Gustavo Pernas: “O dramaturgo ás veces convértese en demiurgo na voz do intérprete”

EntrevistaGustavo Pernas de Carlos Loureiro a Gustavo Pernas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Falarmos de Gustavo Pernas é falarmos de teatro… non houbo outros xéneros que en determinado momento estivesen no teu maxín ou na túa pluma?
– Gustavo Pernas (GP): Escribo relatos ou poemas pero sobre todo textos inclasificables desde o punto de vista xenérico. Gústame xogar nas marxes dos xéneros ou directamente rompelos. Tamén me gusta a investigación e o ensaio. En 2007 publiquei en Laiovento Os Ollos de Victorine e a Construcción da Cuarta Parede. sobre a configuración da mirada moderna na arte e no teatro. (…)
– NG: No 1989 Ánxela G. Abalo e mais ti formades a compañía teatral “Áncora Produccións”, compañía referente da nosa posta en escena contemporánea. Que obxectivos vos propuxestes con tal creación? Visto desde hoxe, eses obxectivos acadáronse ou ben aquelas ideas primixenias quedaron superadas?
– GP: Todo é camiño. Daquela xuntámonos para crear un proxecto artístico que tivo unha poética moi particular. Investigación, xogo, compromiso, diversión, experimentación…son conceptos que guiaron a nosa procura singular. Facer teatro en galego e desde Galicia tamén era un obxectivo abondo arriscado e segue a selo, non hai máis que mirar a regresión e os ataques gubernamentais á nosa lingua. O teatro está a sufrir os recortes económicos e lingüísticos. Os proxectos máis comerciais estandarízanse e as voces propias perden eco. Atravesamos un momento especialmente crítico onde conseguir axudas para reemprender o camiño é cada vez máis complicado. Neste contexto non interesamos, formamos parte dunha cultura no punto de mira dos francotiradores políticos. Pero o teatro sempre estivo en crise. A esperanza non está nas políticas de falso emprendemento que pretenden promocionar desde o cinismo, está na nosa capacidade de resistencia, de vontade e de transformación. O mito da Ave Fénix alenta desde as cinzas. Son moitos os proxectos e moitas as curvas do camiño pero esas ideas primixenias seguen vivas, demandando novas formas. (…)
– NG: Con todo o individualismo que achamos nesta obra [Isóbaras], cos diferentes monólogos… ao final o espectador é quen de sacar unhas ideas e conclusións xerais… Como se pode conseguir esta sensación no espectador perante unha obra tan controvertida?
– GP: Gústanme as diferentes lecturas, romper coa dinámica do branco e o negro. Os personaxes teñen distintas capas e cada un deles pode xustificar as súas accións, argumentar isto ou aquilo. Cada un é fillo das súas circunstancias e experiencias. A obra ofrece ao lector, e esperemos que a un futuro espectador, un método ou un camiño para descubrir as interseccións, os puntos en común, é como ese xogo dos encrucillados onde podes reseguer os puntos e sae un debuxo ou outro. Esta é unha obra de encrucilladas, de solitarios que ignoran que a súa voz ten eco de coro.
– NG: Por que a túa obsesión verbo da personalidade humana en moitas das túas obras, do labirinto da personalidade humana?
– GP: Vivimos moi pouco. Na medida que imos cumprindo anos vai adelgazando a percepción do tempo. Sabérmonos, intentar coñecer algo do que somos é un obxectivo abondo ambicioso para o escritor ou o artista que pescuda no fondo da personalidade humana e nas súas contradicións. O mito do minotauro e o labirinto e o mito de Sísifo, reinterpretado tan brillantemente por Camus, están presentes no meu teatro e na miña vida. (…)”

Quedou deserto o premio do XIV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

Ocertame aviles 2015 diptico premio do XIV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos quedou deserto.
O xurado, constituído por Rafael García Guerrero, Mercedes Queixas Zas, Oliva Fraga Lombardía, Baldo Ramos, Antonio Piñeiro Fernández e Xavier Castro Rodríguez, argumentou a súa decisión neste documento: Decisión argumentada do xurado do XIV Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos.

Xenealoxía do fantástico, entrevista a Dolores Vilavedra

Entrevista Dolores Vilavedraa Dolores Vilavedra en Cultura Galega:
“- Cultura Galega: Segue a ter a nosa literatura aquelas características do fantástico que a caracterizaron con escritores como Álvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole? Ou ficaron xéneros como a fantasía ou a ciencia-ficción relegados a públicos máis pequenos, ou marcados por unha idade? Esta é a pregunta que nos facemos esta semana.
– Dolores Vilavedra: “Vexamos, a súa presenza é minoritaria dentro do minoritaria que é a literatura galega”, avanza Dolores Vilavedra, profesora da USC e especialista en literatura galega contemporánea, “pero para compensar adoitar ter un público moi fiel, e isto é o que lles permite sobrevivir”. Estamos falando sobre os xéneros pulp, os xéneros de literatura considerada de masas e a súa presenza na literatura galega. Tamén dos xéneros que exploran a fantasía máis imaxinativa sen límites.
“A fantasía é un territorio no que nos sentimos moi cómodos. En primeiro lugar porque é un territorio moi amplo, moi híbrido por definición”, sinala Vilavedra, “e a nosa literatura é hibrída por natureza, así que se sinte cómoda”. O ronsel dos Cunqueiro, Fole é alongado e distante. “Hai unha xenealoxía privilexiada para o xénero fantástico”, sinala Vilavedra, aludindo á longa tradición imaxinaria na literatura galega.
Para Vilavedra, a literatura infantil-xuvenil é un dos espazos onde mellor se canalizou a presenza contemporánea do fantástico na literatura galega. “Este é un público consolidado, no sentido de que hai unha demanda articulada” que aproveita, segundo Vilavedra, o boom do fantástico xenerado nos anos 80-90 na literatura galega. (…)”

Cuestionario Proust: Xosé Antón Cascudo

DesdeXosé Antón Cascudo o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Antón Cascudo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A tenacidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O silencio.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que paguen un cacharro.
4.– A súa principal eiva?
– A torpeza.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ver o ciclismo desde a cuneta.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Posuír o esencial.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A cegueira.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste mesmo.
10.– A súa cor favorita?
– O verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da xesta.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Anton Chejov.
14.– E na poesía?
– Alejandra Pizarnik.
15.– Un libro?
– Calquera que resista a relectura.
16.– Un heroe de ficción?
– Nanook.
17.– Unha heroína?
– A rapaza da fábrica de mistos.
18.– A súa música favorita?
– Hoxe, Patsy Cline.
19.– Na pintura?
– Andrei Rublev.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Ezequiel Mosquera.
21.– O seu nome favorito?
– Omar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A enxeñaría social.
23.– O que máis odia?
– O odio non entra nos meus intereses.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Edison.
25.– Un feito militar que admire?
– A toma de Perejil.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de voar.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha en especial.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Din que o acougo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os da xente á que quero.
30.– Un lema na súa vida?
– Imos indo, imos vendo.”

Compostela: recital poético e presentación de (No) Meio (do) Oriente

A sexta feira 22 de maio, ás 19:30 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7, baixo), en Santiago de Compostela, haberá un recital poético a cargo de Teresa Moure, Concha Rousia, Iolanda Aldrei e José António Lozano Garcia, despois da presentación (No) Meio (do) Oriente, de Artur Alonso Novelhe, publicado por Círculo Edições.