‘RosalíaTe’ facendo videopoemas de 20 segundos

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e sumándose a esta conmemoración a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o campus de Ourense veñen de convocar o Concurso de Videopoemas RosalíaTe. Nel convídase aos membros da comunidade universitaria a presentar nunha videogravación feita co teléfono móbil na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa, explican os organizadores, é transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.
Segundo explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación promotora da iniciativa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. Este ano, engade, baixo o título RosalíaTe, “propón actividades nas que se coñeza, recoñeza, recree e actualice a obra da autora fundacional da literatura galega e a través dela fomentar a conciencia como pobo, especialmente entre as xeracións máis novas”. O campus de Ourense, sinala a docente, “únese ao movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento cunha serie de iniciativas, como son a convocatoria deste concurso de videopoemas e a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro”. Nestas actividades participan a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.

Requisitos e suxestións para participar
Ao certame poderá presentarse calquera persoa de xeito individual ou colectivo pertencente á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, podendo enviarse só un traballo por persoa. A duración da videogravación non excederá os 20 segundos, sendo o fragmento elixido e a temática totalmente libres. O vídeo gravarase cun teléfono móbil coa maior resolución posible e en horizontal, aconsellándose os formatos mp4, mov, mpg, avi e wmv. Gravarase un plano fixo, sen facer zoom nin movementos bruscos, e en cor ou en branco e negro. Desde a organización inclúen na convocatoria unha serie de suxestións creativas, como que a montaxe busque reflectir, dende propostas creativas e diversas, o universo lírico e paisaxístico da obra de Rosalía de Castro. Tamén animan a que as achegas recollan elementos visuais propios da súa obra ou que se refiran a ela, dende calquera punto de vista, e que recollan o patrimonio natural e cultural do campus de Ourense. Para incidir na accesibilidade universal e a integración social, nas bases do certame indícase que pode resultar suxestivo incluír a linguaxe de signos ou a escrita nas propostas, citando como exemplo escribir algunha palabra ou verso en cartolinas que sexan lexibles ou nalgunha parte do corpo. Nas achegas pode aparecer máis dunha persoa compartindo a estrofa seleccionada e pódese experimentar con planos distintos.
Un xurado nomeado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense seleccionará os traballos pola súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía menos populares. Os premios consistirán en lotes de libros, de discos e de elementos publicitarios do campus de Ourense. Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro durante a celebración do Día de Rosalía e se exhibirá posteriormente na páxina web da Vicerreitoría e nas redes sociais. Os traballos poden enviarse ata o día 21 de febreiro de 2017.”

Acordos da Asemblea Xeral de Socios-as da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá do sábado 11 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, no Museo do Pobo Galego.
A secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, fixo un balance de 2016 que se pode consultar aquí.
A Asemblea acordou outorgar os Premios Mestres/as da Memoria 2017, galardóns que se entregarán na II Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo a finais da primavera, ás Pandereteiras da Alén (Xirarga, Beariz, Ourense), Orosia Gil Ramos, Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos; e mais a Serafín Mourelle.
As Pandereteiras da Alén son herdeiras do Xiles, Os Xilotes, criados ao calor da fragua, e levan toda unha longa vida animando os seráns e festas da súa comarca; Serafín Mourelle, mariñeiro e poeta, aos catorce anos embarcou de axudante de cociña, e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta, el foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Nunca esqueceu as súas orixes humildes e por iso dende hai moitos anos milita -rara avis entre os patróns- no PCE. Tamén é autor da novela Cartas ao meu avó, na que narra a súa aventura na mariña mercante, no banco Canario-Sahariano e nas augas do Gran Sol.
A Asemblea aprobou tamén nomear Escritora Galega Universal 2017 a autora portuguesa Hélia Correia, distinción que se recollerá na Gala do Libro Galego 2017 que terá lugar o 20 de maio na cidade de Santiago de Compostela, organizada conxuntamente entre a AELG, a AGE e mais a Federación de Libreiros de Galicia, co obxectivo de reforzar o sector do libro galego.
Así mesmo, acordouse que Pilar García Negro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo terceira edición; será no mes de xuño no Concello de Lugo.
Alén de escoller o novo Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano proposto pola presidencia. Así, está en andamento o programa de dinamización do Día de Rosalía de Castro, dirixido tanto a actividades escolares en horario lectivo como a accións cidadás espalladas polo país, en colaboración con concellos, movemento asociativo, etc. O día 19 de febreiro terá lugar o acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres onde se lerá o manifesto da AELG, así como textos da autora, e rematará coa ofrenda floral.
As actividades vinculadas á Sección de Literatura Oral son, alén da II Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria en Lugo, a gravación ao mestre da Memoria Serafín Mourelle, dúas Polafías e mais a décima edición da Xornada de Literatura Oral, que este ano levará como título “Palabras con memoria”.
Asemade, continuarase coa divulgación das Palabras con memoria desde o noso espazo web e mais desde a sección dixital do xornal Sermos Galiza.
O 20 de maio celebraremos no Teatro Principal de Compostela a II Gala do Libro Galego,
O programa contempla a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura; así, a colaboración coa Universidade de Vigo continuará desenvolvendo un novo ciclo dos Escritores na Universidade, e coa USC concretarase nunha nova edición do curso sobre “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora”. Darase continuidade tamén á colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación de Ourense para coorganizar un ciclo de conferencias centradas nos autores e autoras da LIX galega e aumentar a súa visibilidade entre alumnado universitario, futuros profesionais da docencia. Iniciarase colaboración coa facultade de Ciencias da Educación da UDC para achegar a formación en LIX aos futuros mestres e mestras. Ademais, Tratarase de dar continuidade ás Xornadas de Literatura e Ensino.
Está confirmada xa a posibilidade de continuar a desenvolver proximamente un obradoiro da Escola de Escritoras/es en Pontevedra coa colaboración do concello e outro coa Deputación de Pontevedra, así como a actividade coñecida como “Paseos literarios” polas cidades de Pontevedra e probabelmente A Coruña, con posibilidade de espallármola a outros novos lugares na provincia de Pontevedra.
Tratarase de manter o contacto cos Centros de Estudos Galegos do exterior e lectorados, para tratar de achegarmos a literatura galega ao alumnado estranxeiro que se interesa no estudo do noso idioma e cultura.
Para o outono terá lugar na Coruña unha nova edición, a segunda, das Xornadas de Literatura Dramática; e mais, en Pontevedra, un Congreso de Poesía, que fará unha revisión do xénero durante os últimos 40 anos.
Continuarase coa actualización da dixitalización de paratextos, a videoteca de autores/as para a web, así como coa ampliación da nova sección que pretende recompilar o arquivo da memoria fotográfica literaria dos nosos socios e socias, dado que a visibilidade da escritora e do escritor a través da web seguirá sendo un eixo central da actuación da entidade, co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG. A sección da web “O Territorio do/a Escritor/a” será ampliada nunha ou dúas novas propostas.
Finalmente, o presidente someteu á consideración das asistentes a posibilidade de promovermos desde a AELG a creación dun Parlamento de Escritores/as, un foro de compromiso que tomaría forma nunha reunión asemblear na que estes serían convocados polo Consello directivo da AELG, para debater e tirar conclusións, arredor da liberdade de creación do escritor-a na Galiza e noutras culturas do mundo, e doutros temas que non sempre terían relación directa coa literatura ou coa escrita literaria mais que sempre terían alto contido ético ou concernente á defensa da xustiza e da liberdade do ser humano nas súas máis diversas formas. A defensa dos dereitos humanos na Galiza e no mundo, sería a cerna dos valores irrenunciábeis que guiarían este Parlamento nas súas temáticas e convocatorias, nas súas reivindicacións e pronunciamentos. Os escritoras e escritores galegos poden e deben achegar a súa visión crítica da sociedade en xeral e da galega en particular, pois é necesario o activismo intelectual das escritoras e os escritores para petar na conciencia da sociedade. O desenvolvemento da súa convocatoria será concretado polo Consello Directivo nunha próxima reunión.

Rosalía Fernández Rial: “O teatro vale para aprender linguas”

Entrevista a Rosalía Fernández Rial en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿En que consistiu o estudo [Aulas sen paredes]?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): É unha experiencia didáctica con alumnado de primeiro da ESO do Xelmírez I, que agora están en cuarto da ESO. Tamén se fixo un documental, que se adxunta como cedé. Consiste en propor unha nova metodoloxía didáctica para o ensino e a aprendizaxe de linguas, que aplicamos nas aulas de Galego e de Castelán, e que serve tamén para outras linguas.
– LVG: ¿Que utilidade ten?
– RFR: A idea é que se aplique como un método na aula e ver como o alumnado mellora as habilidades no día o día.
– LVG: ¿En que se nota a mellora?
– RFR: En que estudantes que tiñan moita inhibición van perdendo o medo a falar e melloran a comunicación a través do teatro, que é, pois, unha ferramenta que vale para aprender idiomas e permite traballar os contidos e habilidades curriculares, e tamén outros. (…)
– LVG: ¿Como foi a investigación?
– RFR: Foi un estudo no departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, orientado polo profesor Bieito Silva Valdivia. Primeiro fixen a investigación teórica do método, centrado nas posibilidades comunicativas de aprender linguas, que o alumnado se expresase. De aí o interese do teatro para mellorar as ferramentas do profesorado.
– LVG: ¿Utilizaron obras de teatro?
– RFR: Utilizamos textos elaborados polo propio alumnado, que representaron ao final. (…)”

Vigo: presentación de Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

O mércores 15 de febreiro, ás 19:30 horas, no salón de actos do MARCO (Rúa Príncipe, 54), en Vigo, terá lugar a presentación da novela Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Beatriz Suárez Briones e Manuel Bragado.

“Onte 1825: Aforismos do riso futurista presentado en Moito Conto”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Case un cento de persoas participaron o martes 7 na presentación de Aforismos do riso futurista na libraría Moito Conto da Coruña. Antes que dezaoito dos autores e autoras da obra lesen os seus aforismos, interviron Francisco Pillado e Xavier Seoane, os coordinadores dun proxecto que pretende promover o xénero do aforismo na literatura galega. Pillado lembrou a presenza de aforismo nas obras de clásicos como Shakespeare, Valle Inclán ou Oscar Wilde e a escasa presenza na literatura galega de libros de aforismos coas honrosas excepcións dos de Xavier Seoane, Arca cotidiana. Irispaxaros (1984) e A rocha imantada (2009).
Pola súa banda, Seoane explicou que o libro naceu do chamamento que se fixo aos membros da AELG de promover o xénero do aforismo en galego: “pedimos que se escribisen até un máximo de trinta aforismos que non pasasen das tres liñas, sen ningunha outra limitación temática nin formal”. “Ao noso chamamento responderon 48 autores e autoras. O resultado é un libro moi ameno e variado a nivel estético, conceptual e formal. Hai algúns textos máis achegados ao xénero poético e outros ao narrativo. Sobrancea a temática política, social e histórica, expresión da preocupación polo momento de perplexidade e de gran perigo histórico que vivimos”. “O aforismo é un xénero aditivo, que vai moito co espírito do noso tempo. Nunha frase pode condensarse toda unha visión do mundo. Vivimos un gran momento aforístico, aínda que hai un risco de que caiamos na banalidade. O libro que hoxe presentamos é unha colección aberta que abre un camiño para a publicación doutras na nosa lingua”.”