Pontedeume: actividades do 25 de agosto na Vila do Libro 2025

Portico of Galician Literatura publica a tradución ao inglés de parte de O paso en falso, de Abraham Pérez

O portal dixital Portico of Galician Literature vén de publicar a tradución de parte da novela O paso en falso, de Abraham Pérez (Editorial Galaxia) ao inglés. The False Step é o título escollido. A tradución está feita por Jonathan Dunne. Para máis información preme aquí.

Vacina dos incendios, por Marilar Aleixandre

Artigo de Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“As situacións máis angustiosas que vivín son ter un dos meus debaténdose entre a vida e a morte e intentar apagar no medio da noite un incendio que ameazaba a casa. Ás veces, nos pesadelos, represéntase a lingua de lume avanzando polo monte de Toba e uns poucos veciños e veciñas loitando con pas por detelo.
Hoxe o pesadelo é realidade para a xente en Galicia que ve o lume levar por diante árbores, cultivos, paisaxes, casas nas que acougan memorias de xeracións, a súa vida. 60.000 hectáreas, talvez máis ao se publicar o artigo. Alcanzando Pena Trevinca, un símbolo no imaxinario do país, o Teixadal de Casaio. Arrasando parte do bosque de Ridimoas, os piñeiros, de momento sálvanse as caducifolias: un sinal.
Enfermidades e incendios teñen en común, ademais da angustia, que a forma máis eficaz de evitalos é a prevención. As vacinas salvan millóns de vidas. As vacinas contra os incendios son as políticas de prevención.
Estes incendios son distintos debido á crise climática, ao aumento desbocado das temperaturas, á seca. O fume impide, ás veces, actuar a helicópteros e avións. Cómpre apoiar todas as medidas para abandonar as enerxías fósiles.
As ecoloxistas, Adega, propoñen políticas forestais de xestión dos montes que preserve as súas funcións: limpar durante o inverno, repoboar con caducifolias, promover a gandería extensiva, deter a plantación de eucaliptos, non permitir a conversión en forestal de terras agrarias. A prevención require persoal contratado todo o ano, non seis ou nove meses, suficiente –a Xunta convoca agora 117 prazas de bombeiros e aínda hai vacantes–. As condicións laborais: ningunha comunidade autónoma aplica o novo Estatuto de bombeiros forestais de novembro. Pois, lembro, as competencias de prevención e extinción de incendios son das comunidades.
A solución non é aumentar as penas para os incendiarios. Si tomar en serio a crise climática.”

Pontedeume: actividades do 22 e 23 de agosto na Vila do Libro 2025

A AELG apoia as concentracións convocadas pola Plataforma Por un monte galego con futuro o 21 de agosto

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega apoia a Plataforma Por un monte galego con futuro, e anima a cidadanía a participar nas concentracións nas cidades e comarcas do país convocadas pola Plataforma o 21 de agosto ás 20:00 h.

Xavier Alcalá: “A ficción entra nos espazos onde a historia oficial non chega”

Entrevista de María Viñas a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Comandantes e familiares abre o camiño cara a Tempo de fugas. Que papel xoga esta novela dentro da «Triloxía dos mayimbes»?
– Xavier Alcalá (XA): É o elo central, o que mergulla o lector directamente nas entrañas do poder revolucionario cubano. Se A capital do mundo nos levaba ata Nova York e mostraba a vida dun emigrante galego na metrópole capitalista, aquí a protagonista queda atrapada no mundo oposto: o socialismo tropical, con todas as súas contradicións. Comandantes e familiares amosa como a Revolución tamén se humaniza, ou se descompón, nas relacións de familia, de confianza, de conveniencia.
– LVG: É a protagonista a chave para comprender a trama?
– XA: Sen dúbida. Nieves é o fío que entretece as tres novelas. Non é unha heroína ao uso, senón unha muller que observa, que sofre e que actúa segundo as súas conviccións. Ten unha capacidade rara de adaptarse sen renunciar a si mesma. No fondo, é unha emigrante que non deixa de ser galega, e iso dálle un punto de vista diferente, libre, incómodo mesmo para os que a rodean. (…)”