Un home estraño, de Antonio Tizón, Premio Cidade Centenaria de Ribeira

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Asistimos á entrega do Premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira outorgado nesta sexta edición a Antonio Tizón por Un home estraño. Un momento importante para o certame ribeirense de noveliña, plenamente consolidado despois dunha década, e para o escritor coruñés que se dera a coñecer hai apenas dous anos con A antesala luminosa. Nesta segunda obra, Tizón volve arriscar co seu xeito de entender a novela policial, que el denomina mulata, na que mestura as convencións do xénero negro coa novela de indagación social. Localizada na cidade da Coruña en 1980, cando gobernaba o concello Domingos Merino, o inspector Xosé Sánchez Pereiro, que xa aparecía na primeira entrega de Tizón, e a xornalista Ledicia Muruzábal, relatan de forma alternativa a investigación na que participan coa intención de desvelar o crime de Manuel Ferro Filgueira, arquitecto do concello.
Antonio Tizón, na súa intervención de aceptación do premio, confesou que esta fora a primeira obra que escribira na súa vida, remontándose a primeira versión a 1977. “Levo corenta anos reescribíndoa. Naceu da visión dun home estraño que atopei entón nos xardíns dos Cantóns. A novela evolucionou nas diversas versións até mudar de xénero, pasando da novela rosa á social, para acabar no xénero negro tal como o eu o entendo”. “Con todo o único que se mantivo intacto en todas as versións foron apenas quince liñas, que na última versión pertencen ao capítulo IV, onde se describe o home estraño: “en pleno verán, ía cun chaquetón de inverno, un pantalón de pana descolorida, unhas botas de pel gastada e unha guitarra enfundada ao ombro”, “con todo, o que máis salientaba daquela estraña figura era o seu rostro, un rostro aínda novo que sorría entre unha barba poboada de seriedade”, “ao ver a súa boca riseira, parecía que se mofaba un pouco de todo”, (…) “o brillo que desprendían os seus ollos grandes iluminaba o rostro dunha paz profunda”. “Un home estraño que acabará por obsesionar á xornalista Ledicia Muruzábal, que non parará ate descubrir todos os segredos da súa identidade. Porque á xornalista parécelle máis incomprensible a visión daquel rostro contraditorio que toda a panorámica da Galicia preautonómica de comezos dos oitenta, o marco histórico no que se desenvolve a novela, que pretende contribuír ao coñecemento dunha época, unha sociedade aínda lúgubre e corrupta, onde campaba aínda a impunidade, pero tamén inxenua e ilusionada”.
Rematou a súa intervención Tizón dedicándolle o libro a Ledicia Costas, “unha autora que tivo a valentía de escribir Un animal chamado néboa“, a José Luis Muruzabal, “que fixo un labor encomiable na Asociaicón Enfermos con doeza mental da Coruña” e a José Barallobre, “que me contou todo sobre a policía”. Tamén agradeceu o apoio de Mari Quinteiro, “portadista e lectora de todos os meus libros”, e a Alba Tizón Quinteiro, “que correxiu o texto”.”

O Porriño: obradoiro de escritura creativa, por Clara do Roxo

Desde a Biblioteca do Porriño:
“Actividade: Obradoiro de escritura creativa
Contido: escritura
¿Para quen?: poboación adulta
¿Cando?: 7, 8, 14 e 15 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.
Inscricións abertas para o “Obradoiro de escritura creativa”. Trátase dun obradoiro intensivo de iniciación á escritura centrada no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir, co que intentamos darlle un impulso a esas escritoras e escritores que levades dentro. As prazas son limitadas e reducidas (máximo 15 persoas), e destinadas á poboación adulta.
Como o resto dos obradoiros que realizamos, é necesaria a inscrición previa na biblioteca ou chamando ao teléfono 986337624, así como ter a condición de persoa socia da mesma. Trátase dunha actividade gratuita e as prazas cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. As persoas que non sexan do Porriño entrarán nunha lista de agarda.
As datas de realización serán os mércores e xoves do 7, 8, 14 e 15 de xuño, entre as 18:00 e as 20:00 horas. O obradoiro será impartido pola recoñecida escritora Clara do Roxo, escritora e profesora de obradoiros de escritura creativa.
Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca do Porriño durante o 2017, con un programa que realza a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción social. Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entedelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes (biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas), co fin de que a Biblioteca do Porriño se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.”

Finalistas dos Xerais 2017

Desde Xerais:
“Tras un xantar no Castelo de Soutomaior, os tres xurados dos Premios Xerais 2017 declararon as obras finalistas.
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, formado por Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias), Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Bennu», «Caridad Verdet» e «Os días felices de Benvido Seixas».
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, formado por Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura) Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Belinfante», «Ceiba de Luz» e «NS».
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, formado por María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fígaro», «Leriana», «Po estelar» e «Max».
Os xurados determinarán as obras gañadoras o sábado 3 de xuño, día no que se celebrará a festa dos premios na illa de San Simón.”

Nacho Taibo: “A miña obra foi desaparecendo dos libros de texto. Sentinme ninguneado, coma agora”

Entrevista de Montse Dopico a Nacho Taibo en Praza:
“(…) – Praza (P): Nada máis comezar a ler [Os tres de nunca] chama a atención a estrutura. Xa Flor do Grelo eran pequenos relatos. En Informe bestiario tamén son pequenos capítulos relacionados de distintas maneiras… Por que optou por contar así a historia?
– Nacho Taibo (NT): Realmente, a idea inicial partiu de lecturas sobre a Segunda Guerra Mundial. Parecíame que nos libros que estaba a ler faltaban algunhas cousas. Mais non quería repetir a fórmula de Informe Bestiario. A estrutura é semellante máis ben á de Homes de ningures que, coma Os dous de sempre de Castelao, conta dúas historias paralelas que se van contrapeando, entrelazando, alternando en contrapunto. No caso de Os tres de nunca son tres personaxes principais e non dous mais, claro, eu xa non son a mesma persoa que escribiu Homes de ningures porque pasaron moitos anos. Agora teño moita máis verborrea, no canto daquel estilo condutista…
Para situar tres personaxes na Segunda Guerra Mundial, tiña que contar o que acontecera aquí antes, aínda que me provocaba vertixes. Decateime de que, para iso, tiña moita información que podía servirme. Eu nacín 10 anos antes do último día da Guerra Civil. Puiden falar con xente que me contou historias sobre o que viviu na guerra. Por iso, na novela hai bastante de historia de transmisión oral, -que non historia oral, que iso é ciencia-, historias que me contaron membros da miña familia, ou da familia da miña muller ou, en xeral, xente que coñecín. Con Informe Bestiario non lle vexo moita conexión, no sentido de que naquel libro eran historias que contiñan outras, como nunha matrioshka. (…)
– P: En Os tres de nunca un home faise xigante, outro toupa, outro le o pensamento dos coruñeses… Alén de que os poderes máxicos son usados moitas veces polos seus personaxes para enfrontarse ou fuxir da opresión, algo pode haber de pegada de Cunqueiro nesa presenza do marabilloso. Aínda que a súa obra podería situarse nese sentido máis se cadra ao lado de Ferrín, pola maneira de falar do político a través do fantástico…
– NT: Eu sempre quixen facer narrativa fantástica. As miñas fontes básicas, cando tiña 25 ou 26 anos, eran Jorge Luis Borges -a súa escrita fantástica- e Cunqueiro. Os dous, pasados por unha perspectiva crítica da sociedade. A miña terceira fonte era Celso Emilio Ferreiro, a quen coñecín a Madrid. Non teño dotes para a poesía: son máis prosaico. E non quería ser cartesiano, newtoniano. En A Ponliña irlandesa e en As boas familias -que non mereceron ningunha crítica-, non hai elementos fantásticos. Eu tiña unha imaxinación desbordante -agora xa non- mais sempre quixen escribir para liberarme da lei, da forza da gravidade… Das leis físicas, da presión do tempo… Non concibo que non poidamos movernos libremente na dimensión do tempo. (…)
– P: Comentou vostede antes que tivo, de varios dos seus libros, poucas ou nulas críticas. Di na súa autobiografía na web da AELG que a partir do 1981 percibe “rexeitamentos” cara o seu traballo. Críticas “gratuitamente contrarias”, promesas de publicación incumpridas… Que pasou?
– NT: Pois non sei. Se cadra hai unha conspiración internacional contra min. Da CIA non, que non son tan importante. Da KGB tampouco, que estou con eles… (Ri). Pero si, tiven problemas cos editores e teño moita obra inédita. Por iso lle estou tan agradecido a Xerais… En canto á crítica, pode ser boa ou mala, pero o peor é o silencio.
Iso pasoume con Salvador de Occidente, que tivo unha soa crítica, en internet e moi negativa. De As boas familias, ningunha. Podo interpretar, por iso, que os críticos evitan escribir sobre os meus libros para non ter que dicir cousas desagradables… Tamén me consta, e non vou dicir os nomes, que hai editoras que aceptan libros para analizar e logo non os len. (…)”

Pontevedra: presentación de Unha morte lanzal. A traxedia do Bou Eva, de Julián Rodríguez Novo

O mércores 31 de maio, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11), de Pontevedra, o Ateneo e a Editorial Discursiva organizan a presentación do libro de teatro Unha morte lanzal. A traxedia do Bou Eva, de Julián Rodríguez Novo. No acto interveñen, xunto ao autor, Xesús Alonso Montero, Uxío Couto Carballido e Enrique Sánchez Sotelo.