Carlos Callón: “O mérito do galego é estar aínda vivo”

Desde Sermos Galiza:
“O escritor Carlos Callón apresentou esta segunda feira o seu novo libro, Galegocalantes e galegofalantes (Xerais), na libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Manuel Bragado, editor da obra, estivo presente no acto ao que tamén acudiu a prensa.
Nun momento no que as estatísticas revelan que o número de galegofalantes é cada vez menor, Callón realiza, en palabras de Bragado, unha crónica do acontecido no panorama lingüístico na Galiza entre os anos 2009 e 2016. Galegocalantes e galegofalantes acusa as administracións de frear o noso idioma realizando ao mesmo tempo “un chamado ás autoridades, pero tamén ao conxunto da sociedade”.
Carlos Callón resalta que cos datos actuais “o mérito [de o galego] é estar vivo” e anima as persoas galegofalantes a defender a nosa lingua ao tempo que convida as non falantes a se uniren a esta loita. Aínda así, o autor móstrase esperanzado. “Esta obra”, afirma Callón, “pretende activar o debate social sobre a lingua galega dende unha perspectiva optimista”.
A cuberta do libro, unha imaxe de Xan Muras, é tamén un reflexo desta mensaxe. Unha fotografía dunha manifestación pola lingua en Santiago que, en palabras de Callón, poderíamos titular como “o trunfo da esperanza”.
Este libro constitúe a última parte da triloxía ensaística que comezou Callón con En castellano no hay problema e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Outra obra salientábel do autor é Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.
Galegocalantes e galegofalantes apresentarase o próximo 2 de maio de novo en Santiago de Compostela e o 10 do mesmo mes na Coruña.”

Ourense: presentación de Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

O mércores 19 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Eixo (Rúa Cardenal Quevedo, 48), en Ourense, terá lugar a presentación do libro Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Delfín Caseiro, X. Luís Álvarez e Manuel Bragado.

“Cando cae a luz”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“Quen dixo que escribir fose fácil? Realmente moitísima xente –que non escribe, claro, mesmo que lé pouco – pensa iso e dío, que é aínda máis grave. Daquela, que don, se cremos nos dons ou na mística inspiración e non no traballo duro ou no oficio, ten María Canosa (Cee, 1978) para publicar durante o ano 2016 seis libros individuais e outro en colaboración con Concha Blanco? E, céntrandonos no que nos ocupa, Cando cae a luz (Urco, 2016), que é o que a leva a deixar por un intre a literatura infantoxuvenil, na que se move con delicada paixón, para levarnos ao terreo do terror psicolóxico?
Gustaríame facer unha puntualización: escribir empregando o medo ou o humor, requiren dunha experiencia especial e tamén dunha solidariedade maior cxs lectorxs, dunha empatía para xogar xuntxs, para que haxa unha confianza mútua, empatía para que a cousa funcione. Na escrita humorística hai unha doada caducidade se o humor non é intelixente e universal: se a referencia na que se basea o chiste desaparece, xa non é actual, a graza e o riso murchan e o libro desínflase convertíndose nun pelexo fláccido de algo que un día foi.
Algo semellante ocorre coa escrita de terror. Non é doado meter e atrapar xs lectorxs nunha historia e provocarlles unha sacodida literal que xs lance fóra do libro e xs desacougue até o punto de seguir a pensar ao rematar a lectura. O relato de terror debería crear un sistema de ecos, de ondas centrífugas, de sacodidas; tras da última liña lida o arreguizo debe seguir zoando no cerebro ou físicamente nalgún recanto do corpo.
O mesmo que ocorre na narrativa erótica é precisa unha provocación a través da indución e unha consecución que vén da seducción. Pura propiedade asociativa. Ou pura álxebra, se o que buscamos é despexar o x. (…)”

A Deputación da Coruña anima a investigación coa convocatoria de vinte bolsas

Desde a Deputación da Coruña:
“Ciencias sociais e xurídicas, ciencias da saúde, ciencias, enxeñaría e arquitectura, artes e humanidades, estudos de xénero e planificación sociolingüística da lingua galega son as distintas áreas das vinte bolsas que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña.
A área de Cultura da Deputación da Coruña convoca vinte bolsas, de 8.000 € cada unha, con fin de incentivar a investigación en distintas áreas tanto de ciencias sociais como experimentais ou lingüísticas. En total, catro serán os proxectos de ciencias e outros tantos de ciencias da saúde que terán apoio para o seu desenvolvemento, 3 de ciencias sociais e xurídicas, 3 de humanidades e 2 das outras tres áreas contempladas na convocatoria, xénero, planificación sociolingüística da lingua galega e enxeñaría e arquitectura.
“Queremos apoiar persoas que queren desenvolver proxectos de investigación nos diferentes ámbitos mais que atopan con serias dificultades de financiamento. Coas bolsas buscamos promover proxectos anovadores e acompañar os primeiros tramos de novas traxectorias de investigación”, sinala Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña dunhas axudas ás que poden concorrer persoas que non están en activo no mundo laboral.
O mapa de bolsas continúa o iniciado na convocatoria do ano anterior, incluíndo as dúas novas áreas que se incorporaran de estudos de xénero e planificación sociolingüística da lingua galega. Na anterior edición apoiouse o desenvolvemento de proxectos como “Modelización e simulación isoxeométrica do cancro de próstata”, “Identificación de biomarcadores psicofisiolóxicos de deterioro cognitivo leve”, “A radio. Unha ferramenta óptima para o avellentamento activo e o fomento da interxeracionalidade”, “Estudo de viabilidade ambiental e sanitaria dun novo sistema de abastecemento de auga en medio rural”, “O discurso da Responsabilidade Social Corporativa na empresa textil”, “A traxectoria intelectual de Xosé Rubia Barcia”, “50 anos de emigración feminina a Suíza na provincia da Coruña: o caso da Terra de Soneira”, “Ausencia de alternativas ao discurso pro-maternal” ou “Música falada. Análise e propostas sobre os usos lingüísticos nas actuacións musicais nas festas populares na provincia da Coruña”.
As persoas solicitantes terán que ser residentes nos distintos concellos da provincia da Coruña e os traballos de investigación a desenvolver deberán estar vinculados a un centro ou organismo público de investigación. Para optar a unha das axudas é preciso non ser xa titular nin ter concesión de ningunha outra bolsa, nin realizar actividades produtivas retribuídas que impliquen contrato. O prazo da solicitude remata o día 27 de abril ás 14:00 horas.
A tramitación das bolsas farase de xeito telemático a través da plataforma SUBTEL na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal

Ferrol: actos destacados na X Semana de Poesía Salvaxe para o 19 e 20

Do 19 ao 22 de abril terá lugar en Ferrol a X Semana de Poesía Salvaxe. Do seu programa destacamos os seguintes actos:

Mércores 19:
18:45 h. Inicio das lecturas poéticas ininterrompidas por parte de poetas novos de Ferrol (Eli Z e Xosé Abeledo), no Quiosco do Cantón.

Xoves 20
12:00 h. Recital poético no Mercado da Magdalena, coa intervención, entre outros/as, de Xoán Abeleira e Ana Cibeira. Á mesma hora, en Caranza, recital de Elisabeth Oliveira e Xosé Abeledo.
18:30 h. Encontro poético con David Rey Fernández e Yolanda Castaño, no Ateneo Ferrolán.
24:00 h. Actuación no Super 8 de, entre outras/os poetas, García MC, O Leo e Xoán Abeleira.