Cuestionario Proust: Lois Diéguez

Desde Lois Dieguezo blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lois Diéguez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Aberto.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Crítica e sinceridade.
4.– A súa principal eiva?
– Sóbrame paixón.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser un mesmo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O silencio.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Portugal.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Magnolia.
12.– O paxaro que prefire?
– Ouriolo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Blanco Amor, Marcel Proust.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro, Miguel Torga.
15.– Un libro?
Peregrinos apaixonados-Viaxeiros polo mundo dos desertos árabes, de James C. Simmons.
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Música folk.
19.– Na pintura?
– Impresionismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Estevo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O abuso.
23.– O que máis odia?
– A vaidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os presidentes dos EE.UU.
25.– Un feito militar que admire?
– Nengún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder facer milagros.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Vitalidade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– As arroutadas sen maldade.
30.– Un lema na súa vida?
– Saber vivir.”

Un pensamento de Celso Emilio Ferreiro, no seu XXXVI cabodano, por Ramón Nicolás

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Hai trinta e seis anos falecía, na súa casa da Avenida de Castrelos en Vigo, Celso Emilio Ferreiro. Cada día que pasa convénzome do feito de que aínda hai moitas facetas súas ás que cómpre achegarse, moito que pescudar, exhumar e sistematizar e que a relevancia do seu herdo é unha envexable bóla de neve que non cesa de medrar. (…)
Para rememorar a data permítome traer hoxe un apuntamento, inédito, de Celso Emilio Ferreiro tirado dun caderno seu de apuntamentos persoais e que reproduzo aquí por cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Seguimos.”

Celso Emilio Ferreiro texto

Elena Gallego: “Se noutras culturas teñen a Spiderman, por que non podemos ter nós a Dragal?”

DesdeElena Gallego Xerais:
Radio Nacional publicou unha entrevista de Rafa Cid a Elena Gallego Abad sobre Dragal IV, A estirpe do Dragón e toda a serie Dragal. A entrevista pode escoitarse lerse ou descargarse nesta ligazón.”

Burela: actos destacados na Feira do Libro

OFeira do Libro de Burela 2015 programa sábado 29 e domingo 30 de agosto comeza a Feira do Libro de Burela, cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 29
13:00 h. Presentación de Galicia Encantada. O pais das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais.
20:15 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participa, xunto ao autor, Alfonso Otero Regal.

Domingo 30
13:00 h. Presentación de O Tesouro do Monte, de Ramom Reimunde, publicado pola Academia Galega da Língua Portuguesa. Participa no acto Bernardo Penabade.
18:30 h. Presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas.

Casas literarias: Ramón Piñeiro

casa-ramon-piñeiroDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O ano 1990 foi nefasto para as nosas letras. Marcharon Ricardo Carballo Calero, Xosé María Díaz Castro, Xosé Conde, Manuel Lueiro Rey e Ramón Piñeiro.
Xa vai alá un cuarto de século e parece que foi onte. Aquel vinte e sete de agosto, tras ser hospitalizado, rematou os seus días na vivenda de Xelmírez 4º o autor de Olladas no futuro. Foise no mesmo lugar no que sentou cátedra durante corenta anos, unha universidade paralela e clandestina que dirixía dende aquela atalaia que gobernaba os tellados de Compostela, como moi ben describiu o seu amigo Víctor Fernández Freixanes:
A galería dá á rúa de Xelmírez e pódese ver a rúa Nova ata o cine Principal, os tellados vellos de Compostela, unha tenda de ceras na esquina que semella estar pechada sempre, coma morta, os campanarios (outra vez os campanarios, escuros, gobernados aquí polas altas torres da catedral, que queda un pouco á dereita). Axiña vén a noite polo mes de Santos. Chove a cachón, chove de abaixo pra riba, de riba pra abaixo, e a auga anda xa nas entrañas das cousas, escorregando entre as laxes de pedra, xurrando polas costas e esvaíndo as imaxes. Cando estiña, os cascarolos nocturnos saen dos seus currunchos e van coma fatos de carneiros calados polos granitos.
A vivenda que avista a Rúa Nova, propiedade da familia García-Sabell, converteuse naqueles anos escuros no epicentro do galeguismo interior, unha sorte de sancta sanctorum ao que cumpría peregrinar para parlamentar co singular apóstolo. O seu xenuíno altar acabouno constituíndo unha vella mesa braseiro. Nela ideáronse moitas das estratexias de supervivencia e proxección da cultura galega dese tempo e tamén alí foron escritas miles de cartas e a obra maior do autor de Láncara. (…)”