“Isidro Novo e os ‘Círculos Líticos'”, por Lois Diéguez

Artigo de Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“Publicamos a seguir un texto da autoría de Lois Diéguez como tributo á memoria do escritor e colaborador de Sermos Galiza Isidro Novo, falecido a 1 de febreiro de 2018.

Os “CÍRCULOS LÍTICOS” son aneis de luz para sementar nas culturas e nos povos; talismáns para a nosa idea.
Dos controis da nosa criación polos distintos poderes faremos asas para voar en amplos ceos.
Converteremos as Torres de Almafí en museus dun pasado que foi… ao lonxe.
E dos museus construídos para encerrar o noso idioma faremos bosques de palabras a fartar a nosa lingua.
Uniranse a poesía, música, imaxe… nun só corpo colectivo propio: ser pedra contra a barbarie globalizadora, e rosa multicolor para a diferencia.

Foi este o Manifesto de “Círculos Líticos” que un grupo de escritores e activistas da cultura fundamos en xuño de 2002 en Lugo. Eran Isidro Novo, Antom Fortes, Marica Campo, Xoán Rompe, Anxo Rigueira e mais eu, e estreamos a nosa actividade con dous espectáculos realmente interesantes: A maré das negras ondas, por causa do accidente do Prestige, e Viva Palestina, polo recrúe por esas datas da represión do Estado israelí sobre Palestina. Presentábase A Maré como un espectáculo artístico con inspiración na maré das Negras Ondas e nos seus efectos en Galiza. “Un espectáculo que combina a poesía coa canción, as imaxes, teatro, danza, música, maxia, pintura…”. E Viva Palestina, como recitado de poemas do poeta palestino Mahmud Darwish e os propios dos componentes de Círculos Líticos, e músicas de Lluís Llach, Al Baraka, A Intifada ou Mercedes Peón. Nenos e nenas palestinos leron cartas tamén que outros nenos e nenas lles enviaban desde o seu torturado país. E intervencións en directo de artistas diversos (a cantante Pilocha, Mago Antón e Mago Teto, pintor Lomarti, escultora Mónica Alonso, contacontos Ana Carreira, actriz Esther Pedrouzo, coreógrafa Sara M. Alonso, radiofonista Paco Arrizado…).
Seguiron a estes espectáculos durante varios anos, con certa intensidade até 2009, outros de presentacións de libros ou temáticas variadas con motivo sempre de algún suceso que tivese incidencia na Galiza ou no mundo, e coa fin de mesturar a poesía cos outros campos das artes a través tamén de artistas diversos, de xeito que arredor de Círculos se foi creando unha verdadeira comunicación no mundo cultural galego, e de aí que cantantes, pintores, actores e actrices ou simplemente xentes do común, actuasen con naturalidade na produción e presentación cultural sempre no noso idioma. Lembro outro acto de grande incidencia, Camiños de lendas, arredor do Camiño de Santiago e celebrado en Triacastela en agosto de 2008 e que se presentou como espectáculo sobre o mundo lendario que rodea os camiños a Compostela, no que se fusionan as lendas tradicionais, a poesía, a imaxe e a música medieval, barroca e contemporánea, recollendo distintos temas desde Aragón, Navarra ou A Rioxa até O Cebreiro, Pico Sacro ou a Tumba de Prisciliano en Compostela. E outro de certa incidencia tamén foi o proxectado Pola Paz, Contra a Guerra, con motivo da invasión de Iraq por parte das forzas imperialistas de occidente, acto este desenvolvido desde o balcón do concello de Lugo.
Isidro Novo foi figura clave no traballo destes anos, con iniciativa, orixinalidade e con grande sentido creativo. E logo, a voz timbrada, musical e firme que posuía axudábao grandemente nas actuacións. O mesmo entusiasmo para a comunicación co público tamén. Penso agora nas longas horas, no traballo exhaustivo que fixemos todos os compoñentes do grupo para desprazarnos principalmente pola provincia de Lugo cos espectáculos sempre orixinais e mesmo divertidos, completos no sentido artístico, e novidosos. Foron datas de grande riqueza para a lectura e creación de textos propios ou doutras culturas, analizándoos con sentido crítico e clara obxectividade. Sempre me gustaron os libros de Isidro e tamén os de Antón Fortes, un poeta certamente orixinal, profundo e de coidada estética. Os seus versos curtos crean de por sí un mundo amplísimo e valente, rico, emocional, para o goce e mesmo a fantasía. Xoán Rompe é un bo cantante e activista cultural polifacético, moi unido a Radio Clavi e á sala Clavicémbalo de Lugo, o mesmo que Anxo Rigueira, filósofo, que posúe un grande coñecemento en todo o relacionado co deseño e as artes gráficas. Marica Campo, que estivo máis activa na primeira etapa de Círculos Líticos, é poeta dun grande dominio da forma e con grandes acertos no conto e narracións curtas.
E Isidro, enxeñoso, con amplo sentido do humor e ironía, cun mundo creativo extenso e orixinal, foi peza fundamental do grupo. Durante eses anos publicou Súa de si (2003), Rosa lenta (2004), Un escuro rumor tralo silencio (2005), novelas que revelan a súa grande experiencia narrativa e ese mundo tan propio del no que a fantasía, a beleza e o xeito particular de ver a vida e os personaxes o converten nun importante expoñente da nosa literatura nacional. Como tradutor realizou un bo e intelixente traballo coa novela de Benito Vicetto Os fidalgos de Monforte, ao pasala ao galego, obra que se editou no 2009 dentro do Proxecto da Ruta dos Fidalgos polas terras monfortinas, que debe seguir durmindo nos sotos da Xunta. Estou seguro de que a experiencia de Círculos Líticos axudou á súa obra, como nos axudou aos demais a ver as cousas con amplas e distintas perspectivas.
Non me dou afeito á morte de Isidro e son especialmente as atinadas e traballosas horas de Círculos Líticos as que máis me veñen á lembranza; e Loli, a súa amada que tanto compartiu connosco tamén, e Bruno. Sei o mal que o están pasando agora. Coido que o acougo ante a traxedia, despois de asimilala, tocala, insultala, é precisamente isto, lembrar e soñar, aplaudir as tardes felices que agora idolatramos supoño que debido á imposibilidade da súa repetición. Así que no novo regreso ás tres obras que sinalei estará a recuperación das conversas mantidas sobre elas con el. E no seu eco, quizá, o sabor das cereixas daquel outro acto que tanto nos fixo rir. O riso, esa outra forma de se burlar da morte. E a historia, a valentía e o traballo que nunca, nunca se poden esquecer, e menos por quen saben deles.”

Ana Cabaleiro gaña o Premio García Barros 2018

Desde Galaxia:
“Reunido o 18 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXX Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela As Ramonas que, aberta a plica, resutou ser da autoría de Ana Cabaleiro.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro, actuando como secretario, sinalou que a novela está “Narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.
As Ramonas é unha historia de protagonismo feminino onde unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo. Como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás. (…)
O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e As Ramonas será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia. (…)”

Sober: roteiro arredor da figura de Xosé Lois García

Desde a A. C. O Colado do Vento:
“O domingo 22 de xullo terá lugar un roteiro adicado ao escritor chantadino Xosé Lois García. Consistirá nun roteiro circular, sinxelo, con saída ás 10:00 horas do Campo de Pinol, pasando pola igrexa de Pinol, por Cadeiras, Sampil, o Souto do Tellada, ou a igrexa de Lobios. A idea é afondar na poesía de Xosé Lois García que adicou a Sober. Para o roteiro non é preciso anotarse.”

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para os 21 e 22 de xullo

O 22 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 21
13:00 h. Presentación de As lembranzas perdidas no lago Antelväri, de Xosé Duncan, publicado por Galaxia.
20:30 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia, publicado por Chiado Editora.

Domingo 22
12:00 h. Falando de libros coa ilustradora Lara Torres Rodríguez (O cataventos, de María Victoria Moreno), acompañada por Andrea Jamardo, e o escritor Héctor Pose (Mar de invernía e Arponera Café).
13:00 h. Charla-coloquio sobre o libro O valor das palabras. A enfermidade como unha oportunidade, por ASEM Galicia.

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 20 de xullo

O 20 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. Teatro infantil: Cardume, por Xaropoetulú. Campo de Arriba.
21:00 h. Presentación de Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, de Xosé Ricardo Losada, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estará o escritor Xosé Manuel Lobato.

Santiago: Observatorio da Nova Diáspora, do 20 ao 22 de xullo