Cuestionario Proust: Ana Cibeira

Desde Ana Cibeirao blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ana Cibeira:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A curiosidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Afecto e comprensión. Fallamos moitas veces e saber perdoar é o que mantén unha amizade duradeira.
4.– A súa principal eiva?
-Impaciencia, e actuar por impulso.
5.– A súa ocupación favorita?
-Fabular no día a día, non podo vivir sen maxia no cotián.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Lendo e escribindo cos meus arredor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder ás miñas persoas favoritas, ás elexidas ou ás que por sorte me tocaron por familia.
8.– Que lle gustaría ser?
-Bailarina.
9.– En que país desexaría vivir?
-Galicia, Galiza, chámalle x.
10.– A súa cor favorita?
-Amarelo e tamén o vermello con brilliños verdes.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A Orquídea, a mimosa, a flor da cerdeira, a rosa…, moitas, moitas.
12.– O paxaro que prefire?
-Un papagaio pequeno.
13.– A súa devoción na prosa?
-Marguerite Duras.
14.– E na poesía?
-Un cóctel feito con Emma Pedreira, Sylvia Plath, Ana Cristina Cesar e Joyce Mansour.
15. – Un libro?
-A edición crítica de Maria Tatar dos Contos de fadas.
16.– Un heroe de ficción?
-Orlando.
17.– Unha heroína?
-Orlando.
18.– A súa música favorita?
-Moita de varios tipos, pero se teño que quedar cun manifesto vital: o hardcore de Minor Threat e Fugazi; e o punk de Bikini Kill e Huggy Bear.
19.– Na pintura?
-Os cadros abstractos de miña nai, Alcira Vázquez Tato; a pintura sobre vídeo de Pipilotti Rist. E o resto das miñas artistas favoritas recólleas case todas a galería virtual femalepersuasion.net.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-As persoas valentes que tentan cambiar o mundo cada día traballando dende a utopía, para facela real.
21.– O seu nome favorito?
-Alcira.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Ese cotián de pasar por riba dos demais para conseguir sona, cartos…, custe o que custe.
23.– O que máis odia?
-Silenciamento.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Todos estes que forman unha soa cabeza e que se adican ao hábito que non soporto citado anteriormente.
25.– Un feito militar que admire?
-O das Vivian Girls. Para buscar cales foron, ir ao grande cadro-novela de Henry Darger The Realms of Unreal. Militar real ningún ;) interésanme os da historia de Galicia.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-O da comunicación.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-De morte natural, velliña e ben despedida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Entusiasmo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que teñen que ver coa vida dura que un ou unha levou.
30.– Un lema na súa vida?
-De portas para dentro da casa: “Stay gold Ponyboy”, é dicir, mantente ilusionada como de noviña. E de portas para fóra: “Date un pracerciño ao día e non te compares cos demais”.”

Santiago de Compostela: Simposio Crítica e medios da comunicación, da Asociación Galega da Crítica, os 27 e 28 de novembro

Simposio AGC 2015 1Simposio AGC 2015 2O formulario para a inscrición tamén pode descargarse aquí: Formulario de inscrición no Simposio AGC 2015.

Mugardos: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

O Xurxo Soutoxoves 8 de outubro, ás 20:30 horas, na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega (Avenida Bello Piñeiro, 5), no Seixo, Mugardos, Xurxo Souto protagoniza a performance interactiva Oceáno para terrícolas, sobre o seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado en Xerais.

Ars dedicandi: Advento de Manuel María

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 6 de outubro hai oitenta e seis anos que viña o mundo Manuel María, un dos poetas máis destacados e prolíficos da literatura galega da segunda metade do século XX.
Os seus comezos inscribíronse na lírica da anguria tebreguenta con títulos como Muiñeiro de brétemas (1950) ou Morrendo a cada intre (1952). Veu logo Terra Cha (1954), que marcou un cambio de rumbo na súa escrita que confirmaron libros posteriores.
No mesmo ano no que vía luz aquel volume darredor do mundo chairego publicábase tamén Advento, poemario que acolleron as Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires nunha lucidía edición para a que Luís Seoane creou a cuberta.
Este Ars dedicandi recupera as palabras que nun exemplar daquela primeira edición estampou Manuel María para os seus amigos Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, estudoso este último que lle dedicaría unha ben ampla análise baixo o título “Manuel María e a cultura popular” no libro Poesía galega. Crítica e metodoloxía (1989).
O “corazón ilusioado” do Manuel María que lembraba en 1984 a emoción coa que estreara aqueles versos trinta anos antes é o que agora contaxia estas liñas, que queren ser un pequeno testemuño para un home grande.”

advento_ars_dedicandi

Basilio Losada: “Galicia é o único país mantido en vida polos seus poetas, e cunha muller á cabeza deles”

DesdeBasilio Losada a Real Academia Galega:
“”Decidín finalmente falar aquí de Rosalía de Castro porque Galicia é, teño para min, o único país do mundo construído e mantido en vida polos seus poetas, e cunha muller en cabeza deles. Interesábanme especialmente as razóns que a levaron a escribir poesía en galego despois de iniciar a súa obra en castelán, e de facelo centrada sobre todo na narrativa”, xustificou Basilio Losada, nomeado académico de honra en recoñecemento ao seu labor incansable na defensa e na difusión da nosa cultura. (…)
Losada agradeceu a Academia o nomeamento e comprometeuse a continuar a traballar en clave galega. “Seguirei pensando en Galicia todo o tempo que me quede de vida, e traballando polo país desde o meu campo de actividade”, asegurou. (…)
O Basilio Losada tradutor (de case douscentos volumes) mereceu tamén atención. “Moitos lectores que hoxe en España, e fóra de España, gustan da literatura galega chegaron a ela da man de Basilio“, salientou Alonso Montero da man de Basilio Losada, tradutor de voces moi representativas da nosa narrativa, do noso teatro e da nosa poesía”, recoñeceu Alonso Montero. Como activista cultural, promoveu ademais encontros entre escritores galegos e cataláns, traduciu textos dun idioma a outro e levou a literatura galega por primeira vez, en 1967, a unha enciclopedia da literatura universal en español. (…)
Nesta ligazón pode descargar o discurso de ingreso na RAG de Basilio Losada Castro e a resposta de Xesús Alonso Montero.”

Hoxe, en Lugo: Letra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais

1443702711458castelaoerLetra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa e Isidro Novo. É a quinta edición desta “revista de literatura oral ao vivo” que sae sempre polo San Froilán, e na que este ano interveñen persoas que rememoran catástrofes e desastres naturais.
Terá lugar o mércores 7 de outubro, a partir das 18:00 horas, no Círculo de las Artes (Praza Maior, 23) de Lugo, con entrada libre.

Ciclóns como o Hortensia (1984) e o Klaus (2009), terremotos como o de 1997 (que acadou 5,1 de intensidade, sendo o seu epicentro no triángulo Sarria-Triacastela-Becerreá), galernas (como a de 1961, con 83 mortos, que castigou especialmente a Celeiro), así como riadas, inundacións, nevaradas, sarabiadas e tormentas con maior ou menor sona que teñan dado lugar a unha aventura ou vivencia digna de ser contada. Sucesos de aquí e de alá como os que nos van narrar dalgunhas catástrofes en Nicaragua desde a ONG Axunica.

Contan:
– Bernardino Pardo Teixeiro.
– Paco Nieto.
Antón Grande.
– Xerardo Pardo de Vera.
– Ana Vila Montero (da ONG Axunica).

Música:
– Mini e Mero.

Coordinan e presentan:
Antonio Reigosa / Isidro Novo (Sección de Literatura Oral da AELG).

Cartel_LetraDasFestas_2015_AELG

Compostela: presentación de Moraime. Pequena vila con mar, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

OXosé Henrique Rivadulla Corcón xoves 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Restaurante María Castaña (Rúa da Raíña, 19) de Santiago de Compostela, preséntase Moraime. Pequena vila con mar, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicado en Edicións Positivas. Neste evento tentarase trasladar os relatos de Moraime á oralidade ambiental dunha taberna, acompañados de pipotes de viño e camaradería, e das sorpresas que poidan aparecer.