Rafa Vilar gaña o Victoriano Taibo de poesía cun libro “de amor e vida”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Foi unha das voces máis prolíficas da xeración de poetas aparecida nos 90. Pero levaba tempo en silencio. Case unha década. O premio Victoriano Taibo recupera para o público a poesía de Rafa Vilar (Cee, 1968), e faino con Erosións, un libro “de amor, de amor e vida para ser máis preciso”. O xurado do certame referiuse á “sinxeleza e intensidade lírica” dunha obra “intimista e apaixonada”.
Un cento de poemas breves e de “linguaxe que intenta ser o máis precisa posíbel e tamén evocadora”, en palabras de Vilar, conforman o seu regreso á escena literaria. Pasaron nove anos desde Migracións (2008). “Non hai ruptura respecto á miña obra”, considera, “pero si unha maior depuración da lingua, que é máis espida”. Esta terza feira penduraba nas redes sociais unha mostra: “un mar tatuado / tras a noite // un silencio / que se embosca // as miñas unllas / sendo terra / en ti // a túa boca / no meu ventre”.
Neste demorado hiato, Vilar si escribiu para cativos –Acuarelas (2009), Patente de corso (2012) ou Animalario estrafalario (2013)- pero, sobre todo, aproveitou “para ler e para vivir”. “Foi un período moi longo”, apunta sobre o seu paro poético, “o que pasa é que ás veces cómpre deterse e que se vaia formando un substrato. Tamén precisaba un pouco de distanciamento”. Desde o seu debut en 1993 con Liques da memoria, Vilar convertérase nun dos rostros máis activos e visíbeis da súa promoción, ao primeiro desde o Batallón Literario da Costa da Morte. Na historia da literatura galega consta o seu arrepoñerse contra o teito de cristal que freaba os poetas novos e que encolerizara o mesmo Uxío Novoneyra.
Xustamente a outros autores e autoras novas menciona Rafa Vilar cando fala de “novas voces moi interesantes”. “Despois da eclosión dos 90 e de inicios de século”, engade, “parecía que non xurdían poetas significativos. Agora si, e estamos convivindo cun conxunto de autoras moi potente”. Ao seu ver, renovan linguaxes, temáticas e “mesmo a forma de se mostrar en público”. “A verdade é que resulta fascinante”, conclúe.”

Paseos Literarios por Compostela: Daniel Asorey, Antón Riveiro Coello e Marta Dacosta

Os Paseos Literarios por Compostela son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
Ciclo de percorridos literarios por Compostela, que procuran outra ollada á historia e xeografía da cidade.

A participación é gratuíta, e limitada a 50 prazas.
A inscrición debe facerse neste correo: comunicacion@auditoriodegalicia.org
O prazo para a inscrición finaliza o día anterior a cada un dos percorridos.
Todos os percorridos comezarán ás 18:00 h.

Estes son os seguintes Paseos programados:

Xoves, 21 de setembro.
Compostela en Nordeste, con Daniel Asorey.
Punto de partida: Cruz de San Pedro.

Xoves, 28 de setembro.
Os elefantes en Compostela, con Antón Riveiro Coello.
Punto de partida: Carballeira de San Lourenzo.

Xoves, 5 de outubro.
Compostela en Crear o mar en Compostela, con Marta Dacosta.
Punto de partida: Praza de Mazarelos, ante a antiga Facultade de Filoloxía.

Armando Requeixo: “A cultura é a columna vertebral dun pobo”

Entrevista de Daniel Salgado a Armando Requeixo en Sermos Galiza:
“A sinatura de Armando Requeixo é presenza habitual en suplementos, revistas e xornais, sempre e cando se escriba sobre literatura galega. A pasada sexta feira, o seu labor de divulgación e crítica era recoñecido co premio Manuel Reimóndez Portela da Estrada na súa viséximo segunda edición. “No xornalismo cultural traballamos con materia altamente sensíbel”, indica a Sermos, “porque a cultura é a columna vertebral dun pobo”.
“O xornalismo cultural debe vivificar a identidade colectiva”, insiste Requeixo (Mondoñedo, 1971), quen considera que, debido a esa responsabilidade, o oficio ten “un cometido engadido”. A tradición, as artes, a cultura no sentido cinxido á expresión estética, son, para o tamén experto no poeta Xosé María Díaz Castro, elementos centrais para a construción dun país. E aqueles e aquelas que escriben sobre eles na prensa participan moi directamente na tarefa.
De “francamente bo” cualifica o estado xeral da disciplina pola que foi galardoado. “A calidade dos que exercen a profesión en Galiza non ten nada que envexar a doutros países achegados”, di, aínda que puntualiza: “Outra cousa son as condicións en que se desenvolve, que non sempre son óptimas”. Os materiais premiados na Estrada -os artigos Rosalía voa alto, Palabras para o Alén, Lingua Zombi, Cando iso non pode pasar aquí e De rosas e letras– foron publicados no diario Faro de Vigo, co Diario de Ferrol un dos medios en que Armando Requeixo difunde habitualmente o seu traballo.
Con proverbial optimismo -“moderado”, asegura el-, considera que a cultura galega atravesa un bo momento. “Poden dicirnos que, se cadra, soñamos de maís. Pero esa é a gasolina que nos alimenta”, opina. E remite aos recoñecementos foráneos a “escritores, músicos e artistas” como proba da súa tese: “Porque fóra non regalan nada. Outra cousa é que sexamos quen de convencer aos nosos concidadáns, e coterráneos, desa excelencia”.
O conflito lingüístico tamén ocupa as súas reflexións. De novo cunha ollada singularmente positiva. Entende que os medios de comunicación “espellan a realidade sociolingüística” de Galiza, as súas carencias e as súas potencias, pero o espazo do galego neles parécelle insuficiente. “Debemos substanciar máis presenza da lingua nos medios”, engade, “non obtante, imos na boa dirección, progresamos”.
Na actualidade, Armando Requeixo exerce de secretario e investigador no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Admirador incondicional das incursións no xornalismo cultural do seu paisano e “mestre” Álvaro Cunqueiro, a el xustamente dedicará o seu vindeiro libro xa no prelo: Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria, que, editado polo concello da histórica vila, responde con exactitude ao que promete o seu título.”

Mª Carmen Caramés Gorgal gaña o XXI Premio de Poesía Avelina Valladares

Desde o Concello da Estrada:
“Mª Carmen Caramés Gorgal únese a longa lista dos gañadores do Premio de Poesía Avelina Valladares, que este ano celebra a súa vixésimo primeira edición. O concurso está promovido polo Concello da Estrada e pola Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares. Ten como principal obxectivo a difusión da lírica galega e dar a coñecer a novos autores; ademais de contribuír ao fomento do uso da lingua galega e facer un particular recoñecemento á estradense Avelina Valladares, que xunto ao seu irmán Marcial, foi unha figura importante para o cultivo literario no século XIX, determinante no rexurdimento do galego como vehículo artístico.
Ás 11:00 horas do 19 de setembro de 2017 reuniuse o xurado para deliberar sobre o fallo. E tras algo máis dunha hora Rosalía Morlán Vieites, Dolores Araújo Arias (Noni), Guadalupe Porto Gañete, David Otero Fernández e Clara Iglesias Cortizo decidiron que a obra presentada baixo lema As idades perdidas (Scripta manent) fose a gañadora.
Nesta edición presentáronse 27 orixinais e o xurado destacou a calidade deles. Tras elixir catro deles, decantáronse por unanimidade polo gañador. “Trátase dun poemario conxunto unitario, de momentos e reflexións de feitos no decorrer dos tempos mentres derredor contextualízase o esencial”, destacou o xurado. E engadiu: “sen desmerecer os outros tres porque a súa calidade literaria é importante e eses son catro poemarios magníficos”.
Descargar acta.
A gañadora recibirá 2.000 euros que se entregarán indivisiblemente nun único premio durante a Festa da Poesía, no mes de decembro.”

Meira: V Festa de Afirmación e Dignidade, o 23 de setembro