Antón Blanco Casás, gaña o XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo con Bosque

Desde Galaxia (foto da propia Editorial Galaxia):
“Reunido o xurado do XVI premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola filóloga e tradutora Emma Lázare, en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán; por Yaiza Peixoto, mestra e Presidenta de Espazo Lectura; por Masha Álvarez, profesora e poeta gañadora da edición anterior; por Tamara Andrés, escritora e tradutora en nome da Editorial Galaxia; e por Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XVI edición sexa o presentado baixo o lema Eu, belida, titulado Bosque, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Antón Blanco Casás.
O xurado valora a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Antes da xabreira, e A illa sen reloxo, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
A obra gañadora será publicada baixo na colección Dombate de Editorial Galaxia. O acto de entrega do premio e a presentación do libro, celebrarase no mes de marzo de 2025, no cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2025, o gañador impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición durante o mes de decembro.”

A Coruña: presentación do audiovisual Doe o Courel, de Xacobe Meléndez Fassbender

O 27 de novembro, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase o audiovisual Doe o Courel, de Xacobe Meléndrez Fassbender. Esta obra incorpora a voz de dous poetas, Helena Villar Janeiro e Uxío Novoneyra (gravación histórica), cunha música realizada específicamente para o documental, “Vento do Courel”, pola cellista Jimena Andión e o tema “Doce campanadas” de Diego Vasallo. Ao finalizar a proxección terase un debate coa presenza do realizador, Xacobe Meléndrez. A inscrición pode facerse aquí.

Crónica fotográfica da Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2024


A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2024, actividade da AELG, contou co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2024 respectivamente a Camiño Noia Campos e Henrique Peón, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.
As distincións entregáronse no marco da IX Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que terá lugar o 18 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
No acto, conducido por Eva Teixeiro, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antonio Reigosa, quen lerá a laudatio de Camiño Noia Campos, e Pilar García Negro, quen lerá a laudatio de Henrique Peón Mosteiro, co acompañamento musical de Su Garrido Pombo e coa intervención de Celso Fernández Sanmartín.

Poden verse a continuación varias fotos do acto, podendo consultarse a crónica fotográfica completa aquí.