Desde Erregueté:
“O Carballiño converterase en epicentro do teatro amador os días 10, 11 e 12 de maio coa celebración do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador no que participan diferentes colectivos de Galicia, Portugal e Castela-León. O evento, que se enmarca dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador –formada pola Federación Galega de Teatro Amador, a Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana/Teia e a erregueté– propón un programa intenso no que a creación se combina con diferentes espazos para a formación e a reflexión.
As representacións teatrais comezarán no Auditorio Manuel María o venres 10 de maio ás 20.30 horas da man do grupo portugués Teatro de Balugas e o espectáculo Pão Nosso, unha peza que aborda de forma poética o ciclo do pan na aldea. O sábado 30 de maio ás 20.30 horas, Latele (Laboratorio Teatral Leonés) tomará o relevo coa presentación de Raíces de Lorca, unha homenaxe a todas as mulleres que nos marcaron a través da historia. Pola súa parte, o domingo 12 de maio ás 17.00 horas, o grupo galego Lohengrín será o encargado de pechar o programa con A mirada das bolboretas, unha peza interactiva para toda a familia na que a música se mestura co traballo xestual.
I Premio Platta de Teatro Breve
O domingo 12 de maio ás 12.30 horas terá lugar a presentación do texto gañador do I Premio Platta de Teatro Breve, que nesta ocasión foi para Morreu a tía María, de Xosé Prada. A peza, editada xunto coas súas traducións ao castelán e ao portugués na colección Cadernos Platta que edita a erregueté cofinanciada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal poderá verse en escena da man das persoas participantes nos obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas que se desenvolven durante o festival.
Dentro da súa actividade de estímulo á creación, á innovación e á mellora da calidade do teatro amador galego, o Fetta conta este ano cun obradoiro de escrita guiado polo dramaturgo Ernesto Is. De igual xeito, coa intención de ofrecer un espazo para a reflexión sobre as artes escénicas e abrir novas perspectivas desde o teatro amador, a actriz Victoria Teijeiro será a encargada de inaugurar a serie de coloquios que este ano se centrarán no tema “Teatro e inclusión”.
A presentación do programa que onte tivo lugar no Concello do Carballiño contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a Presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón e dos directivos do grupo de teatro Tiruleque Xosé Prada e Lydia Almonte.
No acto, Diego Fernández manifestou o “orgullo por acoller este festival que completa a programación municipal na véspera da Semana das Letras Galegas” ao tempo que apuntou que se trata dunha das citas anuais do teatro afeccionado en Galicia. Pola súa parte, Manuel Doval sinalou estar “especialmente motivado por esta presentación que se fai nunha vila tan vinculada ao teatro como é O Carballiño” e aproveitou a ocasión para destacar a colaboración da Deputación cos concellos e asociacións en materia cultural e aplaudir a inclusión no programa dunha obra infantil, dinamizando a formación entre os escolares. Por último, desde a organización animouse a animouse á veciñanza do Carballiño a asistir ás representacións e demais actos do festival organizado desde Fegatea que, como sinalou Chelo Pampillón, traballa por incentivar o teatro afeccionado que é “é un xeito de teatro por amor”.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Coruña: representación de O engano, de Leandro Carré Alvarellos
Fallo do Certame de Microrrelatos Día do Libro 2019
“O 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.
O xurado, que estivo formado, por:
– Armando Requeixo, escritor e crítico literario.
– Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.
– Ánxela Gracián, escritora e tradutora.
– Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).
– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).
Determinou os seguintes premios:
– CATEGORÍA INFANTIL:
1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia.
2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico.
3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz.
– CATEGORÍA XUVENIL:
1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva.
2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción.
3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo microrrelato A pantasma.
– CATEGORÍA ADULTOS:
1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa.
2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio.
3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno.
A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.”
Porriño: actividades destacadas do 10 de maio na Feira do Libro 2019
O 10 de maio continúa a Feira do Libro de Porriño (na Rúa Ramón González), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Presentación de libro Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación de libro A formiga no carreiro, de Raquel Castro, publicado por Galaxia.
Vigo: presentación de Actrices secundarias, de Clara do Roxo
Videopoema As mans, a partir de Inscricións, de Carlos Callón
A Coruña: representación de O valo, de Carlos Labraña
Compostela: homenaxe a Berta Cáccamo, In memoriam
O Centro Dramático Galego inicia mañá en Tui a xira da súa produción Neorretranca e posmorriña
Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) arranca a xira da súa produción Neorretranca e posmorriña mañá venres en Tui, onde chega tras unha estadía dun mes na sede da compañía pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Esta será a primeira parada no percorrido galego deste espectáculo, que poderá verse tamén en Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Vigo.
En concreto, o Teatro Municipal tudense será o escenario da función de mañá, ás 20,30 h., para a que as entradas poden adquirirse de xeito anticipado no web www.culturatui.info, así como no despacho de billetes desde unha hora e media antes de que dea comezo o espectáculo.
Dez actrices poñen en escena as dúas pezas arredor das que se constrúe esta proposta: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A través delas, o CDG ofrécelle ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que é o punto de partida común de ambos os textos.
Este fío condutor compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. A compañía da Xunta puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Sinopses
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Dez actrices
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabel Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as dez intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballa na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.
Neorretranca e posmorriña poderá verse, a continuación, no Auditorio Afundación de Pontevedra (17 de maio, 20,30 h.), no Teatro Rosalía Castro da Coruña (24 e 25 de maio, 20,30 h.), no Teatro Lauro Olmo do Barco (31 de maio, 21,00 h.), no Auditorio Municipal de Rianxo (14 de xuño, 21,00 h.) e no Teatro Afundación de Vigo (5 de xullo, 20,30 h.).”
Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”
Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”