Arquivos mensuais: Xuño 2022
Santa Cruz, Oleiros: presentación de Lúa Nova, de Irene Montero
Crónica fotográfica dos Paseos Literarios por Compostela con Mario Regueira e Ana Cabaleiro
Estas son algunhas das fotografías dos Paseos Literarios por Compostela con Mario Regueira e Ana Cabaleiro, celebrados os pasados 10 e 11 de xuño, no marco da SELIC. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
A AELG celebra en Lugo o I Encontro de Novas Voces, con Xesús Fraga e Yolanda Castaño, no marco do EnRedando co Galego 2022
A AELG celebra en Lugo o I Encontro de Novas Voces, con Xesús Fraga e Yolanda Castaño, no marco do EnRedando co Galego 2022, en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Ao abeiro de EnRedando co Galego 2022, o 14 de xuño celebrarase no Centro Cultural Vello Cárcere o I Encontro de Novas Voces, onde o alumnado premiado e varias autoras e autores adolescentes da provincia terá oportunidade de coñecer a dúas destacadas autoras galegas da narrativa e a poesía, indagando na técnica da creación literaria. O Premio Nacional de Literatura, Xesús Fraga, e unha das poetas de maior traxectoria internacional, Yolanda Castaño, compartirán a xornada do martes 14 de xuño no Vello Cárcere de Lugo con algo máis de vinte rapazas e rapaces de Lugo, Vilalba e Mondoñedo.
De entre os centos de rapazas e rapazas participantes, chegan a este I Encontro de Novas Voces aquelas novas autoras e autores máis destacadas, quen poderán coñecer de primeira man o universo literario, as influencias e algunhas dinámicas de traballo que poden favorecer a creación literaria a través de dous obradoiros con Xesús Fraga e Yolanda Castaño. A actividade está coordinada por Lois Pérez e Antonio Reigosa, en colaboración con profesorado dos centros participantes e do resto da provincia.
Pola mañá será a quenda do autor de Virtudes (e misterios), Premio Nacional de Narrativa, quen introducirá as participantes nalgunhas das claves que poden axudar á creación literaria. Pola tarde, Yolanda Castaño, quen acaba de publicar un novo libro de poemas, Materia, achegará os novos talentos ao seu universo poético e compartirá algunhas das súas experiencias como escritora.
O I Encontro de Novas Voces pretende promover un espazo de intercambio, coñecemento e diálogo entre as novas autoras e autores da provincia, poñéndoos en contacto con experiencias e actividades que poidan contribuír ao desenvolvemento da súa actividade literaria.
Esta é a imaxe que lucirán autoras/es e participantes no portadistintivo da actividade.
Bertamiráns, Ames: presentación de Unha cervexa Chang, de Manuel Portas
Ourense: presentación e sinatura de A bruxa Selana, con Alba de Evan e Xabier Domínguez
Premio Trasalba para Carlos Mella pola súa entrega á causa da cultura galega
Desde Cultura Galega:
“A Fundación Otero Pedrayo outorgará este ano o seu premio honorífico, o Premio Trasalba, a Carlos Mella Villar (A Estrada, 1930). Mella, economista, político e escritor, é doutor en Dereito pola Universidade Complutense. Foi Vicepresidente da Xunta de Galicia e deputado no Parlamento. Mella preside a Fundación Castelao e presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega, ademais de figurar como primeiro xerente do padroado da Fundación Torrente Ballester, entre outras moitas participacións na vida cultural galega desde hai décadas. A elección de Carlos Mella tomouse por unanimidade da comisión de goberno da Fundación Otero Pedrayo que a motivou, segundo afirma nun comunicado “en recoñecemento ao seu compromiso e traxectoria vital, na que destacan a entrega á causa da cultura galega”, afirman. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 26 de xuño.”