Ourense: actos destacados do sábado 6 e domingo 7 na Feira do Libro

O11351139_1099085193438644_2895588946783956781_n domingo 7 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para os dous últimos días:

Sábado 6
19:30 h. Joel Gômez presenta Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através, acompañado de Carlos Garrido.
20:30 h. Manuel Blanco Desar presenta Galicia: Un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, publicado por Xerais.

Domingo 7
13:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso, por Nova Galicia Edicións.
19:30 h. David Pérez López presenta Historia de Galicia, publicado por Edicións do Cumio. Participará no acto, xunto ao autor, Cándido Meixide Figueiras.

Cuestionario Proust: Raúl Gómez Pato

DesdeRaúl Gómez Pato o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Raúl Gómez Pato:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A tranquilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un café con risos.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e ver cine. Ouh.., esquecíame, ler e ver cine despois de gozar dun intre de bo sexo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non o sei, ando na busca del. Pero quizá puidese ser vivir o suficiente para poder disfrutar de toda a arte que o ser humano ten producido e ter alguén con quen compartilo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Estar permanentemente canso.
8.– Que lle gustaría ser?
– Reloxeiro.
9.– En que país desexaría vivir?
– Por deus, Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Azul turquesa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Narciso.
12.– O paxaro que prefire?
– Merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cervantes e Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Virxilio e Ronseltz.
15.– Un libro?
– A Eneida.
16.– Un heroe de ficción?
– Quizais Sherlock Holmes.
17.– Unha heroína?
– Antígona.
18.– A súa música favorita?
– Toda sen exclusión.
19.– Na pintura?
– Turner, pero cen mil pintores máis, polo menos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Rosalía de Castro e Rosa Parks.
21.– O seu nome favorito?
– Aroa e Loaira.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A pedantería.
23.– O que máis odia?
– Nada.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A Manuel Fraga, moito, pero moito moito. A algúns outros, tamén.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Pero claro, literariamente, A guerra de Troia.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don da palabra.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Non querería, pero postos a escoller…; definitivamente, non querería.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Irónico.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A impuntualidade.
30.– Un lema na súa vida?
– O día peor empregado da miña vida é aquel no que non rin.”

Metáfora da metáfora, de María Xosé Queizán, por Andrea Nunes Brións

ArtigoAndrea Nunes Brións de Andrea Nunes Brións na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“En Metáfora da metáfora unha inicia a desmontaxe dunha tradición literaria enraizada nos valores do patriarcado mediante un procedemento, extraordinariamente eficaz por imprevisíbel, de sinais case subliminais. A través de ecuacións tipo poesía igual a amor, igual a morte, igual a desexo do desexo, igual a negación do real, aparece unha voz que denuncia as imposturas e autoenganos do discurso amoroso canónico e encarnado na figura dun poeta ensimesmado, cuxo único obxeto de adoración son as súas palabras.
Faino a través da insistente referencia ao mito de Narciso, que coa súa parafernalia de espellos e de ecos no abismo transfórmase en símbolo da alineación do home-poeta, absorto na tarefa de amarse a si propio e de contemplarse na imaxe de muller.
O termo clave metáfora, desdóbrase como unha célula viva dende o título xeral e reaparece en diversas combinacións nos subtítulos de seccións e no corpo de moitos poemas, funcionando neste contexto como un elemento desenmascador, que denuncia unha ausencia múltiple; do obxecto do desexo, do nome que o designa e dos afectos supostamente vinculados co obxecto e co acto de rebautizalo.
Resalta a novidade que supón e o atractivo dunha poesía que prefire falar de metáforas en lugar de usalas ou que as usa para deconstruílas.
O ton dominante, algo desapegado, antidramático, irónico ás veces, son as solucións que da a poeta para expresar as múltiples descolocacións contra todo o imposto, (o español como idioma dominante, o canon literario, o patriarcado, as persoas que asumen os valores do patriarcado, etc).
Así, Queizán presenta ese amor como algo que só se pode apoiar na palabra, na palabra de muller (feminina e feminista). Hai temas ou ideas primordiais no poemario que se repiten; as diferentes caras que ten o amor, o amor a Galiza (doloroso) o amor entre irmás, o amor entre iguais, o amor horizontal, o amor destrutivo, etc. que aparece dende a visión plural dun mesmo suxeito.
Por outra parte, está a idea da creación propiamente dita. O amor como metáfora mesma; a palabra.
É esa reivindicación da lingua, que aparece como único amor que lle pertence, remitíndonos así á paixón polas palabras. Reivindicando o amor entre iguais, e comparando a realidade da Galiza e da lingua galega coa situación que temos as mulleres.
O desexo de escribir nace na nosa poeta como un acto erótico e amoroso, no que as palabras senten o goce co que se pecha así o círculo escritura-amante. Queda así reflectido nos versos, a importancia que lle dá á palabra creadora, e a súa necesidade de escribir, e deducimos que tanto o acto creador como o acto amoroso son, en María Xosé Queizán, actos feministas e horizontais.”

Compostela: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”

OEduardo Estévez venres 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto, xunto aos autores, participa Alba Viñas.

A importancia de cambiar as lentes…, por Eli Ríos

ArtigoEli Ríos de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
O diario violeta de Carlota (Gemma Lienas, 2011, Galaxia) é precisamente iso: un diario que escribe unha adolescente chamada Carlota. Non existen, polo tanto, nesta narrativa, espazos de fantasía ou irreais. Carlota escribe sobre o mundo que a rodea.
O día do 14 aniversario de Carlota, a avoa Isabel dalle como agasallo un caderno rosa cunha mancha violeta e non sabe moi ben qué facer con el. A súa outra avoa, Ana, propónlle analizar a realidade desde outra perspectiva porque “Todos os elementos machistas vánsenos metendo dentro do cerebro sen que no deamos de conta. Precisamente para sermos conscientes, temos que poñer unhas lentes violetas(*) e miralo todo cuns ollos novos, con ollos feministas (*) (p. 22) xa que “as lentes violetas que me permiten ver- deixando á parte esa mirada masculina que nos ensina a sociedade- o significado real de moitas situacións” (p. 141) Desta forma, Carlota realiza enquisas, cuestiona a familiares e persoas coñecidas, observa os medios de comunicación desde a óptica da igualdade para ir descubrindo as grandes diferencias no tratamento entre homes e mulleres en cuestións como o sexo, relacións e diferenzas laborais, educacionais, etc. Afectada por todos os datos que recolle decide crear ACOMI (Asociación Contra Os Modelos Impostos, p. 122) para dar a coñecer os resultados das súas pesquisas e implicar non só o seu círculo máis próximo senón, incluso, a colectividades doutros centros educativos porque “temos que loitar contra calquera discriminación” (p. 151).
Aínda que na versión galega hai algunha colocación pronominal que dificulta a súa lectura (“Así pois, convencinche para escribires o teu diario violeta?”- p. 22-, “E que queres que lle eu faga?” -p. 79-, “É que a min me gustan as mozas…”-P. 119-), en xeral, esta historia está narrada con moita naturalidade e sentido do humor. Búscase, polo tanto, un achegamento á persoa que le sen victimizar as mulleres, sen atacar aos homes e cunha linguaxe próxima á utilizada na adolescencia para facer unha análise de diferentes aspectos. Ademais inclúe, no final, un glosario no que se explican e detallan as palabras e conceptos que poidan resultar complicados.
Sen ser unha novela nin un manual, este diario pon riba da mesa aqueles interrogantes que, hoxe en día, están de plena vixencia: as expresións que, aínda que non se usen con intención de facer dano, teñen tintes machistas por tradición, a crueldade coa que se califica o físico das mulleres, os hábitos aprendidos como que o rapaz teña que tomar a iniciativa nunha relación amorosa, etc. E, sobre todo isto, Carlota apréndenos a reflexionar cunha sinxela regra da inversión coa que, dándolle a volta á nosa forma de ollar as cousas, descubriremos (e incluso nos sorprenderemos) que a realidade está chea de prexuizos e desigualdades. Si. Prexuízos e desigualdades que, unha vez detectados, teñen solución. E Carlota convídanos a xuntarnos nese esforzo.”

Mona Imai e Alejandro Tobar fanse co premio Plácido Castro de Tradución

“OAlejandro Tobar xurado da décimo cuarta edición do premio Plácido Castro de Tradución acordou hoxe en Pontevedra recoñecer o labor dos tradutores Mona Imai e Alejandro Tobar.
A xaponesa Mona Imai concorreu nesta edición cunha tradución da obra Botchan, novela do escritor e poeta nipón Natsume Soseki, publicada por primeira vez en 1906. N. Soseki é o pseudónimo literario de Natsume Kinnosuke (1867-1916), profesor de literatura inglesa, escritor de haikus e de poesía chinesa. Botchan baséase na experiencia do propio autor como docente e narra as aventuras dun profesor natural de Tokio e que choca coa xente de provincias coa que convive. Trátase dunha das obras máis populares e lidas en Xapón nos últimos cen anos.
Alejandro Tobar concorreu coa tradución O forasteiro misterioso, de Mark Twain, a derradeira novela que intentou realizar este autor estadounidense. O centro da obra é un comentario social que aborda as súas ideas acerca do sentido moral.
O xurado destacou, no caso da tradución de Mona Imai, a sutileza e a capacidade para traer para o galego unha obra creada nunha cultura distante como a xaponesa, e tamén, no caso de Alejandro Tobar, a viveza do estilo e a naturalidade da lingua que leva a un pracer lector certamente estimable.
Integraron o xurado desta edición: Susi Castro Sineiro (Fundación Plácido Castro), Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Camiño Noia Campos (Asociación de Tradutores Galegos), Xosé Antón Palacio (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Antón Santamarina (Real Academia Galega) e Xulio Ríos (Director do IGADI), quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

Pontevedra, 3 de Xuño de 2015.”