tiña na casa.
13.– A súa devoción na prosa?
— Devoción, ningunha. Emoción, por moita.
14.– E na poesía?
— Ante unha pregunta tan íntima, de contestala, pasaría por tolo. Son os tempos que son.
15.— Un libro?
— O primeiro co que me emocionei como adulto.
16.– Un heroe de ficción?
— Phileas Fogg (e Jean Passepartout, por suposto).
17.– Unha heroína?
— Julia (a de Goytisolo).
18.– A súa música favorita?
— Non me queda outra que dicir, lugar común, Neil Young.
19.– Na pintura?
— (El, os, ela, ou as) de Altamira.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
— Bolche, futbolista e comandante. Classius Clay, boxeador.
21.– O seu nome favorito?
— Os das miñas fillas.
22.– Que hábito alleo non soporta?
— Certos olores, certas mentiras.
23.– O que máis odia?
— Odiar, acaba cansando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
— Un Ramón Mercader calquera.
25.– Un feito militar que admire?
— As batallas gañadas por Vo Nguyen Giap.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
— O bailar ben bailado.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
— De morte morrida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
— Á esculca.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
— A mentira piadosa.
30.– Un lema na súa vida?
— Unhas, dan outras.”
Vigo: presentación de Expansión, de Suso Bahamonde
Manifesto O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura
Desde Sermos Galiza:
“As asociacións culturais con máis persoas asociadas e maior actividade do país asinan o manifesto común O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura no que manifestan a vontade de manter o carácter de unión e festivo do Día das Letras, en especial, “nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade”.
A Mesa pola Normalización Lingüística, Associaçom Galega da Língua, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Comités, Confederación Intersindical Galega- Ensino, Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística, Federación de Asociacións Culturais Galegas-Galiza Cultura e Liga Estudantil Galega son as entidades asinantes do comunicado no que rexeitan a decisión da Academia de dedicarlle o Día das Letras a Filgueira Valverde, unha figura que, segundo din, “non pode unir a ninguén”.
“O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser exemplo á sociedade galega e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG”, explican no comunicado, nacido da xuntanza mantida a pasada quinta feira en Compostela, cinco días despois de que a Academia fixera pública a designación de Filgueira como figura a homenaxear o vindeiro Día das Letras Galegas.
Anuncian tamén que van dedicar o 2015 a homenaxear o “ xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias”, como primeiro paso “dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía” que iniciará a súa andaina a partir de setembro cando se vaia materializando a proposta das asociacións culturais.
Apostan nunha data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece. Son asociacións que tradicionalmente organizan actos e programacións arredor do 17 de maio e que se xuntarán de novo despois de setembro para artellar as súas actuacións cara á un Día das Letras en que, por vez primeira nos cincuenta e un anos de historia, optarán por unha conmemoración diferente, á marxe da figura escollida pola Academia.”
O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura.
“Desde a súa institución o 28 de abril 1963 até o pasado 5 de xuño de 2014, a Real Academia Galega escolleu para ser homenaxeada no Día das letras Galegas unha ”figura autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”, tal e como se recolle na acta da sesión onde se decidiu estabelecer esta data tan relevante para a nosa lingua e cultura e que celebra a saída ao prelo da obra mestra da literatura galega contemporánea, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
Ao longo destes 51 anos as persoas homenaxeadas nesta data caracterizáronse por seren autoras e autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura fóra de toda dúbida, alén das súas posicións máis ou menos progresistas, máis ou menos conservadoras, máis ou menos relixiosas ou ateas.
Estes dous elementos: lingua e compromiso co país, fixeron do Día das Letras Galegas unha data de reinvindicación da nosa lingua e de festa para a nosa ampla literatura, capaz de unir todo o pobo galego nunha soa voz, sendo xunto co Día da Patria Galega o máis sinalado de Galiza.
As entidades asinantes, que traballamos día a día para a defensa, dignificación e normalización plena da nosa lingua e cultura en centros de ensino, vilas, cidades e todos os recunchos do país, queremos que o Día das Letras Galegas siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece.
Queremos que siga a manter o carácter integrador e de unión que sempre tivo, e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade.
Filgueira Valverde non pode unir ninguén. O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser “exemplo á sociedade galega” e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG.
O xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias, debe ser hoxe e sempre o homenaxeado o Día das Letras Galegas, e a el dedicaremos o 2015 como primeiro paso dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía que pretendemos explorar a partir de setembro.
Galiza, 14 de xullo de 2014.
A Mesa pola Normalización Lingüística
Associaçom Galega da Língua
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Asociación Socio-Pedagóxica Galega
Comités
Confederación Intersindical Galega- Ensino
Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística.
Federación de Asociacións Culturais Galegas- Galiza Cultura
Liga Estudantil Galega.“
A Coruña: homenaxe a Luísa Villalta, O Papagaio: a pegada dos sentidos
Celanova: presentación de O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández
O mércores 16 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa dos Poetas de Celanova (Rúa Curros Enríquez, 37), preséntase O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Galaxia. No acto participa o propio autor.
Alba de Gloria 2014 no Pico Sacro, o sábado 19 de xullo
Desde Galiza Cultura:
“A Federación de asociacións culturais GALIZA CULTURA ven celebrando desde que se conmemorou no 2011 o 125 aniversario de Castelao co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas a lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.
Cúmprense 90 anos desde que Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.
Por iso este ano 2014, nun contexto agravado pola dedicación das letras galegas a un membro dun réxime que pretendeu exterminalas, volvemos un ano máis a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico. O programa deste ano quedaría como segue:
– 12:00 h. Benvida a cargo do escritor Xosé Luís Santos Cabanas e subida ao cumio do Pico Sacro (o último treito).
– 12:30 h. Izado da bandeira por 2 membros da Asociación Cultural “Vagalumes” de A Estrada. Actuación do gaiteiro nubeiro Raúl Galego. Leitura de Alba de Groria de Castelao por parte dun representante da A. C. O Galo de Santiago, Marisa Otero da Asoc. Sennunpeso de Vedra, Maria Xosé Sánchez Sebio veciña de Codeso (Boqueixón) e Iolanda Aldrei da Asoc. de A Granxa do Pico Sacro.
– 13:00 h. Roteiro guiado ao redor do Pico Sacro comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico, e para ollar as súas furnas.
– 13:45 h. Actuación dos cantautores Mini e Mero no atrio da capela do Pico Sacro.
– 14:45 h. Xantar en Casa Castro en Sergude. É necesario anotarse antes do 18-07-2014 aquí.
Visita guiada Da auga e da pedra. Guía: Iolanda Aldrei.
– 16:30 h. Saida desde Casa Castro en Sergude para ir á aldea de San Paio. Deixamos a metade dos autos no inicio e levamos a outra para o final da ruta a pé.
– 16:45 h. San Paio-Donas. A pé sobre 3 km. Pasarase por unha carballeira, por zonas con bosque atlântico, duas fervenzas e varios muíños restaurados. Se alguén o prefire pode facer case todo este treito en coche pero perderá grande parte da súa beleza medioambiental e sociocultural. Véxase aquí.
– 19:00 h. Donas-Ladeira do Pico Sacro. Desprazamento nos automóbiles. Ollaremos a igrexa de San Lourenzo que especialmente abrirán para esta visita. Dentro conserva pinturas murais (s.XVII-XVIII) e restos arquitectónicos dos s.XII-XIII. Ligazóns 1 e 2
– 19:45 h. Centro de Interpretación do Pico Sacro. Desprazamento nos automóbiles.
Complétase o roteiro neste centro ubicado na antiga Casa do Cura de Lestedo e que tamén abren para nós. Nel achegarémonos ao ecosistema, e a historia e cultura das Terras do Pico Sacro e do Val do Ulla. Ligazóns 1, 2 e 3.
Con mal tempo, a visita guiada farase só en coches e unicamente veremos o interior da igrexa de A Granxa e o Centro de Interpretación do Pico Sacro.
Pídese asistir a toda, ou a parte desta actividade que organiza a Federación Galiza Cultura a través da Agrupación Cultural O Galo e A. C. Vagalumes e coa colaboración de asociación e veciños das parroquias do Ulla, que tamén deste xeito queren revalorizar o seu patrimonio e lembrar a forte vinculación de Castelao con esta terra.”
Poemas da Mariña, de Miguel Anxo Mouriño
Miguel Anxo Mouriño vén de sacar do prelo Poemas da Mariña, dedicado, sobre todo, ás vivencias previas e posteriores ao nacemento da súa neta. Dadas as dificultades que atopou para editalo baixo un selo editorial, decidiu facelo como libro de autor. O autor creou este blog para recoller toda a información do libro.