Curtas gañadoras do IX Certame de Curtas da AS-PG

“O 16 de decembro tivo lugar no Fórum Metropolitano da Coruña o acto de entrega de Premios do IX Certame de Curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Este Certame organizado pola AS-PG ten como obxectivo reinterpretar e divulgar a Literatura Galega desde novos formatos e contribuír á relación cinema-literatura.
PREMIOS:
CATEGORÍA XERAL PREMIO Á MELLOR CURTA DA IX EDICIÓN.
O 1º premio foi para Mulleres muro, a garda patética, de Pepe Galán
O 2º premio foi para Emma Pedreira. O des-en-freo”, de Daniel Chapela
CATEGORÍA CENTROS DE ENSINO
O 1º premio foi para Rosalía, quilómetro cero, de Cristina de la Torre (IES Macías o Namorado- Padrón)
O 2º premio foi para A mellor sopa do mundo, de María Jesús López Abelairas (CEIP Martagona-Melide)
Mención especial Irmaus-Celso Emilio, alumnado de 1º bacharelato (IES María Soliño-Cangas)
O Certame contou coa colaboración da Concellería de Educación, Cultura e Memoria Histórica do Concello da Coruña, e coa da área de Cultura da Deputación da Coruña para as actividades organizadas ao redor do mesmo.
Desculpando a súa ausencia o Sr. Concelleiro de Cultura por problemas de axenda os premios foron entregado por:
Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña
Isa Risco, actriz de teatro, cine e tv en representación do xurado
Xoán Costa, Presidente da AS-PG
O realizador e colaborador desta IX edición das curtas Omar Rabuñal Varela.”

Antón Blanco gaña o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Fervenzas Literarias:
“Antón Blanco Casás é o gañador da XXXII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro, polo seu poemario Voz do arqueiro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, reunido o sábado da semana pasada na Casa de Cultura, tras valorar “a construción e a sintaxe e xunto cunha escolla léxica moi coidada. Voz do arqueiro posúe unha arquitectura interna coherente”.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Alicia Fernández Rodríguez, Estevo Creus Andrade, Elvira Ribeiro Tobío, Xabier Xil Xardón, e presidido Ramón Abuín Gómez, tenente de alcalde do Concello de Dodro. Actuou como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e os poetas Paulino Vázquez, Anxo Angueira e David Pérez Iglesias rendiron un tributo poético cos poemas de Alba Cid e Hilde Domin ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.
O premio será entregado o próximo sábado ás 17:30 h. nun acto no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”

Vilagarcía: presentación de Atila no Grove, de Antón Mascato

O 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Faiado da Memoria (Praza Ravella, 37), en Vilagarcía de Arousa, presentación de Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948), de Antón Mascato, publicado por Positivas. Participan, xunto ao autor, Patricia Arias e Carlos Méixome.