Presentación pública do Festival Rosalía 2017

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora nesta iniciativa, Festival Rosalía 2017, organizada pola Deputación da Coruña.

Unha fábula? Non! É Rosalía!
Reinterpretada, revisitada, e reinventada constantemente durante os máis de 180 anos que leva entre nós, Rosalía de Castro converteuse na verdadeira heroína da nosa cultura e como tal o Festival Rosalía quere celebrar a súa vixencia e importancia.
O Festival Rosalía é unha iniciativa da Deputación da Coruña, que se desenvolverá na cidade de Santiago de Compostela os días 29, cunha gala no Teatro Principal, e 30 de setembro, cunha feira de produtos rosalianos na Praza de Cervantes. Neste 2017 a escusa é o centenario da inauguración do monumento a ela dedicado na Alameda de Compostela.
Colaboran: Concello de Santiago, Fundación Rosalía de Castro e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Para cantarlle, para recitarlle e para sentila entre nós, o venres 29 de setembro ás 21:00 h. realizarase o primeiro evento do Festival Rosalía, unha gala con poesía e música no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Dirixida por Avelino González e presentada por Lorena Conde, contará coas actuacións de Uxía & Sérgio Tannus & Santi Cribeiro, Najla Shami, Abe Rábade & Nastasia Zürcher e Xiana Lastra Pernas & Andrea Porto, a participación de Rosalía Fernández RialMarta DacostaCesáreo Sánchez Iglesias e Anxo Angueira, e cunha convidada sorpresa moi especial. Entrada gratuíta, previa retirada de convite no Teatro Principal, de martes a sábado en horario de 18:00-21:00 h. (máx. 4 entradas por persoa).

Vexa aquí o informe de prensa para a presentación do Festival Rosalía, que tivo lugar o 18 de setembro en Compostela.

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra no Monte Aloia, con Vítor Vaqueiro

Estas son algunas das fotografías do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra realizado no Monte Aloia, que tivo lugar o sábado 16 de setembro, con Vítor Vaqueiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Eli Ríos: “Luns é unha novela visceral, para sentir”

Entrevista a Eli Ríos en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Que significou para ti gañar o 1º Premio Torrente Ballester en lingua galega?
– Eli Ríos (ER): A porta de entrada na narrativa. Nun momento no que publicar é tan complicado, este premio conleva a publicación e cunha certa visibilidade.
Ademais, supón participar nun proxecto, o da Deputación da Coruña, que admiro. Dignificar as condicións de traballo das persoas da escrita en lingua galega.
– PG: Cal é o xerme de Luns?
– ER: O xerme de Luns é rabia. Hai realidades e situacións que nos acostumamos a lelas na prensa e pasan a ser habituais, normais. Desas que dicimos: unha máis… E non pode ser, non está ben. Quería escribir un texto que provocase a reacción, as ganas de moverse. Unha novela visceral dirixida directamente ao hipotálamo.
– PG: Como se pode construír unha obra que fala sobre o día a día e manter o interese da persoa lectora?
– ER: Damos por suposto que a vida está aí e que estará sempre até que non está. Ese punto no que nos enfrontamos á nosa vulnerabilidade é o mesmo no que se encontra Nere, a protagonista. Vivir é unha aventura fantástica. A mellor aventura que nos tocou experimentar. E cando nos decatamos de que cada día é único e irrepetible a ficcionalidade escríbese soa. O interese vén, imaxino, das ganas que teñamos de vivir.
– PG: Luns fala da inestabilidade e a fraxilidade, de como todo o que era sólido pode caer nun abrir e pechar de ollos…
– ER: Nun sistema consumista, como o noso, depositamos a nosa estabilidade na maior cantidade de obxectos materiais e, nese proceso de adquisición constante, esquecemos que ninguén vai saír viva de aquí e acabaremos no mesmo burato. Hai certas situacións que nos obrigan a parar e repensar. Á protagonista acontécelle isto e, cando detén a voráxine do diario, chega ese momento no que analizar se a vida que ten é a que quere, se hai algo que ela poida facer para cambiala. (…)”

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela arredor de Isaac Díaz Pardo, con Esperanza Mariño Davila

Estas son algunas das fotografías do Paseo Literario por Compostela Itinerario compostelán de Isaac Díaz Pardo, que tivo lugar o xoves 14 de setembro, dirixido por Esperanza Mariño Davila. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Faleceu Bautista Álvarez

A AELG lamenta o falecemento de Bautista Alvarez, narrador e ensaísta de pensamento político, galego ilustre, e envíalle unha aperta fraterna á súa familia e achegados/as.
Galiza perde un home que dedicou a vida a reconstruír a nosa identidade e manter viva a nosa cultura e o noso idioma.
Así, nos anos sesenta, foi un dos fundadores do grupo Brais Pinto. Este grupo de galegos residentes en Madrid pularon polo desenvolvemento da nosa lingua e da nosa cultura. E mesmo fundaron unha editorial que se inaugurou coa publicación dun libro de poemas de Otero Pedraio.
Canda os seus compañeiros de xeración, Bautista Alvarez recibiu o premio Brais Pinto no ano 2013, un premio instituido pola Agrupación Cultural Auriense co que se recoñecía o traballo realizado pola nosa cultura, mesmo dende fóra do noso pais e en plena ditadura franquista. Recibiu tamén o premio Manuel Maria á dignidade nacional no ano 2004.
Nese mesmo ano creouse a Fundación Bautista Alvarez de Estudos Nacionalistas, que el presidiu. Nesta mesma Fundación publicou unha parte da súa produción ensaística, Obra Escollida.
Na última década da sua vida, levou á creación literaria a memoria da súa infancia e mocidade cun libro de relatos (Ed. Xerais, 2013), Retallos daquela infancia, e creou unha novela sobre o drama da emigración, Cuarto minguante (Ed. Xerais, 2015).
Que a terra lle sexa leve.