O luns 5 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), Santiago Prol presenta o libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda, publicado por Grupo Academia Postal Editores. No acto participan, xunto ao autor, Francisco Nóvoa Rodríguez, Leonardo Lemos Montanet, José Ignacio Vidal López, Valentín García Gómez e Miguel Santalices Vieira. Haberá un acompañamento musical a cargo do conxunto de música de cámara Ensemble Aurum.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: presentación e obradoiro de 5 minutos, de María Lado
O Principal da Estrada acollerá o día 7 a entrega do Premio Varela Buxán
Desde Erregueté:
“O escenario do Teatro Principal da Estrada albergará o mércores día 7 de febreiro a entrega do Premio de Teatro Manuel Daniel Varela Buxán, organizado pola Escola de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) en colaboración coa Fundación Cultural da Estrada. O fallo do xurado coñeceuse o pasado mes de decembro. A obra triunfadora foi Pallaso, presentada baixo o lema Óptimo Máximo, do autor Fernando Castro Paredes. O acto de entrega comezará ás 20:30 horas e terá unha media hora de duración.
Esta obra alzouse con este premio, que xa vai pola súa sexta edición e na que se presentaron un maior número de propostas con respecto a anos anteriores, pola súa construción dramatúrxica rigorosa e coherente e pola súa visibilidade escénica, tal e como apuntaron os membros do xurado. Ademais, destacaron a súa aposta por un humor negro e absurdo cargado de dramatismo e ironía que debulla a realidade social.
Fernando Castro Paredes é natural de Tapia de Casariego, polo que desta maneira é o primeiro autor que gañou este galardón que non naceu en Galicia. É profesor de linguas en Cee e é un dos coordinadores da compañía de teatro escolar Tuéjele Teatro. Recibiu tres accésits do Premio Añón de Poesía e o Premio de Narrativa Historias na Universidade.
Durante o acto do día 7, tamén se entregará impresa a obra gañadora da anterior edición ao seu gañador, a Marcos Abalde Covelo. A premiada neste caso foi Oito epitafios por Troia que recolle unha reflexión sobre a sociedade contemporánea. Ademais, os asistentes serán obsequiados coa mesma.
No acto participarán dous alumnos da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada que lerán unha escena do texto gañador desta última edición.”
Pontevedra: inauguración da exposición Libros con memoria, de Baldo Ramos
Vilalba: conferencia de Manuel Ferreiro sobre Eduardo Pondal
Pontevedra: obradoiro de escrita creativa A palabra común, con María Lado
Bueu: presentación de Deshabitar unha casa, de Miriam Ferradáns
Faleceu Isidro Novo
Con profunda dor a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega comunica o pasamento do seu membro do Consello Directivo até 2017, o escritor Isidro Novo. Á calidade humana e á excelencia do seu múltiple traballo como creador súmase o compromiso activo e propositivo na defensa da cultura, da lingua e da literatura culta e popular. Foi vogal da AELG por Lugo e membro fundador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e partícipe en todas as iniciativas que desenvolveu (Xornadas de Literatura de Tradición Oral, Polafías, Obradoiros de Narración Oral, Letra das Festas, Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria), alén de coordinador do portal “Palabras con Memoria” da web da AELG. Destaca tamén o seu papel como excepcional guía en diversos obradoiros de creación literaria.
No seu espazo da web da AELG pódese ver unha mostra da súa traxectoria.
O seu corpo está no Tanatorio de Velatorios Lucenses As Arieiras (Camiño do Seixo, s/n, Lugo –como chegar). A incineración terá lugar o venres 2 de febreiro, ás 19:00. Estase organizando un acto de despedida previo en forma de recital, que terá lugar no propio tanatorio sobre as 18:30.
Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Manuela Cortizo Medal, Manuela de Barro
A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Manuela de Barro, tamén coñecida por Manuela das Marianas, nacera o 13 de xullo de 1930 en Cerdedo (Pontevedra). De nena trasladouse ao lugar de Barro de Arén, no mesmo concello, onde residiu desde aquela. Alí casou con José Álvarez Sieiro, criou dúas fillas, Sinda e Ana, e dedicouse aos labores do campo.
Da súa tía, Mariana Cortizo Lorenzo, aprendeu os primeiros cantos que, coa súa prodixiosa voz, axiña lle deron renome e prestixio en toda a comarca. Tras unha vida intensa, dura, apenas escolarizada, cando chegou á xubilación promoveu a creación da agrupación “Pandereteiras de Barro de Arén”, grupo que chegou a gravar un disco e que achegou ao panorama da música popular tradicional un repertorio infinito de coplas e cantigas extraídas da memoria prodixiosa de Manuela. Con esta agrupación tamén participou en programas de radio e televisión, e foi entrevistada por numerosos investigadores do folclore popular galego, cuxo resultado se pode comprobar en libros como Cantares de Manuela de Barro, de Calros Solla, e Cantareira de Barro de Arén. Manuela Cortizo Medal, de Xosé Lois Foxo. O seu repertorio como cantareira é moi amplo: cantos de ronda, de berce, Reis, Nadal…, cantares de oficios (de arrieiros, alfareiros…), parrafeos, romances (históricos, de cego …), coplas de todo tipo, interpretadas con ou sen acompañamento da pandeireta.
Manuela foi unha muller alegre, de voz potente e transparente. Da calidade da súa voz, a mesma daquela nena á que ás súas tías lle pedían que cantase mentres alindaba as vacas polo monte para saber onde andaba, dá unha cabal idea o apelativo que lle dedica o escritor Calros Solla, biógrafo e gran recompilador do inmenso arquivo da súa memoria, cando a define como a “Monserrat Caballé de Terra de Montes”.
Poucas veces tropezamos nas nosas camiñadas polo país con persoas tan sensibles e amantes da cultura tradicional, tan preocupadas pola recreación e difusión dos cantos e das músicas populares. Grada na súa memoria milleiros de pezas para cantar, pero tamén contos e lendas ou historias da súa querida Terra de Cerdedo.
Por todos estes méritos o concello de Cerdedo concedeulle a Medalla de Ouro, o concello de Forcarei a Medalla “Gaiteiro de Soutelo”. Conta co Diploma da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e co Diploma “Mestra da Memoria”, concedido pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) o ano 2013.
Deixounos onte, 31 de xaneiro de 2018. Será enterrada hoxe, 1 de febreiro. A saída do Tanatorio de Cerdedo (sala 2) está prevista para as 16.45 cara a Igrexa Parroquial de San Xoán de Cerdedo, onde se celebrará o funeral ás 17.15.
Vexa o fondo videográfico coas participacións de Manuela Cortizo no Proxecto Polafías.”