Arquivos mensuais: Xaneiro 2016
Vídeo da presentación na Libraría Cartabón de Vigo de 6 poemas 6 Homenaxe a Federico García Lorca
“Esperanza”, de Celso Emilio Ferreiro, no 104 aniversario do seu nacemento
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O 4 de xaneiro do ano 1912, ás catro da tarde, viña ao mundo Celso Emilio Ferreiro en Celanova. Traio aquí, para celebrar esta data, o seu poema “Esperanza”, impreso no envés da publicación-convite que un grupo de amigos artellaron para despedilo, no Hotel Roma de Ourense, o 15 de maio de 1966 antes de que collese o barco en Vigo para Venezuela. Van cincuenta anos xa desta última homenaxe, que gozou de inescusables dimensións socio-políticas e que cumprirá lembrar ao longo deste ano.”
Tabela dos Libros de xaneiro de 2016, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e bota a andar tamén unha nova xeira da Tabela dos Libros, desta volta cunha novidade importante: ao equipo habitual conformado por Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e un servidor únese un outro compañeiro, Mario Regueira, a quen damos a benvida.
Que este 2016 vos traia felicidade e lecturas venturosas!”
Xerardo Quintiá fala de Fornelos & Fornelos. Segunda Fundación
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Xerardo Quintiá fálanos de Fornelos & Fornelos. Segunda Fundación, o libro co que gañou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Unha “xenciana” de Manuel María
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Todos os anos bota a andar este blog cun poema e penso que este ano cómpre facelo cun de Manuel María. Incorporo abaixo, así pois, un poema mecanografado e asinado polo autor que me fixo chegar en marzo do 2000 para formar parte do libro-homenaxe ao poeta trivés Manuel Luís Acuña que se editaría ese mesmo ano en Edicións Xerais.
Pouco despois, en 2004, a revista Xistral incluiría, en forma dun suplemento unha colleita de dez poemas no que este se incluía en primeiro lugar, con algunhas variantes ecdóticas, baixo o título global de “Poemiñas ás xencianas de Cabeza de Manzaneda”, separata que contaba cun prólogo de Xosé Lois García. A xenciana, xanzá ou xenzá -planta que, tras dez anos de espera, dá a súa flor en outono- foi sempre moi apreciada e procurada polo poeta chairego e aquí vincula con Acuña, poeta natural das terras de Trives. Creo que pode ser, o da xanzá, un fermoso símbolo para asociala á memoria de Manuel María, poeta con maiúsculas a quen se debe homenaxear como ben merece este 2016.”
Coñécese a obra gañadora do Premio Arume de Poesía para nenos 2015
Desde a Fundación Xosé Neira Vilas:
“Na tarde do venres 18 do mes de nadal de 2015, na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, reuniuse o xurado do Premio Arume de Poesía para nenos ó obxecto de fallar a súa oitava edición. O xurado, composto por: Juan Andrés Fernández Castro (presidente), Luís Reimóndez Fernández e Rosalía Morlán Vieites -que actuou á súa vez como secretaria-, destacou a cantidade e calidade dos traballos recibidos, entre os que resultou elixido por unanimidade o poemario titulado Soños de nenos que, unha vez aberta a correspondente plica, resultou ser da autoría de Mónica Inés Varela Gestoso.
O xurado apreciou neste poemario, de versificación áxil e luminosas imaxes, todo un mundo de elementos tenros e marabillosos, tecidos por unha persoa que denota un perfecto coñecemento da alma infantil. A súa lectura pode facilitar un primeiro contacto coa lírica e ofrecer ós mestres un valioso recurso educativo.
A entrega do premio terá lugar o mes de xaneiro en data por determinar que será comunicada oportunamente.
Esta demora débese á luctuosa circunstancia (de xeral coñecemento) pola que atravesa esta Fundación.
A Fundación Xosé Neira Vilas quera aproveitar este comunicado para agradecer todas as mostras de adhesión e condolencia recibidas nestes días.
Gres, Vila de Cruces, 18 de decembro de 2015″
A Casa de Rosalía disponibiliza o seu arquivo informatizado
Desde Sermos Galiza:
“A Casa de Rosalía vén de estrear o seu arquivo informatizado no que recollen boa parte do material recompilado polo Padroado así como documentos históricos vencellados á poeta.
Os traballos de catalogación e informatización contaron co apoio económico da Xunta de Galiza, que achegou 4 mil euros procedentes da Consellaría de Cultura, explican desde a Casa de Rosalía cuxo obxectivo foi xerar “un espazo aberto á investigación para que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galiza”.
Así, “calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos”, acrecentan.
Entre os fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros salientan a serie de Correspondencia, na que se atopan as cartas intercambiadas cos responsábeis dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana… e outras con personalidades ilustres como Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey ou Valentín Paz Andrade.
Aliás, no arquivo atópanse as actas e documentos constitutivos do Padroado, informes e memorias da actividade que veu desenvolvendo desde a adquisición da Casa de Rosalía e mesmo dosieres de prensa.
Así mesmo, atópase un fondo gráfico con fotografías da autoria e a súa familia e documentos manuscritos da propia Rosalía.”
Contos que saben a Nadal e Reis
Artigo de Romina Bal en Praza:
“A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.
Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Clube de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.
No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. Sigue lendo