O doce abxecto, por María Reimóndez

ArtigoMaría Reimóndez de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
““Woman, as a sign of difference, is monstrous
Rosi Braidotti, “Mothers, Monsters and Machines
A free woman in an unfree society will be a monster
Angela Carter, The Sadeian Woman.
Tomo as dúas citas introdutorias para esta recensión do excelente artigo “Of Aliens, Monsters and Vampires: Speculative Fantasy’s Strategies of Dissent”, de Belén Martín Lucas porque creo que ben serven para contextualizar a novela Sangue 12 de Cris Pavón. Esta contextualización fáiseme necesaria porque, deliñando o seu argumento de vampira adolescente (ben, as vampiras non teñen idade pero así se entende no texto) namorada podería ser que alguén se confundise con certas versións recentes desta temática coas que a novela de Pavón nada ten que ver. Malia a moda de películas, series, libros e demais parafernalia que nos invadiu en época recente, a novela de Pavón nace, ao meu ver, dunha outra xinealoxía, unha moito máis antiga e sen dúbida evidentemente antiheteropatriarcal.
É ben certo que as narrativas vampíricas renacen das súas cinsas de forma pendular co atractivo que estes personaxes tan terroríficos como atraentes suscitan non só nas mentes adolescentes, pero rara vez as lecturas máis habituais desa lenda pasan do agardado, do previsible, da sedución heteropatriarcal do vampiro poderoso e as vampiras… ben, vampiras.
Eles coa capacidade de dar a vida eterna, elas coa maldade innata de calquera muller, incapaces de sentir amor, compromiso, coidado, todas eses atributos femininos do patriarcado. Mais no fondo, e de aí a intelixencia fina e irrefutable de Pavón, a lectura patriarcal do vampiro deixa fóra o seu potencial de subversión, un potencial que, por certo, levan explorando as autoras feministas e lesbianas, sobre todo as racializadas, xa un tempo moi longo noutras latitudes (por desgraza, con pouca visibilidade). (…)
O heteropatriarcado comeza por desafiuzarnos do noso corpo, por facernos entender ás mulleres mesmo dende esa experiencia básica, que non encaixamos, que somos as monstras, as abxectas. Só desta maneira se entenden os debuxos recorrentes do “corpo humano” sempre masculino, o mal chamado “masculino xenérico” da linguaxe sexista, a delimitación das mulleres nos estudos médicos sempre como a excepción a unha suposta (ironías á parte) regra. Sangue 12 fala de todo isto e máis, coa escrita non de quen é quen de reescribir un xénero senón de devolvelo ao rego transgresor do que naceu fronte a visións hexemónicas e edulcoradas, patriarcais e retrógradas da máis pura cooptación.
O motivo vampírico e doutras monstras resulta unha narrativa, pois, vizosa, para analizar o abxecto e as fendas das ideoloxías dominantes que Pavón utiliza á perfección. Ademais, neste caso, o que se conta resulta tan intrigante, atractivo e engaiolante que unha non ten máis posibilidade que renderse ante o evidente. O abxecto é doce, a subversión é deliciosa, a transgresión é pracer.”

Radiocrítica 01-06-2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 1 de xuño en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de E os domingos un croissant… de Ursula Heinze (2:00), de Elos, de Rosalía Fernández Rial (9:23), da Historia da literatura infantil e xuvenil galega, coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou coa colaboración de Eulalia Agrelo Costas, Pilar Bendoiro Mariño, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González, Marta Neira Rodríguez e Isabel Soto (15:10) e das Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz (23:04).”

Vilaboa: O Escritor na súa Terra Xosé María Álvarez Cáccamo, o 6 de xuño

A1430316349527banner-caccamo Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que será homenaxeado no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha moreira branca elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida o Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo.

PROGRAMA DE ACTOS
11:30 h. Parque Público CartelLetraECaccamoPoeta Xosé María Álvarez Cáccamo (Santa Cristina de Cobres, a carón do CEP Plurilingüe de Riomaior).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da moreira branca (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Ornela Fernández Salgado, Tenente de Alcalde de Vilaboa.
Xosé María Álvarez Cáccamo.
Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado ao parque.

12:15 h. Casa da Cultura de Riomaior (Santo Adrián de Cobres)
Acto de entrega da “Letra E”.
Interveñen:
•José Luis Poceiro Martínez, Alcalde de Vilaboa.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xavier Rodríguez Baixeras: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xosé María Álvarez Cáccamo.

14:00 h. Pazo de Larache (Lugar de Larache, 16 – Santa Cristina de Cobres).
Xantar de confraternidade.
Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Vilaboa e demais persoas interesadas.

Consonte este novo século prosegue a súa andadura, máis se engrandece a figura de Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) e máis vasto é o espazo que ela vai ocupando para a nosa historia na estima de toda persoa que se mova no ámbito da creación literaria galega. Autor emblemático da xeración poética dos 80, intenso e múltiple, polifacético, impenitente curioso sempre en procura de novos xeitos (e xestos) de beleza (non só na creación literaria, mais tamén, por exemplo, nas cunchas mariñas e no poema-obxecto), a súa vitalidade extrema, que carece dun tope definido, e a súa índole xenerosa sempre serán causa de novas maneiras de sorpresa, de compromiso cívico ou de irada protesta contra a barbarie.

A súa vida, que provén de eminente estirpe de escritores e que el relatou brillantemente nun libro de memorias e, aliás, reflectiu de contino nos seus poemas maxistrais, decorreu primeiramente –e sobre todo– no barrio das Travesas de Vigo e na exaltación dos veraos de Coruxo, na beira da ría, para, co tempo, se desprazar, en novo círculo familiar, até os Cobres, no concello de Vilaboa, e en concreto o sobranceiro lugar de Vilar, desde onde asiste todos os días ao espectáculo singular da enseada de San Simón e no que xa se considera un arraigado, un veciño máis. E é nese cativador escenario onde o noso Pepe Cáccamo se dispón a ser declarado –en irónica redundancia– escritor e a plantar a moreira branca, da que a follaxe se derrame sobre si e sobre esa terra, en perenne sedución.

PolipticoLetraECaccamo

ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN

I Edición
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos

II Edición
BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo

III Edición
MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei

IV Edición
MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo

V Edición
XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces

VI Edición
UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel

VII Edición
LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo

VIII Edición
XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba

IX Edición
XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín

X Edición
SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo

XI Edición
PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense

XII Edición
MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo

XIII Edición
MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro

XIV Edición
XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide

XV Edición
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba

XVI Edición
MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela

XVII Edición
PACO MARTÍN
2011 • Lugo

XVIII Edición
XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo

XIX Edición
MARICA CAMPO
2013 • O Incio

XX Edición
XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea

A Coruña: recital de Helena Villar e Rati Saxena no Ciclo Poetas Di(n)versos, o luns 8 de xuño

OHelena Villar luns Carmarthen, UK   19/03/2013  Picture: Dr. Rati Saxena RE: Dr. Rati Saxena  Visiting Trinity Saint Davids University, Carmarthen Campus Photo credit should read: Aled LLywelyn 8 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Helena Villar e Rati Saxena. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos xuño 2015.